DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sete actividades deportivas conforman a oferta do primeiro cuadrimestre de Augaventura

Este outono a aventura está na auga

A preinscrición xa está aberta para a comunidade universitaria e persoas alleas 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Deportes
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 28/09/2022

Preto de 300 persoas participaron nas actividades que Augaventura desenvolveu, nas súas edicións de outono e primavera, o pasado curso académico 2021/2022 na Universidade de Vigo. Co novo curso en marcha, a Área de Benestar, Saúde e Deporte lanza a programación de outono dirixida á comunidade universitaria, familiares e comunidade alumni, así como para persoas alleas á institución, co obxectivo de que as e os participantes poidan iniciarse nos deportes acuáticos.

Flyboard; descenso de rápidos; unha ruta pola Illa de San Simón que inclúe caiac, andaina e snorkel; bautismos de surf; wakeboard; windsurf e mergullo son as actividades que inclúe o programa de Augaventura outono 2022, que comezará a desenvolverse a partir de mediados do mes de outubro. Os membros da comunidade universitarias ou persoas alleas a ela que queiran participar nestas actividades deben preinscribirse a través de Campus Activo e pagar o prezo correspondente a cada unha delas, que oscilan entre os 6 e os 40 euros para alumnado, PDI e PAS da UVigo e entre os 12 e os 80 no caso das persoas alleas.

“Con máis de 20 anos nas súas costas, Augaventura permite gozar durante un día de deportes no medio acuático en condicións económicas moi vantaxosas, ademais de ser un estímulo para, de xeito lúdico, realizar unha práctica deportiva moderada, regular e divertida”, sinalan desde a Área de Benestar, Saúde de Deporte.

Empresas especializadas a cargo das actividades

Para o desenvolvemento das actividades desta nova edición de Augaventura, a UVigo conta empresas especializadas que se encargarán de introducir ás persoas participantes no mundo dos deportes mariños. Tierra y Mar serán os encargados da actividade de flyboard que se desenvolverá en Bouzas o 22 do outubro; da wakeboard o domingo 30 e de windsurf o 25; pola súa banda, Arrepións ocuparase do descenso de rápidos no río Miño en Arbo o 14 e 0 18 de; a ruta pola illa de San Simón discorrerá da man de Marexada os días 15 e 29; Prado Surf Escola impartirá o bautismo de surf na praia de Patos en Nigrán o 16,23 e 30 de outubro, mentres Buceo Islas Cíes encargarase os días 22 e 26 da actividade de mergullo que se desenvolverá nas illas Cíes.