Situada ao pé da Facultade de Educación e Traballo Social na que exerceu
Unha placa homenaxea no campus ao “mestre de mestres” Alfonso Cid Sabucedo
Este mércores fíxose a súa descuberta nun acto de lembranza
Cando se vai a cumprir dous anos do seu falecemento, este mércores rendeuse homenaxe no campus de Ourense a Alfonso Cid Sabucedo, “mestre de mestres” cunha dilatada traxectoria docente e investigadora vinculada á Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo. Membros da comunidade universitaria, amizades e familiares do homenaxeado reuníronse para descubrir unha placa na súa honra situada no paseo entre os edificios de Ferro e Politécnico, ao pé do centro no que desenvolveu a súa traxectoria profesional. Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, e seu compañeiro de centro e amigo Adolfo Pérez Abellás foron os encargados de lembrar a figura e traxectoria de Alfonso Cid Sabucedo.
O homenaxeado, destacaron, dedicou a maior parte da súa vida ao ensino universitario, formando a futuros mestras e mestres, primeiro na Escola Normal de Maxisterio de Ourense, logo na Escola Universitaria de Formación do Profesorado e na UNED de Pontevedra e xa finalmente na hoxe Facultade de Educación e Traballo Social ourensá. No acto tamén se salientou o seu papel na segregación da Universidade de Santiago, apostando polo fortalecemento do campus de Ourense, e na consecución para Ourense dun centro asociado da UNED. Igualmente lembrouse que foi parte da formación de grupos e equipos de investigación nas áreas de Didáctica e Organización Escolar e Métodos de Investigación en Educación e ocupou cargos de xestión universitaria e política.