DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ramón Álvarez Puebla, da ICREA, deseñou un dispositivo que cuantifica as células tumorais en sangue

O persoal do Cinbio achégase a novas técnicas que permiten detectar o estadio da enfermidade en diferentes tipos de cancro

A segunda fase do estudo contará coa participación de investigadores da UVigo

Tags
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 10/05/2022

No marco do ciclo Cinbio Seminars Program, este martes o centro vigués acolleu a visita de Ramón Álvarez Puebla, investigador e profesor da Institució Catalana de Recerca i Estudis Avançats (ICREA) e da Universitat Rovira i Virgili. O seu relatorio permitiu ao persoal do Cinbio achegarse ás novas técnicas de diagnose e de prognóstico do cancro. O investigador, que desenvolveu parte da súa traxectoria profesional no grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo, ofreceu unha conferencia titulada Análise de imaxe con SERS e fluorescencia para o diagnóstico e prognóstico de cancro, que congregou a máis de medio cento de investigadoras e investigadores, que asistiron tanto en presencialmente coma en remoto. 

A finalidade deste programa de conferencias é convidar a investigadores nacionais e internacionais para que presenten os seus proxectos e avances nunha aposta polo intercambio de coñecementos e pola procura de sinerxía entre institucións. De feito, Álvarez Puebla expuxo os avances do seu grupo de investigación no deseño dun dispositivo que permite cuantificar o número de células tumorais nunha mostra de sangue, o que constitúe unha ferramenta cun gran potencial de cara a mellorar a vixilancia da evolución do cancro. Este estudo terá unha segunda fase na que participarán varios investigadores da Universidade de Vigo, como Mercedes Peleteiro, responsable da área de Citometría do Cinbio, Miguel A. Correa Duarte, líder do grupo TNT e director do centro, así como Eduardo García-Rico Fernández, responsable da parte clínica do estudo. 

Un método menos invasivo que as biopsias

Álvarez Puebla é experto en ciencia de superficies e espectroscopia e céntrase na fabricación e caracterización de partículas plasmónicas e a súa integración en dispositivos de detección avanzados para biomedicina. Na súa intervención deste martes en Vigo explicou o funcionamento dun novo chip capaz de detectar en diferentes tipos de cancro o estadio da enfermidade a través dos cambios en diferentes poboacións das células do sistema inmunitario. O investigador explicou que os pacientes con cancro, especialmente cando se atopan en fase metastática, requiren dun seguimento continuo durante os ciclos de tratamento co fin de avaliar a evolución da enfermidade. Estes controis realízanse a través de biopsias, un procedemento invasivo cuxa realización non sempre é factíbel. A súa proposta pasa por usar este dispositivo, que permite cuantificar o número de células tumorais nunha mostra de sangue, o que constitúe unha ferramenta cun gran potencial de cara a mellorar a vixilancia da evolución da doenza. Segundo explicou na súa intervención, este avance foi xa probado con éxito en pacientes con cancro de mama metastático, aínda que a súa aplicación podería facerse extensiva a outros tipos de tumores. 

Con todo, este é un dispositivo moi custoso, xa que sería preciso fabricar un para cada paciente, e require de máis tempo, dado que é máis lento que o citómetro de fluxo, pero tamén ten unha gran potencialidade para estudar o efecto do tumor sobre o sistema inmunitario, é dicir, os cambios que se producen sobre estas células dependendo do estadio da enfermidade. Isto, destaca o científico, pode ser moi útil á hora de xerar un diagnóstico e prognóstico do desenvolvemento da enfermidade.

Este proxecto encara agora unha segunda fase, á que se suman os investigadores do Cinbio, e que se centrará en ampliar o número de marcadores estudados mediante citometría de fluxo. Ademais, o grupo de Álvarez Puebla traballa noutros eidos como o emprego da biopsia líquida e algoritmos baseados en big data en pacientes con cancro de pulmón, co obxectivo de estimar cun alto grao de precisión a extensión e a gravidade desta enfermidade.