DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto á toda a cidadanía, á que se solicita un quilo de alimentos non perecedoiros

O Pavillón Universitario acolle este xoves o XXI Maratón Solidario de Zumba

Os produtos reunidos doaranse ao comedor social dos Pais Franciscanos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 24/11/2025

Actividade física, baile e solidariedade combínanse un ano máis no Maratón Solidario de Zumba, co que a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade e da Vicerreitoría do campus de Pontevedra buscan contribuír ao labor social que desenvolven no comedor dos Pais Franciscanos. O Pavillón Universitario acollerá este xoves 27 a edición número 21 desta actividade aberta a toda a cidadanía, á que se lle solicita que achegue un quilo de alimentos a modo de inscrición. A actividade desenvolverase entre as 19.00 e as 21.00 horas e todos os produtos reunidos serán doados a este comedor social.

Como explica o técnico da Área de Benestar, Deporte e Saúde Gustavo Loureiro, este XXI Maratón Solidario de Zumba mantén o seu formato habitual, constituíndo xa unha cita fixa na programación deportiva do campus nas semanas previas ao Nadal. Aberto a persoas de todas as idades, que poderán sumarse á actividade o tempo que consideren, este encontro contará novamente coa participación de Bruno Hermida, na coordinación dun equipo de monitores e monitoras, Este encargarase de facer bailar e moverse ao ritmo das diferentes coreografías ás persoas participantes nun maratón centrado nunha disciplina que combina os exercicios aeróbicos cos movementos de baile. 

Un ano máis, o maratón conta coa colaboración de Gadis e Coca-Coca, que achegarán as bebidas, froita e barriñas enerxéticas ás e aos asistentes. 

Na súa anterior edición, este Maratón Solidario de Zumba contou coa participación dun centenar de persoas, que permitiron reunir preto de 200 quilos de alimentos para este comedor social.