DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus acolleu o sexto Pitching TFG que promove o clúster desta industria

Os sector audiovisual galego achégase aos proxectos nacidos nas aulas da Facultade de Comunicación

Catro titulados e tituladas presentaron os seus traballos a diferentes produtoras

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 26/01/2023

Dirixido a pór en valor os novos talentos do audiovisual galego e conectalos coa industria, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra acolleu este xoves a sexta edición do Pitching TFG, un encontro promovido polo Clúster Audiovisual Galego, no que titulados e tituladas das tres universidades galegas presentan os seus traballos a representantes de diferentes produtoras. Trece proxectos audiovisuais, de diversos formatos e en diferentes fases de desenvolvemento, foron seleccionados para unha xornada na que a Universidade de Vigo estivo representada polos egresados da Facultade de Comunicación Victor Couto, Isabel Estévez, Branca Breijo e Martín Arufe, que presentaron a representantes de sete produtoras as series, curtametraxes e producións multimedia que idearon para os seus traballos de fin de grao (TFG).

O encontro foi inaugurado polo presidente do clúster, Jorge Algora, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e contou tamén coa participación da decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres. Tras a apertura, procedeuse á presentación dos traballos seleccionados das tres universidades galegas, así como doutras tres propostas por parte do Clúster do Audiovisual de Catalunya. O encontro completouse así mesmo cun speed dating, no que os novos titulados e tituladas puideron conversar con representantes de Adivina Producciones, Portocabo, Zenit Televisión, Setemedia, Meglo Cinema, La Pizarra Produce, Studio XXI Producciones e Televisión de Galicia. Finalmente, este sexto Pitching TFG pechouse coa entrega de premios ao mellor proxecto e á mellor creación en lingua galega, acto que contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e da xefa de Contidos da TVG, Montse Besada, e no que se recoñeceu á serie Fuera de campo, presentada polo clúster de Cataluña e á curta No profundo, presentada por estudantes da USC. 

Unha “porta” ao sector profesional

“É unha forma de darse a coñecer, unha porta para poder falar con distintos empresarios”, salienta Isabel Estévez, que abriu a rolda de presentacións dando a coñecer Antígona, un “proxecto multimedia” ao que deu forma para o seu TFG. “É a proposta dun novo tipo de formato audiovisual”, explica dunha proposta na que avoga pola “mestura do que pode ser o cine tradicional” con outras disciplinas como a performance, tendo como factor clave “a interactividade” del de tal xeito o que “o espectador poida elixir o destino da protagonista”. Antígona é así mesmo “unha proposta de tematica feminista”, que ten como obxectivo principal contribuír “ao cambio social”, explica esta titulada, que destaca “a oportunidade de poder amosalo” a profesionais da industria. 

“Estar diante de produtores e que poidan ver tanto o xa feito como coñecer o que estou facendo é xa algo incrible, unha oportunidade de luxo”, engade Branca Breijo, selccionada para este encontro por Causalidades, un proxecto de serie da que tamén levou a cabo un capítulo piloto para o seu TFG. Trátase, como explica, dun thriller “que se caracteriza sobre todo por unha ruptura de clichés á hora de falar de temáticas como a prostitución ou as monxas de clausura” e que sitúa ás mulleres “como principais protagonistas da acción en todos os ámbitos”. Tamén o egresado Martín Arufe presentou neste encontro unha proposta de serie, neste caso de ciencia ficción, que ideou para o seu TFG e da que deu forma ao guión do seu capítulo piloto. Titulada The Princess, trátase dunha “aventura de ciencia ficción, moi divertida e moi dinámica, con capítulos longos cos que se busca xerar case unha película por cada un, o que non é algo tan habitual en Galicia”, explica. Arufe destaca o positivo dun evento que “supón a posibilidade de levar os proxectos á xente que podería estar interesada en traballar con eles, financialos ou apoialos dalgunha forma”, á vez que pon de relevo que, “máis aló de que somos conscientes de que isto é moi difícil de conseguir”, o propio contacto directo co mundo profesional supón xa “un paso adiante moi positivo”. 

Por último, Víctor Couto encargouse de preentar Ágape, unha curtametraxe que explora un mundo distópico pero carente de tecnoloxía e que ten como punto de partida, explica, a pregunta de que acontecería “se unha sociedade tivese que convivir, pero sen ter ningún tipo de sentimento”. Nese senso, Couto destaca tamén o interesante dunha experiencia na que, ademais de estar en contacto con profesionais da industria, permite “coñecer os distintos proxectos dos representantes doutras universidades”.