DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os resultados dun estudo realizado pola Unidade de Igualdade

A pandemia agravou a fenda de xénero que xa existía entre as investigadoras e os investigadores

O informe evidencia un escenario de desigualdades no que homes e mulleres “non van no mesmo barco”

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
D. Besadío DUVI 01/12/2020

A situación das mulleres nas universidades españolas amosaba xa unha clara diagnose de desigualdade de xénero e a pandemia non fixo máis que agravar esta situación. Así o amosa o resultado do estudo Xénero e investigación científica na Universidade de Vigo en tempos de covid-19, unha investigación posta en marcha pola Unidade de Igualdade co obxectivo de analizar o impacto que está a ter a actual situación sanitaria nas carreiras profesionais nas mulleres e homes docentes e investigadores da Universidade de Vigo. “A covid está facendo emerxer novas fendas de xénero que se suman ás que xa existían que, parece veñen para quedarse: como institucións igualitarias, debemos evitalo”, salienta a directora da Unidade de Igualdade Águeda Gómez, principal responsable deste estudo.

Segundo os resultados do informe, a diminución da actividade investigadora observada entre as mulleres evidencia un escenario de desigualdades e acentúa aínda máis a fenda de xénero, se ben haberá que agardar a novos estudos para verificar o alcance desta repunta da desigualdade e os seus efectos a medio e longo prazo na universidade e na actividade investigadora. A diminución de tempo de dedicación á actividade investigadora e o menor volume de artigos e publicacións enviadas supón unha menor posibilidade de conseguir financiamento futuro para novos proxectos, o que vai provocar a reprodución e incluso o agravamento das desigualdades de xénero na academia previas á pandemia. “É un reto para as nosas institucións traballar para impedilo”, recalca a directora da Unidade de Igualdade.

Conciliar o traballo remoto coa vida familiar non resultou doado para ninguén, nin para elas, nin para eles, pero as mulleres, sobre todo aquelas con menores a cargo, foron as que máis dificultades tiveron á hora de facerlle fronte a esa nova situación e serán tamén elas as que, a xuízo da directora do estudo, van experimentar un maior descenso na produción científica, nun sistema de méritos que penaliza a maternidade e que a medio e longo prazo terá un claro efecto nas avaliacións investigadoras as que se verán sometidas se queren progresar na súa carreira, tanto académica como investigadora. “O estudo evidencia que a feminización das actividades de coidados e domésticas se acentuaron durante o confinamento e que foron elas as que asumiron aínda máis carga de traballo reprodutivo, acentuada pola atención, no seu caso, de coidados a persoas dependentes e menores e nas actividades de apoio educativo”, explica Gómez.

“Elas concilian permanentemente, eles puntualmente”

Para a posta en marcha do estudo empregouse unha metodoloxía na que se combinou unha enquisa realizada ao Persoal Docente e Investigador na que participaron 275 docentes –sendo maior a taxa de resposta entre as mulleres (54%) con respecto aos homes (46%)-; grupos de discusión entre profesoras e profesores e unha diagnose realizada a partir da consulta a diferentes revistas científicas españolas con selo de calidade Fecyt (2019).

A análise dos datos recadados amosa que elas traballaron máis desde a casa (92,6%), case dez puntos por encima dos homes (83,3%). “Pasar máis tempo nos fogares implica asumir as tarefas de responsabilidade domésticas e de coidados, maiores problemas para conciliar e sobrecargarse coas tarefas derivadas do traballo produtivo”, indica a directora da Unidade de Igualdade. Por outra banda,  o 17% das mulleres con menores a cargo afirmaron ter reducido considerablemente o tempo de traballo durante o estado de alarma, fronte ao 9,8% dos homes que estaban na súa mesma situación.

Unha vez finalizado o confinamento, a continuidade do traballo en remoto volve ser maior entre as mulleres, no 63,8% dos casos, baixando en dez puntos nos homes (53,2%). Aínda que se foi recuperando certa normalidade nesta etapa nalgunhas actividades económicas, hai que ter en conta que se mantivo o peche de centros de ensino e doutros servizos de coidados. 
O estudo reflicte como as mulleres máis que os homes adáptanse ao traballo en remoto, ás novas necesidades da docencia en liña, ás xuntanzas de coordinación, etc. sobrecargándose e dedicándolle máis tempo ao traballo produtivo.

“A covid está a actuar como unha tormenta para toda a poboación, pero homes e mulleres, máis no caso das mulleres nais de menores, non imos no mesmo barco. O noso está cargado de coidados de menores e maiores, comidas, limpezas, deberes, lavadoras, merendas, fillos/as, traballo reprodutivo, coidado emocional da familia... o deles non tanto”, recalca a responsable de Igualdade, insistindo en que “elas concilian permanentemente, eles puntualmente”.

Só o 16% dos homes admite unha forte redución da súa produción investigadora

No tempo que durou o estado de alarma a actividade investigadora reduciuse, tanto para elas como para eles, e só o 65,8% das persoas enquisadas dedicou tempo á revisión e envío de artigos. As persoas que non dedicaron tempo a esta tarefa sinalan a carga docente e as dificultades para conciliar como causas centrais. “Neste senso, a fenda de xénero resulta evidente á hora de analizar o tempo dedicado á revisión de artigos e publicacións durante a duración do estado de alarma: os homes manteñen esta activade investigadora nun 75% dos casos, mentres que a porcentaxe de mulleres redúcese ao 58,6%, alegando maiores dificultades por atender ao traballo docente, as tarefas de conciliación e ver diminuída a súa capacidade de concentración”, salienta Gómez.

Por outra banda, en relación tamén coa actividade investigadora, durante o período do estado de alarma tan só solicitaron proxectos o 14,3% das persoas investigadoras, máis homes (18,3%) que mulleres (11,3%). A valoración en termos xerais que fai o persoal PDI enquisado respecto do nivel de actividade investigadora durante eses meses é que esta veuse afectada negativamente, reducíndose para cinco de cada dez entrevistados. As mulleres indicaron un maior impacto, admitindo o 33,8% delas que diminuíu considerablemente, mentres que no caso dos seus compañeiros só o 16% admite este nivel de afectación.

“O benestar e a saúde das académicas, sobre todo das nais, empeorou no confinamento”

Tal e como se expón nos resultados do informe, a feminización do traballo doméstico evidencia unha desigual carga das responsabilidades nos fogares. Da ampla batería de actividades vinculadas coas tarefas de coidados e xestión do fogar as mulleres asumen maioritariamente todas elas a excepción da compra presencial e as actividades de bricolaxe e xardinería. “En definitiva, a desigualdade de responsabilidades asumidas afecta na dispoñibilidade do tempo para a vida persoal e os autocoidados, e as mulleres ven penalizado o seu tempo de descanso”, recalca a directora da Unidade de Igualdade, ao que engade que cinco de cada dez mulleres enquisadas afirman non dispor de tempo para elas, diminuíndo ata quince puntos no caso dos homes (34,9%). “O benestar e a saúde das académicas, sobre todo das académicas nais, empeorou no confinamento: elas sacrificaron horas de descanso e sono pola sobrecarga de traballos, eles non”, recalcou Gómez.