DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo realizado no marco da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo

Políticas e xornalistas sofren en Twitter “ataques máis persoais e virulentos” que os seus homólogos varóns 

O estudo incide tamén en como estas profesionais se “autocensuran” nesta rede social

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/12/2021

“A política e o xornalismo son profesións xeradoras de odio online, mais con diferencias salientables en canto a xénero”. Esta é unha das principais conclusións do estudo que o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán e a docente da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro desenvolveron, xunto con investigadoras das universidades Complutense de Madrid e Oberta de Catalunya, no marco da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo. Tras constatar nun estudo anterior que políticas e xornalistas eran as profesionais máis insultadas en Twitter, este proxecto buscou afondar nas “formas de violencia machista dixital” ás que estas profesionais teñen que facer fronte no seu día a día. Con ese obxectivo, o estudo abrangueu a análise tanto dos chíos publicados ao longo dun ano, como das mencións aos perfís de 20 políticas e xornalistas e outros 20 políticos e xornalistas homes que, pola súa posición, poderían “considerarse equiparables”. Os resultados amosan como se ben, os profesionais varóns “teñen un maior impacto en Twitter, tamén negativo”, son elas as que “sofren os ataques máis persoais e máis virulentos”, á vez que padecen en maior medida os insultos destinados ao colectivo que representan.  

Dando continuidade ao estudo realizado o pasado curso, tamén ao abeiro da cátedra que a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra promoven conxuntamente, o proxecto Mulleres pontevedresas na rede II. Análise do discurso do odio e outras violencias contra xornalistas e políticas abrangueu tamén a realización de entrevistas a representantes de ambos colectivos. Estas, como apunta Martínez Rolán, permitiron constatar “a normalización do odio”, xa que todas sufriran este tipo de “violencias online”, o que á súa vez deriva en que “se autocensuren” á hora de emitir as súas opinións en Twitter. 

Xunto a Martínez Rolán e Piñeiro, completan o equipo responsable deste estudo Laura Castro, investigadora da UDC; Graciela Padilla e Almudena Barrientos, da Universidad Complutense de Madrid, e a investigadora predoutoral na UVigo e profesora colaboradora na UOC Clara Sánchez.

O punto de partida

Na investigación previa, Rolán e Piñeiro analizaron as publicacións realizadas ao longo dun ano por 50 “mulleres de recoñecido prestixio na esfera pública” así como as interaccións coas súas contas. Os resultados deste primeiro proxecto, recollidos nun artigo publicado recentemente na revista El Profesional de la Información, que grazas a unha axuda da Cátedra Feminismos 4.0 publicouse tamén en aberto, amosan como dos preto de 550.000 chíos analizados, máis de 62.000 contiñan insultos e comentarios ofensivos, o 96% dirixidos a políticas e xornalistas. 

Unha vez constatado que estes dous colectivos son os que “reciben un maior volume de odio” na rede, “este ano decidimos saber como é ese odio”, sinala Rolán do punto de partida dun proxecto que busca tamén coñecer como estas “manifestacións do discurso do odio, a misoxinia e o sexismo” afectan á vida persoal e profesional” de profesionais “esenciais nas sociedades democráticas”. 

Eles son máis criticados, elas, máis insultadas

Como explica Rolán, a investigación abrangueu o seguimento durante un ano das publicacións realizadas en Twitter por 20 “mulleres políticas e xornalistas”, o 40% delas vencelladas á provincia de Pontevedra, e doutros 20 xornalistas e políticos cunha “posición análoga”, así como as mencións, directas e indirectas, aos seus perfís neste período. Entre as contas estudadas atopábase a da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a do seu homólogo na da Coruña, Valentín González Fomoso; as da vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, e o secretario xeral do PP, Teodoro García Ejea, e os da voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral do PSdeG no momento no que se realizou o estudo, Gonzalo Caballero.  

En total, esta análise de contido automático abrangueu 64.000 publicacións e máis de tres millóns de “mencións indirectas”, das que logo empregouse una “submostra” de 770 para a realización dunha “medición de sentimento manual”. Esta análise permitiu constatar como o 16% dos chíos dirixidos a políticas contiñan insultos, fronte ao 13% dos destinados aos seus homónimos varóns. Pola contra, tanto os políticos como os xornalistas homes recibían “mencións negativas” nunha porcentaxe superior, un 42% fronte a 31%, mais as profesionais sufrían en maior medida “os ataques máis persoais e virulentos”. Políticas e xornalistas, así mesmo, eran vítimas nunha maior porcentaxe, un 21% fronte a un 6%, dos insultos dirixidos ao colectivo ao que pertencen. 

A "normalización" do odio

O estudo completouse coa realización “dunha entrevista semiestruturada” a 13 políticas e xornalistas, tanto da esfera local como estatal, que permitiulles constatar como “todas reciben odio e insultos, máis canto maior é a súa proxección e visibilidade”, sinala Rolán. De feito, engade, “practicamente todas, autocensúranse” e “miden moi ben as súas palabras” á hora de intervir en Twitter, o que leva ao investigador a alertar de como nesta rede social se está a producir “unha normalización do odio moi relevante”.

Divulgar e sensibilizar

Coa idea de contribuír á sensibilización da cidadanía respecto deste tipo de violencias, o estudo vese complementado cunha web, na que, como explica Rolán, “fixemos unha parte interactiva, na que os usuarios poden buscar por termos e por persoas” na base de datos desta investigación. Así mesmo, tamén están desenvolvendo un podcast divulgativo que dá a coñecer os resultados do proxecto.