DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A xuntanza celebrouse este mércores no Edificio de Ferro

Ourense celebra o seu primeiro Consello de Campus dun ano que se presenta “moi positivo”

Estivo presidido polo reitor Manuel Reigosa

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 18/01/2023

O Consello de Campus de Ourense celebrou este mércores no Edificio de Ferro a súa primeira xuntanza do ano 2023. Presidida por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, a sesión permitiu facer balance dos grandes retos que afronta o campus nunha ano que, indicou o responsable académico, se presenta “moi positivo” para o conxunto da institución e tamén para o campus de Ourense.

A cita contou ademais coas intervencións de Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, e de Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo. “Este é o primeiro Consello de Campus de 2023 e dános a oportunidade de facer balance das cuestións en marcha e das previsións para este ano”, comentou Manuel Reigosa. Con moitos retos e expectativas no horizonte, o responsable académico apuntou que para a Universidade de Vigo, e polo tanto para o campus de Ourense, este é “un ano importante porque o financiamento que temos é extraordinario, en parte pola actividade investigadora de I+D+i”, ascendendo o orzamento total da UVigo a case 228 millóns de euros.

Institutos, especialización e ampliación

Entre as cuestións en marcha e que terán un protagonismo destacado para o campus de Ourense neste novo ano, Manuel Reigosa apuntou a posta en marcha de dous novos institutos, o de Física e Ciencias Aeroespaciais e o de Agroecoloxía e Alimentación. Os dous, lembrou o reitor, terán a súa sede no campus de Ourense, marcarán liñas de investigación nos seus respectivos eidos e agárdase que acaden unha avaliación positiva da Xunta de Galicia para o seu financiamento. O Instituto de  Agroecoloxía e Alimentación constituirá ademais unha das bases do que será un novo instituto ibérico de investigación neste eido, xa asinado entre o Instituto Politécnico de Bragança e a Universidade de Vigo e que está previsto que teña financiamento dos dous países implicados, España e Portugal.

Este 2023 tamén será, tal e como indicou o reitor, decisivo para o proceso de acreditación do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos, estando prevista en febreiro a visita do comité que o avaliará. “Somos optimistas. Fíxose un excelente traballo para conseguir esta acreditación e agardamos ter unha resposta positiva”, comentou Manuel Reigosa. O responsable institucional lembrou que esta acreditación permitiría “facer moitísimas cousas que ata o de agora non son posibles, xa que suporía un financiamento importante, e poñeríanos nunha situación moi positiva para a negociación do mapa de titulacións, porque, loxicamente, de conseguir esta acreditación, as titulacións que se poñan en riba da mesa e que teñan que ver con auga terían que vir para Ourense”.

Igualmente, o reitor destacou o novo convenio de colaboración asinado para 2023 coa Deputación de Ourense e que ascende a 300.000 euros, sendo “o convenio mellor dotado da nosa historia” e que trae novidades como a posta en marcha dunha cátedra de I+D de planificación rural e reto demográfico. Por último, no eido de infraestruturas, o campus, lembrou Reigosa, entre outros aspectos afronta a apertura da súa nova planta piloto agroalimentaria, xa rematada, o desenvolvemento do proxecto do novo edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e as negociacións para outras ampliacións. “Estamos prantexando ás diferentes institucións o que nós pensamos que sería o mellor desenvolvemento do campus, que sería conectar os dous campus e a ampliación para Intelixencia Artificial. Está todo pedido, somos optimistas pero hai que agardar, entre outras cousas, a que pasen as eleccións municipais”, indicou.

Se o reitor expuxo as grandes liñas e actuacións para o campus, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, foi a encargada de facer un repaso pola “intensa actividade cultural que desenvolvemos, con obradoiros, co coro, coa Sala Alterarte e co novo proxecto Aldearmos, co que vamos ao rural”, alén da colaboración en temas solidarios con entidades como a Asociación contra o Cancro, Down, Cruz Vermella e Banco de Alimentos. Tamén falou ante os membros do Consello de Campus de obras menores “pero que axudan a mellorar a vida universitaria”. “Somos un campus moi activo, cunha intensa actividade académica e investigadora pero tamén cultural e deportiva, e traballaremos para neste 2023 seguir dándolle pulo a todos estes aspectos, demandando títulos e iniciativas interesantes para o noso campus e co horizonte posto na acreditación do Campus Auga”, comentou a vicerreitora.

Ciencia aberta

A reunión completouse cun informe de Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, centrado nos cambios que supón para a investigación e a transferencia a Lei 17/2022, de 5 de setembro, pola que se modifica a Lei 14/2011, de 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación. Na súa intervención abordou o artigo da lei que fai referencia á Ciencia Aberta e que aposta por unha “ciencia aberta, accesible, eficiente, transparente e beneficiosa para a sociedade” e explicou o que se está a realizar na UVigo neste eido. Así, a responsable académica lembrou que o obxectivo 19 do Plan Estratéxico da institución académica recolle a implementación de políticas de ciencia aberta. Neste senso, fixo un repaso pola política de acceso aberto na Universidade de Vigo; os acordos tranformativos e publicacións en aberto; o repositorio Investigo e o recentemente presentado portal da Investigación. Na súa intervención, Belén Rubio tamén destacou temas como que a institución académica é membro da European Open Science Cloud, que coordina e centraliza as infraestruturas de Europa de almacenamento de datos, e colabora neste eido coa Universidade do Minho. Igualmente avanzou que a institución académica organizará en xuño de 2023 as I Xornadas de Ciencia Aberta.

Outro dos puntos da intervención da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación foi os cambios que supuxo para a contratación, a carreira investigadora e a avaliación da investigación esta modificación da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación. Neste senso apuntou aspectos como a creación da nova Unidade de Contratación de Persoal Investigador e a certificación R3. Por último, referiuse aos artigos sobre transversalidade de xénero e a integración da variable xénero nos proxectos de investigación, subliñando as medidas feitas xa pola UVIGO neste eido.