DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos comicios competiron catro formacións creadas polo alumnado

O partido Panas gaña as eleccións ficticias de CCSS e da Comunicación

Nas votacións participaron 214 persoas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 13/05/2021

O Partido por la Amistad del Nuevo Alumnado (Panas) converteuse este xoves no gañador das eleccións nas que, no marco das actividades da materia Técnicas de comunicación electoral e instituticional, concorren cada ano catro formacións creadas polo alumnado do grao en Publicidade e Relacións Públicas. Cunha estética inspirada na serie Friends e co obxectivo de incentivar as relacións entre o alumnado de diferentes cursos, limitadas pola pandemia, o partido que presentou como candidato ao estudante Lucas Peteiro sumou 80 votos nestes comicios, abertos ao alumunado e persoal da facultade, coa excepción dos propios participantes na campaña. Un total de 214 persoas participaron nestes comicios, promovidos polo profesor Xosé Rúas, nos que a formación Publicistas Comunistas (PubliCo) rematou en segundo lugar, con 61 apoios, mentres que a Fronte Conservadora Santa Catalina (FCSC) e La Isla de las Restricciones sumaron 39 e 34 votos respectivamente.

“A verdade é que unha satisfacción tremenda, porque ao final é moito o traballo que pasamos, compartindo ademais uns días fantásticos cos compañeiros dos outros partidos”, salientaba o portavoz do Panas, Raúl Liñares, tralo reconto que este xoves puña fin a unha campaña electoral que arrancou o 3 de maio. Ao longo destas dúas semanas, as diferentes formacións promoveron actividades como xogos ou sorteos, tanto nos espazos cos que contaban na planta baixa da facultade como a través das redes sociais. Os candidatos e candidatas participaron así mesmo este mércores nun debate electoral que, con Rúas como moderador, estivo estruturado en cinco bloques temáticos, a igualdade, a comunicación na facultade, os programas electorais dos partidos, os servizos do centro e a saúde en tempos de pandemia. “Foi unha campaña dinámica, cunha alta participación, pese as circunstancias”, destaca Rúas, que explica que, dado a combinación de clases presenciais e virtuais por mor da covid-19, nesta ocasión a votación levouse acabo en dous días diferentes. O responsable dunha actividade dirixida a que o alumnado poña en práctica os coñecementos adquiridos na materia sobre estratexias electorais sinala así mesmo o positivo “de poder recuperar de novo” unha actividade que viña desenvolvéndose desde hai máis dunha década e que non puido levarse a cabo en 2020 por mor da pandemia.

Sorteos, xogos e agasallos

“A campaña dálle un ambiente diferente a facultade”, recoñecía Peteiro, candidato do partido gañador, que coa idea de promover a interacción entre o alumnado organizou iniciativas como “unha especie de First Dates”, no que participaron preto de 40 persoas e que buscaba que estudantes que non se coñecían previamente puidesen conversar. “A idea era xerar dinámica de facultade”, engade Peteiro. Xogos e sorteos que á súa vez contribuísen a “fomentar o consumo en bares e restaurantes de Pontevedra” foron outras das accións que o Panas levou a cabo nestas semanas.

Tamén PubliCo, que rematou segundo, centrou boa parte da súa campaña na idea de “unir á xente”, pondo o foco nos estudantes de primeiro curso, “que non coñecen a ninguén da facultade máis aló do seu grupo”, como salienta a súa portavoz, Noelia Canto. Con esa idea, a formación que tiña como candidata a Laura Pan organizou tamén xogos, competicións e sorteos. “Paréceme interesante poder ver desde dentro como se organizan e preparan unhas eleccións, aínda que creo que se fai moi longa”, recoñecía a súa portavoz. 

“É moito máis cansado do que parece, son dúas semanas nas que tes que estar sempre pendente”, engadía Ángela Aboy, candidata do FCSC, un partido que combinaba a idea da “supremacía da facultade” co reggaeton. De feito, unha das actividades propostas foi a busca das estampas” de “santos” relacionados con este xénero musical, á que se sumaron propostas como unha “caixa dos desexos”, na que aqueles que acendesen unha candea entraban nun sorteo, un pousadoiro ou o reparto de comida. “Intentamos gañar á xente polo estómago e polo reggaeton”, salientou Aboy.

Inspirándose no programa La Isla de las Tentaciones, e coa idea de contribuír “a que as relacións na facultade sexan mellores que no reality”, La Isla de las Restricciones promoveu actividades dirixidas a que o alumnado “pasase un bo rato”, como xogos, un mural "onde deixar mensaxes anónimas” ou sorteos a través das redes sociais, “nos que participou moitísima xente”, explica o seu candidato, Enrique Rodríguez. Tamén nas redes sociais, organizaron coloquios dirixidos a que o alumnado puidese coñecer a experiencia de estudantes que participan no programa Erasmus ou opcións para cando rematen os estudos.