DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado no marco do proxecto de especialización Campus Auga

Ourense acollerá en novembro o I Congreso Internacional da Xestión da Balneoterapia

Centrarase no potencial de aproveitamento das augas mineromedicinais no sistema nacional de saúde

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 18/06/2025

Este mércores presentouse no campus de Ourense o I Congreso Internacional da Xestión da Balneoterapia, que se celebrará os días 20 e 21 de novembro de 2025. A cita enmárcase no Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.  

A presentación fíxose tras a xuntanza do seu comité organizador no edificio Xurídico-Empresarial. Nela, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que este evento enmárcase nunha das liñas estratéxicas do Campus Auga, a xestión da auga termal, e apuntou que permitirá potenciar este proxecto de especialización e a súa internacionalización. Pola súa banda, Belén Gómez, xefa de área de Turismo Termal da Xunta de Galicia en Ourense, apuntou a relevancia deste congreso tendo en conta que en Galicia hai 21 balnearios e catro talasos e as vantaxes médicas que ofrecen as augas mineromedicinais. 

En representación do comité organizador do congreso, Mª Montserrat Cruz (Universidade de Vigo), Juan Cerdeira (Deputación de Ourense), Javier Soto (Grupo Caldaria) e Juan Gestal (Universidade de Santiago de Compostela) destacaron a pertinencia de que con este evento se poñan en valor os recursos termais, as propiedades terapéuticas e médicas das augas mineromedicinais e se dea un paso máis no camiño do seu aproveitamento por parte do sistema nacional de saúde, a semellanza do que acontece en países da contorna.

Catro bloques

O congreso leva por título Aproveitamento médico dos balnearios polo Sistema Nacional de Saúde: unha oportunidade de desenvolvemento termal. O seu principal obxectivo é ofrecer “un punto de encontro para reflexionar e intercambiar coñecementos sobre aspectos significativos relacionados cun mellor aproveitamento das propiedades terapéuticas das augas mineromedicinais”. Nesta primeira edición, aposta por un carácter multidisciplinar, abordando aspectos específicos relacionados coa temática da auga no censo da balneoterapia, incluíndo aspectos como a utilización e xestión médica dos balnearios e o turismo sanitario, entre outros temas. Ademais, exploraranse aspectos vencellados á responsabilidade social e os obxectivos de desenvolvemento sostible no contexto do recurso hídrico terapéutico. 

Dentro da temática xeral das augas mineromedicinais como recurso terapéutico para o sistema nacional de saúde, este congreso internacional propón analizar diferentes liñas de investigación e transferencia, nas que se contará coa participación de especialistas de referencia que, ademais de contextualizar a materia, exporán en forma de conferencias, diferentes resultados ou modelos de investigación de acordo con catro bloques temáticos. O primeiro deles é o de principais indicacións médicas actuais da cura balnearia e técnicas de aplicación; o segundo tendencias do mercado dos balnearios incluídos nos sistemas de saúde europeos; o terceiro a xestión dos balnearios nun sistema nacional de saúde e o cuarto turismo de saúde.

A auga termal, sinalan desde o congreso, “posúe unhas propiedades únicas e unha temperatura que de forma natural é elevada e estas características transfórmana nun recurso moi importante para aplicacións que repercuten positivamente na saúde das persoas, de aí a importancia dunha xestión adecuada da mesma a través da balneoterapia”. A balneoterapia, detallan, é apropiada para, entre outros, tratamentos de enfermidades reumatolóxicas, dermatolóxicas así como respiratorias, para a prevención, o envellecemento saudable, a rehabilitación e tamén dun modo máis lúdico para a relaxación e o equilibrio físico e mental. Ademais sinalan que na xestión termal, este tipo de augas son un activo estratéxico para desenvolver experiencias de benestar personalizadas, combinando terapias tradicionais e terapias modernas, que melloren entre outros aspectos o turismo de saúde, os tratamentos médicos e o benestar. “Galicia ten unha enorme riqueza balnearia que podería aproveitarse para a mellora da saúde da poboación e ser un piar fundamental dun turismo sostible e de saúde”, afirman desde a organización do evento.