DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Son 237 mozas e mozos estranxeiros, pouco máis da metades dos que había por este datas en 2019

Pese á pandemia, a Universidade acolle este curso a estudantes de 26 nacionalidades

Francia, Italia e Alemaña mantéñense como principais países de procedencia

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 17/11/2020

Nun contexto global de redución da mobilidade por causa da pandemia as aulas da Universidade de Vigo seguen acollendo este curso a estudantes de múltiples nacionalidades. Como non podía ser doutro xeito a covid-19 freou a chegada de alumnas e alumnos estranxeiros, pero aínda así as aulas da UVigo acollen este curso a 237 estudantes de 26 nacionalidades, manténdose Francia (57), Italia (50) e Alemaña (36) como principais países de procedencia. A redución con respecto a novembro de 2019 é do 53% - naquel momento había 439 estudantes internacionais-, algo que era previsible dada a actual situación de emerxencia sanitaria que levou a moitos mozos e mozas a aprazar a tempos mellores a realización das súas estadías internacionais.

Destes 237 estudantes estranxeiros, 34 pasarán aquí o curso completo; 84 só o primeiro cuadrimestre e 119 son as solicitudes que se contabilizan nestes momentos para realizar as estadías de febreiro a xuño, se ben esta cifra pode aínda sufrir variacións, xa que aínda non se pechou o prazo de solicitudes e sempre poden rexistrarse renuncias. 

As persoas que máis se animan a viaxar seguen sendo as mulleres, 120 mozas fronte a 82 mozos e, se se atende aos diferentes programas de mobilidade cos que chega este alumnado, maioritariamente ségueno facendo a través do programa Erasmus+ (197), se ben as posibilidades de realizar estadías internacionais son cada vez máis amplas. Nesta ocasión, 25 estudantes chegaron a través de convenios bilaterais asinados con universidades de países como México (11), Brasil (7), Arxentina (3), Colombia (2), Corea do Sur (1) ou Kazajistán (1); oito son Erasmus+ Prácticas; dous chegaron de Alxeria a través de Erasmus+ KA CBHE ANL-MED; dous de Estados Unidos, a través de ISEP, e outros dous a través dos programas Erasmus+ K107 (El Salvador) e como estudante visitante estranxeiro (Ecuador).

183 estudan en Vigo e 54 divídense entre Ourense e Pontevedra

Destas 237 alumnas e alumnos, 183 elixiron como destino as diferentes escolas e facultades do campus de Vigo e 54 divídense a partes iguais entre os campus de Ourense e Pontevedra. No caso do campus de Vigo hai alumnado internacional en practicamente todos os centros, se ben como é habitual a facultade con máis presenza internacional é Filoloxía e Tradución, con 73 estudantes internacionais procedentes dunha ducia de países; seguida de Ciencias Económicas e Empresariais, con 33 de dez países; Ciencias Xurídicas e do Traballo con 22 de cinco nacionalidades, e a Escola de Enxeñería Industrial con 20, de nove nacionalidades. Ademais, entre os centros de acollida están tamén a Oficina de Relacións Internacionais e a Área de Benestar, Saúde e Deporte, onde realizan as súas prácticas Erasmus+ unha estudante francesa e dous alumnos portugueses.

En Ourense hai matriculados 27 estudantes internacionais procedentes de dez países: Italia (11), Francia (4), México (2),  Alemaña (2), Portugal (2), República Checa (2), Brasil (1), Lituania (1), Romanía (1) e Turquía (1). Neste caso están moi distribuídos por todo o campus: seis na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; outros seis na Facultade de Ciencias; cinco na Facultade de Educación e Traballo Social; tres na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; tamén tres en Dereito; dous na Escola Superior de Enxeñaría Informática e outros dous na Facultade de Historia.

O campus de Pontevedra acolle tamén este curso a 27 estudantes provenientes  de 11 nacionalidades: Arxentina, Brasil, Reino Unido,  Colombia, México, Francia, El Salvador, Italia, Polonia, Portugal e Lituania. 13 estudan na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; sete en Fisioterapia, cinco en Belas Artes e dous en Ciencias da Educación e do Deporte. 

En primeira persoa: Katherine Xiomara, El Salvador

A historia de cada estudante internacional é diferente, pero este ano, máis que nunca, todas e todos teñen algo en común: o desexo de viaxar, de aproveitar ao máximo as súas estadías e a convicción de que, se ben hai que ser prudentes e ser moi escrupulosos co cumprimento das normas sanitarias, non se debe renunciar a vivir este tipo de experiencia, pois para moitos deles ou o facían agora ou xa non o ían poder facer.

