DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estase a celebrar unha nova edición do obradoiro de gaita

A pesar da covid, a música tradicional galega volve a soar campus

Son nove as persoas inscritas nesta edición

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 02/11/2020

Nos últimos anos, o obradoiro de gaita galega que se oferta cada curso académico no campus de Ourense tense convertido nun espazo no que persoas amantes deste instrumento acoden semanalmente para a aprender a tocar mellor, a ensaiar e a compartir o gusto pola música tradicional galega con outras persoas con inquedanzas musicais afíns. A pesar das limitacións provocadas pola pandemia da covid-19, a iniciativa continúa este curso académico celebrando desde o pasado 15 de outubro e ata o 17 de decembro a súa sétima edición consecutiva.

A iniciativa forma parte da programación de extensión universitaria que organiza este cuadrimestre a Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación de Ourense, sendo xunto ás aulas de teatro e danza unha das propostas que conta nesta programación cunha traxectoria máis duradeira e cun público máis fidelizado. A formación continúa mantendo as súas 30 horas de formación e como lugar de celebración o pavillón de estudantes do campus, onde as e os participantes se dan cita unha vez á semana. Alí afondan no coñecemento da gaita galega, abordando aspectos como as técnicas de gaita, os tipos de dixitación, o repertorio, a afinación ou a ornamentación. Durante a formación tamén se achegan a diversos aspectos da música tradicional e dun xeito específico á percusión tradicional.

Medidas preventivas

Esta edición, explica Gonzalo Abelairas, músico que dirixe e imparte o obradoiro, a matrícula pechouse con nove prazas cubertas debido ás restricións de aforo previstas polas medidas de loita contra a covid-19, o que fixo que, apunta, non se puidesen matricular todas as persoas interesadas. Seguindo a dinámica de anteriores anos, o perfil de participantes combina tanto persoas “que comezan de cero” con outras que continúan a súa formación despois de ter participado en anteriores edicións do obradoiro. Para o desenvolvemento das clases, as e os inscritos están divididos en dous grupos de traballo, atendendo tanto ás limitacións de espazo e medidas sanitarias como ao seu nivel de formación previo. “A verdade é que estamos moi contentos coa xente e os grupos formados”, comenta Gonzalo Abelairas.

As restricións e medidas derivadas da loita contra a covid-19 condicionan, ao igual que acontece coas demais actividades formativas, a celebración do obradoiro, tal e como explica o seu responsable. Así, detalla, entre outras medidas, a máscara é obrigatoria para as e os presentes na sesión excepto no momento específico de tocar a gaita. Ademais, engade, as aulas onde se desenvolven as clases mantéñense en todo momento ventiladas, con ventás e portas abertas, ademais de respectar o uso de xeles hidroalcólicos á entrada e durante a sesión, as distancias de seguridade e demais medidas preventivas xerais. “Botamos de menos poder tocar algún tema todas e todos xuntos pero igualmente estamos moi contentos de poder celebrar o obradoiro e seguir a pesar da situación”, comenta Gonzalo Abelairas.