DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os tecidos antigos e o imaxinario do turismo definen as dúas coleccións que viaxan de Esdemga ao Ego

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 15/09/2021

A covid-19 impediu o pasado ano que as coleccións que o alumnado de Esdemga realiza como traballos de fin de estudos se presentasen no desfile que cada ano acolle o Pazo da Cultura dentro da programación de Debut. Isto fará da 74 edición da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid, que desde este xoves se desenvolve no Ifema, o escenario no que poderán contemplarse por primeira vez Solsticio e Cool people visit Benidorm, as coleccións que Patricia Chamadoira e Candela Novoa, respectivamente, idearon como proxectos académicos e que lles permitiron formar parte dos oito deseñadores e deseñadoras seleccionados para o Allianz Ego, a plataforma para novos creadores que o domingo porá peche á pasarela madrileña.

Como “unha oportunidade marabillosa” e unha “inxección de autoestima” define Novoa a súa selección para esta pasarela, na que presentará unha colección inspirada “no imaxinario das vacacións de verán, no turismo de sol e praia e na propia cidade de Benidorm”. Por outra banda, os antigos “rituais pagáns que se celebraban no solsticio de verán” serviron como fonte de inspiración do proxecto que Chamadoira articulou a partires da “reciclaxe” de tecidos antigos, como sabas ou mantas. “Apetéceme moitísimo e dáme certo medo á vez”, recoñece esta titulada dun desfile que lle permitirá comprobar como funcionan as súas creacións con modelos profesionais e que agarda á súa vez que axude a “abrir portas” de cara a desenvolver unha carreira profesional no mundo da moda. Xunto a Chamadoira e Novoa, as coleccións de 404 Studio, Goodption, Karont, Montenegro, Morle e Puzzle optarán tamén no Ego ao premio Mercedes-Benz Fashion Talent, que na anterior edición da Fashion Week Madrid acadou outro titulado de Esdemga, Rubearth

Tecidos que cobran novas vidas

Temporal é o nome de marca coa que Chamadoira se presenta no Ego, un nome á súa vez relacionado con carácter non permanente das prendas que conforman Solsticio. Non en van, os tecidos empregados por esta egresada foron previamente sabas ou mantas, obxectos aos que “quizais no pasado se lles daba máis valor” nos fogares, en contraposición ao actual modo de consumir produtos téxtiles. O seu propósito nese senso foi “darlle unha segunda vida” a estes tecidos converténdoos nunha “colección unisex”, que orientou a modelos masculinos e que tivo que ampliar a 15 estilismos para o Ego, fronte aos dez que conformaban o seu traballo final no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. Partindo destes materiais, Chamadoira inspirou a súa colección nos rituais pagáns do solsticio de verán, tomando como referencia a película Midsommar, de Ari Aster, e o libro El ritual, de David Pinner. 

A situación provocada pola pandemia impediu que o seu traballo tivese “o broche de ouro” que supuña a súa presentación presencial en Debut, motivo polo que incide en que “realmente é un orgullo” a súa selección para a plataforma da Fashion Week. “Nesta edición, aumenta o aforo, que é de case o 50%, polo que, ademais da prensa, imos poder ter tamén público durante o desfile, e agardo que isto abra portas”, salienta esta egresada, titulada tamén en Lingua e Literatura Inglesa, que na actualidade traballa como profesora.

Ánimos para seguir explorando un “universo persoal”

O Allianz Ego será tamén a primeira oportunidade para ver a colección que Novoa desenvolveu como proxecto final, no seu caso, como parte da última promoción dos Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, o título propio ao que substituíu o actual mestrado. Baixo o nome de Delanovoa, esta titulada asina “un traballo cheo de cor, de estampado sobre estampado”, que se inspira nesa idea de “turismo de sol e praia” que representa Benidorm, “que para min ten unha historia extraordinaria e supuxo unha grande apertura social para España”, salienta. “Ante todo, trátase dunha colección divertida, enmarcada nun concepto entrañable”, engade Novoa, que tivo tamén que ampliar o seu proxecto con sete novos estilismos para este desfile, cos que, sinala, “tento compensar dalgún xeito todo o anterior de cara á mirada máis comercial da pasarela”. Nese senso, Novoa recoñece ter gozado moito “desta última parte do proceso”, tanto pola “ilusión” que implicaba a propia participación no desfile, como pola posibilidade de “continuar a traballar neste concepto tan apaixonante para min”. 

“Esta oportunidade fai que poña a vista cada vez un pouco máis alta”, recoñece esta deseñadora, que actualmente traballa como freelance na industria téxtil. Nese senso, Novoa sinala esta selección supuxo “unha inxección de autoestima” de cara a “continuar traballando no meu universo persoal”, á vez que levouna a botar a vista atrás e lembrar “todo o traballo que supuxo” chegar ata este punto, “tanto persoal como por parte de toda a xente que me acompañou durante a miña formación”.