DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada colaborativa organizada por atlanTTic e o IIS Galicia Sur

Persoal investigador e sanitario conecta as necesidades clínicas reais coas capacidades tecnolóxicas

Presentáronse catro casos de éxito e celebrouse unha mesa redonda

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HR
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 12/02/2026

O centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur) celebraron este xoves no hospital Álvaro Cunqueiro unha xornada colaborativa que reuniu máis de 60 profesionais dos ámbitos clínico, tecnolóxico e investigador co obxectivo de reforzar a transferencia de coñecemento e promover novos proxectos en saúde dixital, medicina de precisión e intelixencia artificial, conectando as necesidades clínicas reais con capacidades tecnolóxicas existentes, facilitando a identificación de retos compartidos e necesidades que permitan deseñar solucións centradas na atención ás persoas e na práctica clínica.

Na apertura da xornada a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio Armesto, destacou a importancia de tender pontes entre os equipos clínicos e os grupos de investigación expertos en tecnoloxía, subliñando “o valor engadido da colaboración interdisciplinar para abordar os desafíos complexos do sector sanitario”. Pola súa banda, José Manuel Olivares Díez, director Asistencial da Área Sanitaria de Vigo, puxo o foco na necesidade de aliñar investigación e práctica clínica “para xerar innovación con impacto real na vida dos pacientes e salientou o amplo potencial aínda por desenvolver neste ámbito”.

Proxectos que abren novas vías de colaboración

A primeira parte da xornada estivo dedicada á presentación de catro casos de éxito consolidados, froito da cooperación entre persoal investigador e profesionais sanitarios. O proxecto AdEII, presentado por Rebeca Díaz Redondo e Manuel Caeiro Rodríguez (atlanTTic) xunto con Mª Luisa Castro de Parga (IIS Galicia Sur), desenvolveu un programa individualizado composto por 30 vídeos de microlearning para mellorar a adherencia terapéutica en pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal. A iniciativa acadou unha participación do 78% e permitiu avaliar melloras significativas no seguimento dos tratamentos.

O segundo caso, The Mind Guardian, deu lugar a unha aplicación para tabletas Android destinada ao cribado e detección temperá do alzhéimer mediante xogos serios (serious games) que avalían tres tipos de memoria: episódica, semántica e procedimental. Segundo explicaron Luis Anido Rifón (atlanTTic) e Carlos Spuch (IIS Galicia Sur), a ferramenta acadou niveis de precisión próximos ao 98% e supera xa as 50.000 descargas.

Tamén se presentou VISIA, proxecto orientado á detección precoz do risco de suicidio en adolescentes. O seus promotores, Carmen García Mateo (atlanTTic) e Carlos Spuch explicaron que se desenvolveron algoritmos específicos e ferramentas como un chatbot de apoio e destacaron a complexidade do procesado de datos sensibles, que requiriu exhaustivas garantías de privacidade e seguridade.

Pecharon este bloque Javier González Castaño (atlanTTic) e Marta Torrente Carballido (IIS Galicia Sur) co proxecto MAPPES, centrado na detección temperá da esclerose múltiple. Actualmente están traballando cunha mostra de 50 pacientes, que pretenden ampliar nun futuro, aos que se lles realizan controis clínicos e probas de voz, mobilidade e outros indicadores para avanzar cara a sistemas de diagnóstico máis precisos.

Creando sinerxías e mirando ao futuro

Tras a presentación dos casos de éxito, celebrouse unha mesa redonda na que participaron investigadores e investigadoras de ambas entidades para identificar novas oportunidades de colaboración. Interviñeron, polo IIS Galicia Sur, Fernando Eiras Abalde, Ismael Said Criado e Noemí M. López de Castro, e por atlanTTic, Ana Fernández Vilas, Fernando Martín Rodríguez e Juan Manuel Santos Gago, que analizaron os principais retos da práctica sanitaria susceptibles de abordarse desde solucións tecnolóxicas innovadoras.

Na clausura, a directora científica do IIS Galicia Sur, Eva Poveda López, e o director de atlanTTic, Martín Llamas Nistal, salientaron a importancia de consolidar as colaboracións iniciadas, aproveitar as sinerxías detectadas e definir follas de ruta que permitan transformar as ideas compartidas en proxectos concretos con impacto real na práctica clínica.

Demostradores tecnolóxicos

A xornada completouse cun espazo dedicado a demostradores tecnolóxicos, no que se presentaron solucións como LogiViT e Serenia Solutions. Este formato permitiu ás persoas asistentes coñecer de primeira man o funcionamento das ferramentas, interactuar cos equipos desenvolvedores e explorar as súas posibles aplicacións no ámbito sanitario.

Con esta iniciativa, o IIS Galicia Sur e atlanTTic reforzan o seu compromiso coa innovación aberta e coa transferencia de coñecemento ao servizo da sociedade, consolidando o papel da Universidade de Vigo e das institucións sanitarias como motores de investigación e desenvolvemento tecnolóxico en saúde.