DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Deputación de Pontevedra entregou os Premios Sofía Novoa a cinco tituladas da UVigo

Os traballos de cinco egresadas poñen de relevo como a investigación pode combater a desigualdade 

Cuns TFG e TFM centrados na educación, a política, a arte e a literatura

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Premios
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 26/01/2022

Da importancia de facer das escolas espazos que permitan rachar cos estereotipos de xénero, á urxencia de facer visible ás contribucións das mulleres en múltiples áreas de coñecemento, pasando pola análise da representación que teñen as políticas nas corporacións municipais. Desde diferentes ámbitos, os traballos de fin de grao e mestrado de cinco egresadas da Universidade de Vigo, Nuria Ferreiro, Carla Souto, Marta Caldas, Tania Souto e Andrea Pérez, buscaron dar visibilidade e respostas a diferentes situacións de desigualdade, o que motivou que fosen recoñecidos na sexta edición dos Premios Sofía Novoa, promovidos pola Deputación de Pontevedra. A sede da institución provincial en Vigo acolleu na tarde deste martes o acto de entrega destes galardóns, dirixidos a pór en valor a inclusión da perspectiva de xénero nos TFG e TFM do alumnado dos campus de Vigo e Pontevedra. 

“Se normalizamos a incorporación da nosa mirada á investigación será un avance imprescindible para que nun futuro próximo poidamos ver recoñecidos os nosos dereitos de representatividade na historia”, salientou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, neste acto de entrega de catro premios de 1000 euros e un accésit de 600 euros. “A existencia de premios como estes dá visibilidade ao que facemos e axuda a que se siga investigando e estudando sobre a igualdade real”, sinala Carla Souto, unha das catro egresadas do campus pontevedrés recoñecidas neste acto, ao que esta ex-alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte non puido asistir. “As mulleres vémonos atravesadas por diversas realidades e analizalas significa investigar como nunca antes: con pensamento crítico e con pluralidade de enfoques”, engade Nuria Amoedo, premiada polo seu TFG en Belas Artes. Titulada no Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, Marta Caldas pon de relevo que premios como estes son fundamentais “para poder obter coñecemento sobre elementos que inflúen na discriminación, desigualdade e exclusión das mulleres”. Caldas foi unha das premiadas na categoría de TFM, na que o xurado tamén seleccionou o traballo que Tania Souto realizou no mestrado de Profesorado e outorgou un accésit ao proxecto desenvolvido por Andrea Pérez no Máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria.

Un TFG dobremente premiado

“Valoro estes recoñecementos como un pulo para seguir traballando e creando”, sinala Ferreiro, que non puido acudir ao acto e que este venres recibirá tamén un dos premios Egeria cos que a UVigo distingue a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos académicos polo seu TFG Convite ao avecer. Graduada en Belas Artes, xa fora previamente premiada pola UVigo pola súa fotografía O período tabú, que a Unidade de Igualdade empregou para os carteis do Día Internacional da Muller en 2019. Nesta ocasión, Ferreiro Amoedo resulta dobremente premiada por un traballo nacido do seu desexo de preservar o patrimonio inmaterial relacionado coa etnomedicina, personalizado nas figuras femininas de meigas, curandeiras, menciñeiras ou parteiras. Titorizado por Almudena Fernández Fariña, é un traballo que combina a investigación e a creación artística, no que etnografía, antropoloxía e arte contemporánea entrelázanse para abordar, desde unha perspectiva de xénero, figuras intrínsecas á cultura popular galega, á vez que constitúe tamén, explica, "unha homenaxe ás mulleres da miña familia". 

O papel da muller ao longo da historia

Graduada en Educación Primaria Carla Souto incide en que este premio achegará visibilidade a un traballo, A perspectiva de xénero nas aulas de educación primaria cun enfoque baseado en proxectos, co que buscaba contribuír desde a escola á eliminación de estereotipos de xénero e á prevención de futuras “situacións de discriminación sexista”. Titorizado por Azucena Arias, o TFG que Souto levou á práctica no CEIP Froebel tiña como punto de partida a necesidade de “analizar como se transmiten os estereotipos de xénero nas aulas e que podemos facer para cambialo, xa que é algo que está tan normalizado dende que somos pequenas e pequenos que pode chegar a pasarse por alto”. Con esa idea, traballou no deseño de proxectos que achegasen ao alumnado a “oportunidade de reflexionar sobre o verdadeiro papel da muller ao longo da historia”, xa que, denuncia, “a invisibilización da muller e as súas achegas é unha constante en todos os eidos”. 

Dando voz ás “silenciadas"

Tras un curso “bastante complicado” por mor da covid-19, Tania Souto recibiu con “moita ilusión” esta “recompensa” ao esforzo que lle supuxo un TFM que realizou confinada, As Sensombreiro: voces silenciadas da Xeración do 27. “Considero que é moi necesario recuperar a voz de todos eses colectivos que dende sempre foron repudiados”, sinala esta egresada que, coa profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Montserrrat Ribao como titora, desenvolveu unha unidade didáctica dirixida a rescatar a “herdanza literaria” das escritoras da Xeración do 27, coñecidas como as sensombreiro. “Aínda que é un traballo pensado para achegar a literatura aos rapaces e rapazas, o máis importante é dar conta do papel desas mulleres, máis aló de se foron escritoras, filósofas ou pintoras”, engade Souto Rodal dun TFM co que buscaba recuperar esas voces silenciadas “achegando novas ideas e puntos de vista que poidan ser postos en práctica a través de actividades que resulten de interese, neste caso a adolescentes”.

A presenza da muller nas pequenas corporacións

“Obviando a perspectiva de xénero, óbviase o punto de vista de cando menos a metade da poboación mundial”, denuncia Marta Caldas, quen, aos 44 anos, recibía o seu primeiro premio académico lembrando a súa primeira etapa como universitaria, na que “non existían premios en xeral e moito menos por traballos con perspectiva de xénero, que non adoitaba ser tida en conta”. Caldas Fariñas foi galardoada polo seu TFM A paridade na representación política da muller nos concellos clasificados como zonas pouco poboadas da provincia de Pontevedra, no que tivo como titora á profesora Mónica López Viso. Este estudo permitiulle constatar que á presenza das mulleres nas corporacións municipais era inferior á dos homes en 28 dos 31 concellos con esta cualificación, así como que estes son paritarios no 85% dos casos cando teñen á fronte a unha alcaldesa e nun 44% cando o rexedor é un home. 

Combater os estereotipos desde as aulas

Tamén ex-alumna de Ciencias da Educación e do Deporte, Andrea Pérez obtivo un accésit polo seu TFM Traballar a publicidade nas aulas con perspectiva de xénero, titorizado tamén por Azucena Arias. “Cómpre visibilizar a desigualdade e traballar en diferentes ámbitos, no meu caso o educativo, para lograr que a igualdade sexa unha realidade na práctica”, salienta Pérez Cambeiro, para quen a perspectiva de xénero “é imprescindible” na formación das futuras e futuros docentes, xa que contribúe a “promover unha visión crítica” que permita facer visibles “situacións que pasan desapercibidas, de tan interiorizadas que as temos”. No seu caso, o “discurso discriminatorio en base ao xénero” que pode atoparse na publicidade, eixo da intervención, baseada nunha metodoloxía de traballo por proxectos, que levou á práctica no CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro de Cambados. “En todas as actividades realizadas sempre partimos das ideas previas do alumnado e a partir de aí construímos aprendizaxe”, explica.