DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente da UVigo considera unha honra a súa designación para este traballo

Oxford University Press confía ao investigador Martín Urdiales a elaboración dunha guía bibliográfica en liña sobre Bernard Malamud

A clasificación sobre o escritor americano publícase en Oxford Bibliographies in American Literature

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 10/11/2021

A editorial Oxford University Press desenvolve desde hai anos Oxford Bibliographies in American Literature, unha ferramenta en liña na que, a través da orientación de persoas expertas, investigadoras e investigadores de calquera acceden a unha guía bibliográfica sobre escritores e escritoras, períodos e movementos literarios estadounidenses desde finais do século XVI ata a actualidade. “Nun mundo con tal exceso de información bibliográfica, estas guías son útiles, porque orientan aos investigadores cara ao que poidan necesitar, e tamén serven para discriminar a bibliografía relevante da menos relevante (ou repetitiva)”, explica o docente e investigador do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da UVigo Martín Urdiales Shaw. Especialista en literatura xudía norteamericana de diversos períodos do século XX, literatura do holocausto e tradución literaria, Urdiales recibiu en 2018 a invitación de Oxford University Press para elaborar a bibliografía comentada sobre o autor xudeu norteamericano Bernard Malamud, un traballo, que logo de tres anos de complicado rastrexo e clasificación bibliográfica sobre o escritor, acaba de ver a luz.

“Quedaría curto se digo que é unha honra. Que unha editorial deste prestixio elixa un especialista en Malamud español/europeo, cando hai un gran número de críticos literarios e especialistas nos EUA e no mundo anglo en xeral, sorprendeume moito e afagoume enormemente”, sinala o docente da UVigo, que nos últimos anos contribuíu a algunhas publicacións internacionais sobre Malamud, con Wayne State University  Press, e sobre Saul Bellow, cun capítulo en The Cambridge Companion to Saul Bellow. “Entendo que estas publicacións me deron a coñecer como especialista en literatura xudía norteamericana neste país, e alguén se fixou en min. Non se me dá ben falar de min mesmo, pero é un privilexio colaborar con Cambridge e, agora, con Oxford University Press”, afirma o investigador.

Dun curso de doutoramento a unha guía bibliográfica

Foi no curso 1993-1994, na Universidade de Oviedo, onde Martín Urdiales entrou en contacto con Bernard Malamud. “Foi a raíz dun curso de doutoramento sobre Voces de minorías na literatura norteamericana. Un moi querido profesor meu, xa falecido, Urbano Viñuela, prestoume unha novela de Malamud suxeríndome a súa narrativa como posible tema de investigación”, rememora o docente da UVigo, que lembra que daquela a narrativa xudeo norteamericana non era unha liña de investigación frecuente no estado español. “Persoalmente Malamud pareceume un grande escritor, pola súa variedade de temática nas novelas beisbol (como desmificación do soño americano) en The Natural; realismo social en The Assistant; novela histórica sobre antisemitismo en The Fixer; conflicto racial xudíos e afroamericanos en The Tenants; distopía postapocaliptica en God’s Gracee, e polos seus maxistrais relatos, nos que a miúdo problematiza a condición existencial do xudeu norteamericano moderno ‘dividido’ ou en conflito, entre a tradición cultural / relixiosa da Diáspora e os valores seculares e de consumo da sociedade dos EUA”, detalla o investigador, que se refire á prosa da Malamud como moi depurada, minimalista e simbólica / alusiva. 

Ese primeiro contacto co escritor xudeu norteamericano derivou, de inicio na realización dun traballo de investigación, o equivalente ao TFM, sobre El fracaso del héroe en B. Malamud, logo, a realización da tesina Themes of  Conflict in B. Malamud’s Fiction e, xa no ano 1999, a defensa da tese, que se publicou en 2000 como o libro Ethnic Identities in Bernard Malamud’s Fiction. “Os primeiros anos da miña investigación estiveron moi vinculados a aspectos da narrativa de Bernard Malamud, con varios artigos, capítulos do libro e recensións , sobre todo no período 1996 – 2003. Despois, xa esgotado algo o meu interese por este autor, e xa como profesor da UVigo, diversifiqueime cara outros autores, aínda que sempre dentro do eido xudeo  norteamericano no século XX (Henry Roth, Philip Roth, Edward Dahlberg, Tillie Olsen, Saul Bellow, Art Spiegelman), destacando, ao longo destes anos, o capítulo no Cambridge Companion to Saul Bellow , de Cambridge University Press,  Race and Cultural Politics in Bellow’s Fiction, e un capitulo sobre a tradución ao castelán dunha novela de Bernard Malamud na monografía Bernard Malamud: A Centennial Tribute (Wayne State University Press, 2016) titulado Fixing Bernard Malamud's The Fixer through Translation: From El Hombre de Kiev (1967) to El Reparador (2011)”, detalla Martín Urdiales.

Un traballo arduo e en continúa actualización

Cando en 2018 lle chegou a invitación de Oxford University Press para elaborar a bibliografía comentada sobre Bernard Malamud, comezou para Martín Urdiales un duro traballo de rastrexo e clasificación bibliográfica sobre o autor e a redacción de breves anotacións sobre cada entrada. “A tarefa foi ardua, porque aparte de familiarizarse cun volume de bibliografía moi grande, despois hai que clasificala, comentar as entradas bibliográficas en parágrafos breves, de xeito moi sintético, e saber identificar as relacións / alusións entre unhas fontes e outras”, detalla o docente da FFT, que incluíu preto dos 150 items que Oxford University Press marcaba como máximo de entradas e que agrade ao persoal da Biblioteca Central da UVigo, en particular ao de Referencia e Préstamo Interbibliotecario, pola axuda que lle prestou con algunhas das pescudas que tivo que realizar.  

O traballo de Urdiales, como o do resto de autores que participan en Oxford Bibliographies in American Literature, non remata coa elaboración da entrada bibliográfica, senón que, ao tratarse dunha bibliografía telemática e non impresa, esta continúa vixente no tempo, podendo ser modificada e revisada  con entradas novas pasados uns anos.