DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con catro obradoiros en liña organizados en colaboración con diferentes entidades sociais

Os xoves de maio dedicaranse na UVigo á promoción do desenvolvemento sostible e a Axenda 2030

As actividades son abertas ao público e as persoas interesadas teñen de prazo ata mércores para insc

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Institucional
D. Besadío DUVI 03/05/2021

Os xoves do mes de maio dedicaranse na Universidade de Vigo a sensibilizar á comunidade universitaria e, ao conxunto da sociedade en xeral, sobre a importancia do desenvolvemento sostible e todo o que implica na protección do planeta e na procura de sociedades máis xustas e inclusivas. Farase a través de todas as actividades organizadas baixo o paraugas das II Xornadas sODStendo o planeta, “un espazo de encontro entre as entidades sociais da nosa contorna e a Universidade para sensibilizar e reflexionar sobre algún dos retos pendentes da humanidade cara a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030”, tal e como explica Henar Quintas, directora da Área de Responsabilidade Social e Cooperación.

As xornadas, que xa tiveron unha primeira edición no 2019, organizadas a modo de Semana Solidaria, celebraranse nesta ocasión de xeito virtual, adaptándose ás limitacións impostas pola pandemia. En total celebraranse catro obradoiros en liña, todos os xoves pola tarde en horario de 16.00 a 18.00 horas, abertos ao público en xeral, pero para os que é necesario inscribirse previamente antes do vindeiro mércores día 5. 

O primeiro taller será este xoves e centrarase no ámbito do planeta

A posta en marcha destes talleres organizouse en  colaboración coa Rede Social Galicia Sur, formada por diferentes colectivos sociais. “Queremos facer visible o traballo de todas estas entidades, tratando de que xurdan cada vez máis  axentes do cambio, persoas dispostas a mudar o mundo coa súa acción”, recalca a responsable da área. O primeiro destes diálogos entre entidades sociais-universidade será este mesmo xoves, día 6, e estará dedicado ao ámbito do planeta, xirando en torno ao ODS 13 –acción polo clima-, ODS 14 –vida submarina- e ODS 15  -vida de ecosistemas terrestres-. Para tratar todas estas cuestión contarase coa participación das profesoras do Departamento de Organización de Empresas e Marketing, Pilar Piñeiro e Rocío Rodríguez Daponte, así como de representantes da Asociación Amigos da Terra e de Cáritas Tui Vigo. Ademais Rafael Veiga, responsable da Fundación Taller de Solidariedade, entidade que traballa para favorecer as condicións de vida en diferentes países do Sur, sobre todo Filipinas, Nicaragua, Perú e República Democrática do Congo, impartirá o taller Roupa feita con amor como ferramenta para a transformación social.

Prosperidade, educación e migracións protagonizarán o resto de obradoiros 

O seguinte taller, o xoves 13, xirará en torno ao ámbito da prosperidade (enerxía accesible e non contaminante, cidades e comunidades sustentables, redución das desigualdades, produción e consumo responsable...). Para impartilo contarase coa participación do investigador da Universidade de Vigo Mario Pansera, gañador dunha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación, que se centrará no papel desempeñado polas organizacións autoxestionadas; de Diego Lores, responsable da Oficina de Dereitos Sociais Colectivo Baladre, que falará sobre renda básica; Miguel Braña, da entidade Reas Galiza de Banca Ética, e Laura Salies e Mario Puccini, que se centrarán no tema dos supermercados cooperativos.

Os dous seguintes diálogos, o 20 e o 27 de maio, centraranse no ámbito das persoas: o día 20 no da educación, e o 27 no das migracións. Para afondar no tema da educación contarase coa participación do decano da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Cid, e de Rafael Veiga e José Luis Barreiro, da Coalición Galega da Campaña Mundial pola Educación, CME-Galicia. No caso das migracións humanas participarán como relatores a profesora da UVigo Iria Vázquez Silva; Ana Pardo, da Asociación Provivienda; Miguel Rodríguez, da Fundación Esplai, e algún representante da editorial Antela.

Sesións abertas retransmitidas en directo por UVigoTv

A preinscrición para asistir aos talleres manterase aberta ata o mércores día 5 e, no caso do alumnado da Universidade de Vigo que asista ás catro sesións, recibirá recoñecemento destas horas (computables por créditos ECTS).  Para as persoas matriculadas as sesións retransmitiranse a través do Campus Remoto da UVigo, pero as xornadas poderán tamén seguirse en directo a través de UVigoTv, estease ou non matriculado no evento.