DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro promovido polo Post-Growth Innovation Lab no marco dun proxecto europeo

Persoal investigador de dez países impulsa en Pontevedra unha rede de estudos sobre organizacións e poscrecemento 

Co obxectivo de definir tamén unha axenda de investigación conxunta

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 12/04/2023

Conectar os estudos sobre decremento e poscrecemento, que poñen o foco na importancia de que o progreso da sociedade non se basee nun crecemento económico continuado, coa análise dos modos de funcionamento de diferentes tipos de organizacións, tanto públicas como privadas, é o eixo central do seminario que o grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab desenvolve desde este mércores na sede da Vicerreitoría do campus. Inserido nas actividades do proxecto europeo Prospera, o obxectivo principal deste encontro é impulsar a creación dunha rede de investigación sobre estudos de organización no contexto do poscrecemento. Con ese propósito, reúne en Pontevedra unha vintena de investigadores e investigadoras de diferentes universidades de España, Reino Unido, Grecia, Alemaña, Noruega, Italia, Países Baixos, Finlandia, Francia e Suecia. 

“Todo o mundo traballa nunha organización, sexa nunha organización pública, como a universidade, sexa privada, como as empresas, ou sexa unha organización sen ánimo de lucro”, lembra o coordinador do Post-Growth Innovation Lab, Mario Pansera. “Se non se cambia a organización, que é a estrutura básica da economía, non se pode pensar nun mundo que prospera pero que non crece”, engade este investigador do eixo temático deste seminario enmarcado no proxecto Prospera (Prospering without growth: Science, Technology and Innovation). Financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC), este proxecto, que permitiu a posta en marcha deste grupo de investigación no campus pontevedrés, ten como obxectivo responder á pregunta de como poderían funcionar as organizacións nun sistema que non se basee nun crecemento sen fin.

Tres días de traballo 

Coordinado polos integrantes do Post-Groth Innovation Lab, xunto cos investigadores Laura Colombo e James Scott Vandeventer, das universidades británicas de Exeter e Huddersfield, respectivamente, o punto de partida deste encontro é que “existen diferentes perspectivas e puntos de vista, algúns contraditorios, sobre os fenómenos organizacionais en conexión co decremento e poscrecemento”, segundo recolle na súa convocatoria. De aí que a xuntanza arrancase este mércores cunha xornada dedicada á realizar “un mapeo” dos diferentes estudos que se desenvolven neste ámbito, que permita, como sinala Pansera, ver “cal é a situación académica e quen está traballando nestes campos”. A través de diferentes reunións e talleres, esta primeira sesión de traballo busca promover un diálogo entre as diferentes vertentes e correntes destes estudos, que poña o foco, entre outras cuestións, nas implicacións que pode ter a idea do decrecemento en organizacións económicas como as empresas, así como na análise de fórmulas e exemplos de modelos alternativos de organización. 

A xornada deste xoves, á que se sumarán de xeito virtual outros investigadores e investigadoras “interesados neste tema pero que non traballan directamente nel”, terá como obxectivo central o establecemento e impulso desta rede. Finalmente, o venres chegará o momento da posta en común das diferentes ideas recollidas nas dúas sesións de traballo previas, coa idea de dar forma “a unha axenda de investigación”, un documento que reúna as diferentes cuestións que esta rede prevé abordar nos próximos anos. 

Taller co pianista Abe Rábade

As diferentes sesións de traballo veranse complementadas á súa vez, na tarde do xoves, por un “taller de música e ciencia”, como sinala Pansera, que será impartido polo pianista Abe Rábade. Esta actividade terá como punto de partida o seu disco máis recente, Botánica, no que presenta unha serie de composicións dedicadas á vexetación autóctona de Galicia. Partindo deste traballo, na que a música mestúrase coa botánica e a arte visual, Rábade afondará neste taller no que supón a combinación de diferentes linguaxes. “A ciencia avanza cando se desafían as ideas establecidas, cando comezan a crearse fendas na teoría dominante e saen novas evidencias, e o mesmo pasa coa música, que é sempre unha combinación de linguaxes distintas que permiten crear algo novo”, sinala Pansera desta actividade, dirixida aos e ás participantes no seminario e que será gravada por UVigo TV.