DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa programación desenvolverase os días 2, 3 e 4 de setembro no Concello de Allariz

Patrimonio e cultura danse a man no Festival de Saberes co obxectivo de dinamizar o rural

Organizado por A Bela Auria e a UVigo co apoio do Xacobeo e a Deputación de Ourense

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 01/09/2022

PEDRA, Festival de Saberes, é unha iniciativa que xunta “arqueoloxía experimental, música, danza e gastronomía na procura dun futuro para o rural”. Organizado pola asociación A Bela Auria e a Universidade de Vigo co apoio do Xacobeo e a Deputación de Ourense, o certame celebra esta fin de semana a súa segunda edición co obxectivo de continuar ampliando redes en prol da dinamización do rural.    

A iniciativa foi presentada este xoves no campus de Ourense. No acto, Óscar Penín, de A Bela Auria, destacou que neste festival “divulgamos en pé de igualdade o saber científico, que achega a Universidade de Vigo a través de proxectos como rurAllure; o saber herdado, o saber dos nosos país, e o creativo”. Cunha intensa programación de actividades ao longo dos días 2, 3 e 4 de setembro, indicou, as e os participantes “van a amosar que o rural ten futuro e que o rural é creativo”. Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 21/22 da Xunta de Galicia, sinalou que o festival é un dos proxecto financiados no marco do programa O Teu Xacobeo, “co que queriamos que a sociedade civil, asociacións, agrupacións, os concellos... participasen con nós da celebración do Xacobeo”. De PEDRA, a responsable institucional destacou que é unha iniciativa “diferente” e centrada “no patrimonio, no patrimonio inmaterial, ese patrimonio tan rico que temos en Galicia e tan descoñecido e que debemos pór en valor”.

Neste senso, Susana Reboreda, investigadora do proxecto europeo rurAllure, que dirixe o investigador de atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo) e docente da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, Martín López Nores, puxo en valor a confluencia de entidades e persoas que traballan a prol do rural que se dá en PEDRA. “Hai que apoiar o desenvolvemento do rural non porque estea nunha circunstancia extrema senón porque realmente forma parte de nós, da nosa cultura e de Galicia. Como non o poñamos en valor, acabará morrendo”, afirmou, lembrando como precisamente rurAllure busca “pór en valor o mundo rural que está preto do Camiño de Santiago”. Por último, Begoña Garrido, do Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial da UVigo (GIDEP), salientou como este festival constitúe “un proxecto innovador capaz de vincular o patrimonio e a educación, algo que tamén é a finalidade do noso grupo”.

Programación diversa

O festival desenvólvese os días 2, 3 e 4 de setembro en dúas sedes, en Amiadoso e en Santa Mariña de Augas Santas, no Concello de Allariz, despois de ter desenvolvido unha xornada previa o día 28 de agosto no Castelo de Castro Caldelas. O venres día 2 a actividade desenvolverase en A Casa Vella, en Amiadoso. Nela, entre outras accións, presentarase a Rede Aldear, formada por arredor dunha vintena de centros socioculturais rurais de Lugo e Ourense; falarase de “arqueoloxía da Aldea” e terá lugar unha excursión pola Serra da Raíña Loba cunha sesión de arqueoastronomía con Pablo Alemparte. Tamén a Amiadoso, o sábado 3 levaranse a cabo obradoiros de recolección, identificación e preparación de plantas silvestres comestibles con Tamara Nogueira; de talla prehistórica, con Árbore Arqueoloxía, e de construción medieval, con Betilo Arqueoloxía. Tamén haberá danza coa Compañía de Carlota Pérez, na que se poderá ver como esta arte tamén é desenvolvida por persoas en cadeiras de rodas.

Xa o domingo 4 de setembro, a programación arrancará en Amiadoso cunha sesión de contacontos con Uxía Morán e seguirá en Santa Mariña de Augas Santas coa presentación do GIDEP da Universidade de Vigo; cunha sesión de cinema titulada Nos quedamos. Arqueoloxía e resistencia na Serra de Ávila, con MASAV e Terra Levis Arqueología, para rematar co concerto de Neonymus Funeral Suevo.