Celebrouse este mércores en Santiago coa participación de 170 investigadores
Persoal do CIM-UVigo presenta as súas investigacións na asemblea do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia
Desenvolvéronse 36 relatorios agrupados en cinco paneis por parte de expertos de dez institucións
A cuarta asemblea do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia reuniu este mércores na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela máis de 170 investigadores, nunha xornada na que se presentaron os avances do plan e os resultados e coñecementos xerados ata agora, grazas ao traballo desenvolvido polas 14 institucións e centros de investigación implicados no mesmo. Entre os socios está a Universidade de Vigo a través do Centro de Investigación Mariña, en cuxa representación participaron na xuntanza a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e do director do CIM, Daniel Rey. Ademais, seis dos relatorios da xornada correron a carga de persoal investigador do CIM.
Esta cuarta asemblea do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia estivo estruturada en tres bloques temáticos e cinco paneis nos que se enmarcaron os 36 relatorios, que correron a cargo do persoal e mocidade investigadora das universidades de Vigo, Santiago e A Coruña, de MeteoGalicia, IEO-CSIC de A Coruña e Vigo, IIM-CSIC, Intecmar, Cetmar e Cesga.
Tres eixos temáticos
17 das intervencións artelláronse arredor de tres eixos temáticos: o coñecemento como panca para a xestión sostible do medio, a transformación social e a resiliencia na contorna litoral; a investigación e innovación para unha xestión pesqueira e unha produción acuícola sostible e intelixente; e a estratexia integrada de observación e monitoraxe mariña en Galicia. Ademais, dentro de cada bloque temático houbo outras 19 charlas curtas a cargo da mocidade investigadora que está a traballar nas institucións e centros de investigación comprometidas no programa, que tiveron así oportunidade de presentar os avances no desenvolvemento de ferramentas innovadoras para a observación mariña ou para a xestión dos recursos mariños, e de novos modelos para a produción acuícola, entre outros.
Por parte do CIM-UVigo, no bloque 1 participou Haritz Ayarza, que presentou un estudo sobre a vulnerabilidade da costa fronte ao cambio climático e unha análise de risco climático dos grupos de artes de pesca de Galicia. No bloque 2, o catedrático Armando Caballero presentou unha comunicación sobre a estimación do censo efectivo de poboación e da depresión consanguínea, mentres que a investigadora Beatriz Luego, abordou unha análise da variación espacial do recrutamento de bivalvos de interese comercial nos bancos marisqueiros das rías baixas. Tamén neste segundo bloque, os profesores Jesús Míguez Miramontes e Carlos Andrés Ramírez interviñeron cun relatorio sobre as novas ferramentas para medir e monitorar a fisioloxía de estrés no cultivo intensivo do rodaballo. Neste bloque tamén participou moderando un dos paneis o catedrático José Luis Soengas. Finalmente, no terceiro bloque participaron o catedrático Ricardo Beiras, cun estudo sobre a automatización da lectura do bioensaio ecotoxicolóxico da embrioxene do ourizo de mar (SET) e o investigador Alexandre M. Schönemann, que presentou o desenvolvemento dunha ferramenta para a detección in vivo do potencial disruptor endocrino de substancias altamente preocupantes (VHC) para o medio mariño.
Transformar e mellorar a resiliencia da Galicia do mar
O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia está dotado con dez millóns de euros, seis dos cales son achegados polo Ministerio de Ciencia e Innovación mediante os Fondos do Programa Next Generation EU, e outros catro que achega a Consellería do Mar, Xunta de Galicia, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (Fempa). O obxectivo é transformar e mellorar a resiliencia da Galicia do mar, coordinando e impulsando o labor de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e o diálogo entre o sector científico e de innovación e a sociedade galega. Esta dirección estratéxica céntrase na ciencia mariña e busca fomentar a colaboración entre a comunidade investigadora galega e os axentes sociais, económicos e institucionais vinculados ao mar.
Coordinado polo IIM-CSIC, o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, e polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), o programa conta coa participación do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), Instituto Galego de Formación Acuícola (Igafa), MeteoGalicia, o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade da Coruña (UdC).
Comité externo
Como novidade nesta edición da asemblea, presentáronse os membros do comité experto externo, un órgano consultivo independente creado polo propio Programa de Ciencias Mariñas de Galicia co obxectivo de recibir asesoramento externo e apoio estratéxico, así como para avaliar a calidade da actividade científica e de innovación desenvolvida polo programa, promovendo ademais o seu aliñamento con outras iniciativas externas. Os membros son por Arantza Murillas, do Centro de Investigación Marina e Alimentaria-AZTI; Eva García, da Universidad de Oviedo; Dolors Furones, do Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentarias (IRTA); Juanjo Dañobeitia, do Centro Mediterráneo de Investigaciones Marinas y Ambientales (Cmima-CSIC) e Xabier Irigoien, do NEOM de Arabia Saudí.