DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun artigo na revista internacional ‘Aging and Disease’

Persoal investigador da UVigo e do IDIS publica por primeira vez un marco metodolóxico para determinar a existencia de áreas de lonxevidade extrema

O traballo propón parámetros demográficos e epidemiolóxicos adicionais

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 05/10/2026

Un equipo formado por investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo e do IDIS (Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela) acaba de publicar por primeira vez un marco metodolóxico para determinar a existencia de áreas de lonxevidade extrema. Nun artigo na revista internacional Aging and Disease apuntan cales deben ser os requisitos para que unha zona xeográfica sexa identificada como de lonxevidade extrema, enfocada á poboación que supera os 100 anos. 

O artigo, titulado Extreme longevity areas: redefining the need for a transparent and standardized frameworke, está asinado polos membros do Grupo de Investigación en Lonxevidade e Envellecemento (Long-Aging) da Universidade de Vigo José María Faílde e María Dapía, e por parte do IDIS por Alberto Ruano, Mónica Pérez e Guadalupe García, tamén docentes da Universidade de Santiago de Compostela e membros de CRETUS. 

Segundo explica o equipo responsable, ata o de agora, a identificación das áreas de lonxevidade extrema centrábase exclusivamente na valoración do número de centenarios respecto das persoas nadas nun determinado período nese lugar e na súa comparación con zonas próximas. Con todo, este modelo, apuntan, foi criticado por algúns autores debido a diversas limitacións metodolóxicas. 

Un marco máis robusto

O novo estudo propón un marco máis robusto para validar cientificamente a existencia de áreas de lonxevidade extrema. Concretamente, pon de manifesto que son necesarios parámetros demográficos e epidemiolóxicos adicionais para poder demostrar a existencia destas zonas. Entre estes parámetros, explican as e os investigadores participantes, están se tamén existe unha elevada prevalencia de persoas nonaxenarias, o uso doutras fontes de información adicionais aos rexistros poboacionais, como poden ser as historias clínicas electrónicas, e unha definición precisa e estandarizada do cálculo de lonxevidade extrema. 

Tamén propón o artigo realizado desde o IDIS e a UVigo que estas zonas deben monitorizarse periodicamente pois a condición de “área de lonxevidade extrema” pode perderse polos movementos demográficos ou cambios no estilo de vida, por exemplo nos patróns alimenticios, algo que xa se puxo de manifesto, indican, en Okinawa, Xapón. Outro aspecto relevante destacado polos autores e autoras do estudo é que se trata de fuxir do concepto de zona azul (blue zone) vinculado con marcas comerciais, para considerar outro concepto máis académico, como é o de área de lonxevidade extrema. 

Este traballo dá continuidade a investigacións previas deste grupo onde revisaron as características comúns das zonas identificadas como de lonxevidade extrema (latitude, clima, orografía ou patróns alimenticios).