DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ilustrador vigués estréase coas súas viñetas no calendario do 2026

Pepe Carreiro ilustra o novo almanaque de ANL que volve poñer en valor o uso do galego

Os 2000 exemplares impresos poderán recollerse nas conserxarías a partir do 7 de xaneiro

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Institucional
DUVI 16/12/2025

Baixo unha forte chuvia e co edificio Miralles do campus de Vigo de fondo, un home baixo un paraugas di: “Non doulle collido o punto os pronomes, non me che entran”, ao que outro responde: “A modo Moncho non vas ser don Ramón dun día para outro. Don Ramón Otero Pedrayo, digo”. Esta é unha das once viñetas coas que o ilustrador vigués Pepe Carreiro acompaña cada un dos meses do almanaque 2026 da Área de Normalización Lingüística (ANL) da UVigo, que acada este ano a súa novena edición.

Precisamente a incorporación de Pepe Carreiro ao proxecto é a principal novidade do calendario para o 2026, que nas súas últimas edicións ilustrara Luís Davila. O que si mantén un ano máis o almanaque é a idea central de transmitir a través das viñetas que acompañan a cada un dos meses, a importancia do uso do galego por parte dos membros da comunidade universitaria, así como o sentimento de “orgullo do noso”, dun idioma que se emprega en todos os ámbitos desde o investigador, ao docente, pasando polo de lecer.

O almanaque ten dúas versións: unha que se pode descargar en liña e outra impresa, da que se imprimiron 2000 exemplares, que os membros da comunidade universitaria poderán recoller a partir do 7 de xaneiro nas conserxarías das escolas, facultades e centros dos tres campus.

Localizacións ilustradas da UVigo

O almanaque, que como en edicións anteriores reflicte mes a mes as datas de celebración dos e das patroas das escolas e facultades da UVigo, incorpora nas viñetas de Pepe Carreiro ilustracións de localizacións recoñecibles dos campus. É o caso do edificio Miralles e a pasarela da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo, que aparecen os meses de febreiro e xullo, respectivamente, ou a fachada da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, que ilustra o mes de decembro.

Así mesmo, as viñetas de Carreiro tamén reproducen outros espazos tan recoñecibles das cidades nas que se localizan os campus, como a escultura O Sereo da Porta do Sol de Vigo ou as termas da Chavasqueira de Ourense. A isto, engádense espazos propios da vida universitaria como un aula, unha oficina ou un comedor.