DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase do 5 ao 10 de xuño

Ourense acollerá o XXXIX Campionato nacional de fútbol sala de persoal de administración e servizos universitario

Participará arredor dun centenar de traballadoras e traballadores de dez universidades

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Visitas
  • Deportes
DUVI Ourense 01/06/2023

O campus de Ourense acollerá do 5 ao 10 de xuño a celebración do XXXIX Campionato nacional de fútbol sala de persoal de administración e servizos (PAS) universitario. A cita reunirá a arredor dun centenar de traballadoras e traballadores de dez universidades españolas.

Este torneo xorde en 1982 da man dun colectivo do PAS das universidades de Estremadura e de Granada co obxectivo de unir lazos profesionais e de amizade a través da celebración dunhas xornadas lúdico-deportivas. A iniciativa tivo éxito e en 1983 organizouse o primeiro campionato de fútbol sala coa participación do persoal de administración e servizos destas dúas universidades, ás que se foron sumando outras institucións académicas españolas nos anos posteriores.

Deporte e convivencia

A organización do campionato é rotatoria, sendo a primeira vez que se celebra no campus de Ourense, aínda que non na Universidade de Vigo. Desde a Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo, encargada da organización desta edición, destacan como esta cita, ademais do seu interese deportivo, ten o interese de que permite convivir durante unha semana a persoal de administración e servizos de dez institucións académicas estatais e lles permite coñecer o campus anfitrión cada ano.

Nesta edición participarán no campionato, ademais da UVigo, equipos das universidades de Santiago de Compostela, Illes Balears, Granada, Cádiz, Oviedo, Almería, Murcia, La Laguna e Alacant. Os partidos desenvolveranse no pavillón de deportes do campus de Ourense, en horario de mañá, arrancando o luns ás 09.30 h cun encontro entre as universidade de Granada e Almería. A competición rexerase polas regras da Liga Nacional de Fútbol Sala, con algunhas particularidades como que a duración dos partidos será de 25 minutos cada tempo a reloxo corrido e os últimos tres minutos da segunda parte a reloxo parado e a duración da final será de 20 minutos a reloxo parado.

O sistema de xogo consistirá nunha fase previa de dous grupos de cinco equipos, en sistema de liga a unha volta, que se desenvolverá de luns a vernes. Xa o sábado, ás 11.00 h, terá lugar a final, na que se enfrontarán os equipos clasificados en primeiro lugar de cada grupo para acadar o primeiro e segundo posto. Ás 12.30 h terá lugar a entrega de premios e clausura do campionato. O programa deportivo complementarase con visitas e coa recepción de participantes por parte da institución académica e  municipal.