DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento da investigadora lusa María Carlos Lopes

Os turistas sénior con niveis máis altos de satisfacción xeral coa vida son os usuarios de balnearios

O estudo céntrase na percepción deste colectivo en Galicia e Norte de Portugal

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 01/12/2020

Na súa tese de doutoramento, a investigadora lusa María Carlos Lopes analizou a calidade de vida percibida por turistas maiores de “estâncias termais” no Norte de Portugal e balnearios termais en Galicia. Tras realizar case un milleiro de enquisas concluíu que este colectivo ten “maiores niveis de satisfacción xeral coa vida” que os turistas sénior doutro tipo de turismo. O estudo foi realizado no marco do Programa de Doutoramento de Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga.

A tese, defendida este curso académico de xeito virtual debido á situación sanitaria provocada pola pandemia, levou por título Relação entre Turismo e Qualidade de Vida no Turismo Sénior. Avaliação na Eurorregião e estivo dirixida pola profesora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense Elisa Alén e pola profesora do Instituto Politécnico de Porto Dália Liberato. O estudo, explica a súa autora, relaciona “turismo, termalismo e calidade de vida” e céntrase en “valorar en que medida a actividade turística contribúe a mellorar a saúde mental e física das persoas e como, desa forma, se converte en precursora do aumento da calidade de vida”. Así, engade, coa súa investigación pretendeu concretamente “facer unha achega no que se refire á influencia do turismo na calidade de vida dos turistas maiores”.

Actualmente, explica María Carlos Lopes, “o turismo de saúde e benestar encóntrase difundido por todo o mundo, tanto debido ás virtudes terapéuticas milenarias que integran o termalismo clásico como pola súa compoñente de benestar, que comprende programas de relaxamento, prevención, lecer e coidado do corpo e a mente”. Así, este segmento do turismo, indica, “ocupa unha posición cimeira no que respecta ás taxas de crecemento continuas tanto do número de turistas como dos ingresos”, indicando como a súa previsión de crecemento ata 2022 é do 7,5%. Neste contexto, esta egresada en Ciencias Económicas e Empresariais sinala como “as estancias e balnearios termais do Norte de Portugal e de Galicia están preparadas para recibir visitantes que buscan tratamentos comprendidos tanto no ámbito do termalismo clásico como na extensión deste, ou sexa, na vertente máis orientada ao lecer e relaxamento, que é, por certo, a vertente que ten medrado considerablemente”.

Motivacións e barreiras

A investigación realizada incluíu, segundo explica a súa responsable, un estudo empírico centrado na “realización de enquisas coa intención de avaliar a calidade de vida percibida polos usuarios maiores, tanto de Galicia como do Norte de Portugal, ao utilizar os programas que ofrece o termalismo, xa sexa na súa vertente tradicional ou de benestar; e avaliar a calidade de vida percibida polos turistas maiores de outros segmentos turísticos distintos ao turismo de saúde e benestar”. En total, realizáronse 917 cuestionarios, 424 aplicados a turistas sénior de termalismo e 493 a turistas maiores de outros segmentos do turismo, do Norte de Portugal e de Galicia. Os turistas termais foron enquisados nas termas lusas de Chaves, Caldelas e Monção e nos balnearios galegos de Augas Santas, Lugo, Lobios e Laias. Os turistas de outros segmentos fóra do termal foron enquisados nas cidades lusas de Porto, Vila do Conde, Póvoa de Varzim, Vila Nova de Famalicão e Braga e  nas galegas de Ourense, Lugo, Vigo e Pontevedra.

Á vista dos resultados, María Carlos Lopes destaca como “pódese concluír que o sector turístico está a valorizar especialmente o segmento da poboación maior e que o turismo de saúde e benestar nas “estâncias termais” (en Galicia balnearios) está a ser demandado por segmentos de individuos moi heteroxéneos, provocando que aumente o número de visitantes a estes lugares”. A investigación tamén permitiu concluír, explica a súa autora, que “as motivacións relacionadas co turismo inflúen na calidade de vida dos turistas maiores, sendo as que máis inflúen as seguintes: a motivación da novidade (experimentar diferentes culturas e formas de vida); a motivación de entretemento (participar en actividades físicas) e a motivación de socializar (coñecer xente nova e socializar na viaxe)”.

En canto ás barreiras relacionadas co turismo, a investigación concluíu que estas apenas inflúen na calidade de vida dos turistas maiores que teñen experimentado outro tipo de turismo diferente ao turismo de saúde e benestar. “As barreiras sinaladas por estes turistas son: a barreira fontes externas (ter dificultades para obter información); a barreira tempo e diñeiro (ter cousas máis importantes que facer que viaxar); a barreira aprobación e status social (familiares e amigos non están interesados en viaxar), e a barreira da condición física (a miña saúde impídeme viaxar)”. Finalmente, indica a investigadora lusa, “tamén podemos concluír que para todas as mostras, a calidade de vida inflúe na avaliación da satisfacción xeral coa vida”.

Sobre a relevancia e pertinencia do traballo realizado, María Carlos Lopes explica como “xa había evidencias en diferentes estudos de que experiencias relacionadas co turismo levan a estados psicolóxicos e físicos positivos, mellorando a sensación de benestar, de felicidade, de calidade de vida e de satisfacción coa vida en xeral”. Máis especificamente, engade, tamén se teñen realizado estudos onde se verificou que as actividades relacionadas co turismo teñen influencia significativa no benestar, na calidade de vida e na satisfacción xeral coa vida dos turistas maiores. Porén, ata a data, explica a xa doutora pola Universidade de Vigo, “non se tiña realizado ningún estudo que comparase a percepción da calidade de vida dos turistas maiores que frecuentan o termalismo coa dos turistas maiores que frecuentan outros segmentos do turismo”, tal e como se aborda na súa tese.