DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun curso inserido no programa anual da UCC+i ‘Ciencia de ida e volta’

O persoal investigador mellora a súa capacidade de proxección cara a sociedade

O obxectivo principal é formar ao PDI no eido da comunicación e na divulgación científica

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • TIC
  • Institucional
DUVI 02/12/2021

O programa de divulgación Ciencia de ida e volta, promovido pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo (UCC+i) e co apoio da FECYT, arrancou motores este xoves coa primeira das actividades programadas,  un curso de formación dirixido ao persoal docente e investigador (PDI) para mellorar as súas capacidades comunicativas e de divulgación. O obradoiro cubriu as 30 prazas ofertadas e ao longo de dúas xornadas, as e os participantes recibirán formación sobre como organizar actividades de divulgación científica, como empregar as redes sociais para comunicar a ciencia ou como achegar á sociedade a través de charlas ou mostras as diferentes liñas de investigación que se desenvolven na Universidade.

Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, foi a encargada de dar a benvida este xoves ás e aos docentes que participan neste obradoiro que, nas súas verbas, “ten como obxectivo que o PDI da nosa Universidade poida presentar os seus traballos e as súas investigacións dun xeito máis acaído para poder chegar a un público máis heteroxéneo, un público sen coñecementos específicos sobre as materias nas que vós estades a traballar”. O curso, de dous días de duración, arrancou este xoves cun primeiro módulo dirixido por Manuel Vicente, divulgador científico e director e presentador do programa Efervesciencia da Radio Galega. Na súa intervención achegoulles as claves para facer divulgación e actividades de cultura científica e para afrontarse a unha entrevista nun medio de comunicación e explicoulles os diferentes formatos para facer divulgación. Nesta primeira xornada do obradoiro, o segundo convidado foi Óscar Menéndez, comunicador científico e fundador de Ciencia en Redes, que como explica Valderrama, “posúe unha grande experiencia no eido da comunicación e da divulgación en redes sociais”. Na súa intervención, que realizou en modalidade virtual, Menéndez centrouse en amosarlles ás e aos investigadores a potencialidade das diferentes redes sociais para a divulgación científica, achegando casos reais de “como facer rede” e analizando exemplos de “boas e malas prácticas”.

Mañá, a ‘experiencia da casa’

A xornada de mañá venres arrancará coa intervención de Déborah García Bello, investigadora en ciencia de materiais, divulgadora científica con varios libros publicados e colaboradora de programas como Órbita Laika. O seu taller centrarase en traballar cos principios básicos da expresión oral e a oratoria, dende a selección dos contidos e a estruturación do discurso ata o deseño da presentación que acompañará as verbas dos investigadores e investigadoras.

A segunda parte do día centrarase en achegar a experiencia de docentes “da casa” que xa desenvolven actividades de divulgación científica no seu eido de coñecemento e mesmo contan con premios polo seu labor. Este é o caso de Luis Navarro, director do Laboratorio de Ecoloxía e Evolución de Plantas da Universidade de Vigo e responsable do proxecto Divulgare. O científico centrase no emprego de estratexias de comunicación audiovisuais para a difusión das investigacións.

Pechará este curso promovido pola UCC+i Raquel Pérez Orozco, docente e investigadora do Grupo de Tecnoloxía Enerxética do Cintecx, que participa no proxecto de divulgación da Aula Aberta á Tecnociencia da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME) da Universidade de Vigo. No seu relatorio explicará en que consiste o seu proxecto Adoles-ciencia, unha iniciativa de divulgación dirixida a estudantes de educación secundaria que emprega métodos baseados en actividades manipulativas e diferentes técnicas de dinamización da aprendizaxe, coas que se busca promover a participación activa e o espertar da vocación científica nos máis novos e novas. Deste xeito, a súa intervención fará fincapé na importancia da divulgación e a formación científica e tamén na súa utilidade para xerar vocacións e captar estudantado para determinados eidos do coñecemento.