Katherine Xiomara chegou a Vigo procedente da Universidad Centroamericana José Simeón Cañas de El Salvador para asistir ás clases do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional. Propuxéronlle realizar a estadía na UVigo antes de que xurdise a pandemia. “En países e contextos como nos que eu vivo estas oportunidades non caen do ceo, así que a miña intención era aproveitar con gratitude o que me estaban a ofrecer”, explica a estudante. Cando decretaron a alerta sanitaria pensou que as circunstancias non permitirían a mobilidade, pero, finalmente, déronse as condicións necesarias e puido viaxar.  Agora vive en Pontevedra e desde o principio adaptouse sen maior problema ás restricións. “Non nego que me encantaría coñecer outros sitios, pero, por outra banda, teño moito que ler, que escribir e investigar, actividades que perfectamente podo desenvolver desde a miña casa”, subliña Xiomara, quen tamén destaca que España segue sendo para América Latina referente cultural en moitos ámbitos e, neste caso, Galicia adáptase perfectamente aos seus fins académicos.

Katie Liddle, Inglaterra

No caso da estudante inglesa Katie Liddle coñecía España desde que era cativa, xa que os seus avós tiñan un apartamento en Mijas e lembra con moito agarimo esa época. “Tamén estiven en Salamanca, Madrid, Estepona e Mallorca”, explica a estudante, alumna da Facultade de Filoloxía e Tradución no campus de Vigo. “Estudo linguas na Universidade de Chester, francés, español e portugués”, recalca a alumna, quen explica que o segundo cuadrimestre o realizará en Burdeos. “Para completar os meus estudos teño que ter un ano de experiencia no estranxeiro e, de non facelo este curso, tería que agardar un ano máis para poder rematar a titulación”, explica a estudante, ao que engade que desde a súa universidade lle ofreceron a posibilidade de realizar a estancia en liña, pero que isto a ela lle pareceu “un verdadeiro absurdo”. Desde o seu punto de vista, nas aulas apréndese moito, pero “fágoo tamén, incluso máis, das conversas co resto do alumnado, coas miñas compañeiras de piso, cos voluntarios Erasmus ou, incluso, nas tendas”. Admite que cando chegou a Vigo non tiña medo e, “de feito sentíame máis segura aquí ca en Inglaterra”.

Mikolaj Semba, Polonia

Para o alumno polaco Mikolaj Semba, alumno de mestrado na Escola de Enxeñería Industrial, este tamén era o último ano no que podía realizar o intercambio. “Desde que comecei a estudar tiña o soño de viaxar a outro país para completar alí os meus estudos e esta era a miña última ocasión para facelo”, explica o estudante, quen admite que tivo e ten certa preocupación pola situación sanitaria “pero debemos ser racionais e saber superar estes medos”.  Vive con dous alumnos alemáns e un asturiano, todos de intercambio na UVigo. “Todos temos a mesma idade e compartir piso con eles é un pracer e tamén unha gran avantaxe”, recalca Semba, ao tempo salienta que tivo a sorte de “atopar xente marabillosa e de aproveitar moito a experiencia aquí”.

Victoria Barazer, Francia

Procedente de Francia, Victoria Barazer chegou a Vigo para realizar as súas prácticas na Oficina de Relacións Internacionais da propia Universidade. Graduada en Educación e Psicoloxía e con dous mestrados, un de ensinanza do francés como idioma estranxeiro e outro de coordinación de proxectos educativos, Barazer admite que elixiu vir a Galicia porque o seu mozo lle vendeu “súper ben esta rexión marabillosa”.  Desde o seu punto de vista no seu país as cousas non están mellor que en España e “aquí polo menos podo seguir saíndo á rúa ou a dar un paseo a carón do mar e, sinceramente, penso que non podería estar nun lugar mellor nunha situación así”, apunta Barazer, quen recalca que vivir no estranxeiro te afasta dos amigos máis próximos e da familia e, nesta situación, “os compañeiros de piso ou, no meu caso, o meu mozo se converten nos soportes principais, o que para min é suficiente, pero entendo tamén que para as e os estudantes máis novos, que se atopan por primeira vez fóra do seu domicilio e do seu país, vivir esta experiencia en plena pandemia non sempre é doado”.