DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores da Facultade de Comunicación estudaron as iniciativas iberoamericanas de verificación

Política e covid-19 centraron nos últimos anos a actividade das plataformas que loitan contra as noticias falsas

Un libro recolle os resultados deste proxecto, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 09/01/2024

A proliferación das informacións falsas, imprecisas ou enganosas que se difunden a través das redes sociais e das aplicacións de mensaxería, converténdose nalgúns casos en virais, tense convertido “nunha preocupación de primeira magnitude para gobernos e institucións internacionais”, dado que “pon en risco a estabilidade dos sistemas políticos democráticos” e constitúe “unha seria ameaza para a credibilidade dos medios de comunicación”. Deste xeito poñen o foco no problema global que representa desinformación os profesores da Facultade de Comunicación Mabel Míguez e Alberto Dafonte, coordinadores dun libro que recolle os principais resultados do proxecto de investigación, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, Narrativas digitales contra la desinformación. Estudio de redes, temas y formatos en los fact-checkers iberoamericanos. Desenvolvido ao longo dos últimos catro anos e centrado na actividade das plataformas de verificación de datos ou fact-checkers de dez países iberoamericanos, este proxecto do grupo Sepcom permitiu constatar que a política é “o eixe fundamental arredor do que xiran os contidos” producidos por estes verificadores, centrando preto do 40% das súas publicacións, como sinala Míguez. Ao mesmo tempo, explica, a infodemia xerada pola covid-19 converteu a saúde noutra das temáticas centrais destas plataformas no período analizado.

Publicado por Comunicación Social, o libro Narrativas digitales contra la desinformación. Verificación de datos y alfabetización en la sociedad digital presenta, dun xeito divugaltivo, os principais resultados deste proxecto, xunto coas achegas de expertos e expertas de diferentes universidades españolas, da Michigan State University e da Universidad Católica de Chile. 

A política como eixe ata a irrupción da covid-19

Tras un primeiro bloque centrado nun fenómeno que, como explica Dafonte, engloba “toda aquela información falsa, imprecisa ou enganosa presentada e promovida coa intención de facer un dano público ou con ánimo de lucro”, a segunda parte do libro recolle os resultados da análise das estratexias de distribución de contidos das 17 plataformas de España, Portugal e América Latina, acollidas á International Fact-Checking Network (IFCN). Este estudo constata que o “volume de desinformación” que xera “o día a día da actividade política” nos diferentes países fai desta, como sinala Míguez, o principal campo de traballo destas iniciativas, representando preto do 40% dos contidos que publicaron en Facebook e Instagram en 2021. Non obstante, a pandemia converteu a saúde na segunda temática máis relevante nestes anos, mesmo para plataformas ata entón “orientadas case en exclusiva á verificación de contidos de tipo político”, protagonizando boatos que “circularon por varios países, relacionados sobre todo coas vacinas”.

O libro detense tamén no uso que os fact-checkers realizan das diferentes redes sociais, sendo X, a antiga Twitter, a máis empregada. Neste punto, outra das cuestións detectadas foi que, a raíz, da covid-19, estas plataformas “incrementaron moito a súa actividade en redes sociais”, o que provocou que “as súas comunidades de seguidores aumentaran tamén dunha maneira moi significativa”, destaca Míguez. Pola contra, isto non se traduciu nun aumento significativo “das interaccións que conseguen coa súa actividade, que seguen sendo limitadas”. Nese senso, outro dos obxectivos do proxecto era coñecer que factores podían contribuír a unha mellor difusión dos seus contidos, constándose a influencia que teñen “os cambios nos algoritmos” das redes sociais á hora de determinar cales poden “xerar máis interaccións”, como explica Dafonte.  

O proxecto abrangueu tamén o estudo do uso que realizaban de servizos de mensaxería como WhatsApp ou Telegram, que se teñen convertido “nunha das principais vías de difusión de desinformación”, así como a produción de contidos audiovisuais para redes sociais. 

Da verificación de datos á alfabetización mediática

A terceira parte do libro aborda diferentes “contextos de desinformación”, relacionados cos ámbitos da saúde, o feminismo e o discurso do odio xerado contra a comunidade chinesa durante a pandemia, mentres que a última céntrase na importancia da “alfabetización mediática” fronte a esta problemática. Como lembra Dafonte, as restantes estratexias, como os desmentidos, “son reactivas” e chegan “a moita menos xente que os boatos”, sendo esta a que permite xerar un “espírito crítico” na cidadanía e dotala das “ferramentas necesarias para enfrontarse con seguridade ao ecosistema informativo”. 

A alfabetización mediática foi, de feito, outro dos eixes dun proxecto no que se inseriron accións como o deseño dun recurso educativo aberto, dispoñible no repositorio Procomún, no que presentan unha serie de vídeos e unidades didácticas dirixidas a alumnado de secundaria. Ao mesmo tempo, tamén están previstas novas publicacións resultado deste proxecto, no que se inseriu así mesmo o I Congreso Internacional de Comunicación en la Sociedad Digital. Retos en la era de la desinformación, que o grupo Sepcom promoveu de xeito virtual o pasado mes de xuño e no que participaron máis dun centenar de relatores e relatoras de 14 países.