DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha das actividades virtuais que integran o programa da súa sétima edición

O Pont-Up Store detense nos efectos da pandemia nas mulleres emprendedoras

Entre xoves e sábado desenvólvense a través da rede 14 talleres, coloquios e seminarios

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 18/09/2020

Como está afectando a pandemia global aos traballos das mulleres e, máis en concreto, ás mulleres emprendedoras? Esa era a pregunta á que tentaron dar resposta as participantes, na noite deste xoves, no coloquio virtual O talento transformador das mulleres emprendedoras, unha das actividades incluídas no programa do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento promovido pola Vicerreitoría do campus, a través do Campus Crea, co Concello de Pontevedra, como patrocinador principal. A situación sanitaria provocada pola covid-19 obrigou a adiar a celebración das actividades presenciais da sétima edición deste evento, mais non o programa de 14 talleres, coloquios e seminarios que se desenvolven a través da rede entre xoves e sábado. Entre eles, un debate que reuniu seis emprendedoras que participaron en anteriores edicións do Pont-Up Store e que buscaba afondar en como os efectos económicos da pandemia “non serán neutrais en termos de xénero”, como salientou na súa apertura Marian Fernández, socia fundadora da cooperativa cultural O Cable Inglés e encargada de conducir o coloquio.

Dos efectos da pandemia á construción dunha “nova normalidade”

As intervencións de Ana Carpinteiro, en representación do comité organizador, e da concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, a través dun vídeo, abriron esta palestra dirixida a abrir “novas xanelas para repensar as empresas e a sociedade nun momento no que os vellos modelos xa non son válidos”, como destacou Fernández. Tomando como punto de partida un estudo realizado polo clúster ClosinGap que puña o foco en que “as mulleres serán máis castigadas que os homes porque están máis expostas aos sectores máis afectados e tamén máis vulnerables, como o comercio, o turismo ou a hostalería, pero tamén porque continúan asumindo en maior medida os coidados do fogar e da familia”, o coloquio buscou en primeiro termo debater se emprender “ten os mesmos custos” para homes e mulleres. Fíxoo, a través das experiencias das propias participantes, María Gómez, Eva González, Paula Patiño, Ana Carpinteiro, Alba Antepazo e Elena Taboada, responsables, respectivamente, das empresas DoGo Strategy, Veigas de Sabuqueiro, A Castrexa, SomosOcéano, The Graphic Project e Árbore Arqueoloxía. 

A partires desta perspectiva xeral, o debate, seguido a través da rede por preto de 400 persoas, puxo o foco na situación vivida nos últimos meses por mor da covid-19, co propósito de alertar do “posible deterioro das oportunidades laborais das mulleres” que podería provocar a pandemia. Nese senso, Fernández sinalou un estudo da profesora da Universitat de Barcelona Lidia Farré, que “confirma que as mulleres asumiron máis peso nas tarefas domésticas durante o confinamento”, mesmo cando os dous proxenitores seguiron traballando. Aspectos relativos á conciliación, como o “reto que supón á maternidade” foron nese senso abordados polas participantes no coloquio que manifestaron tamén ter aproveitado este período “para repensar os seus emprendementos e estar preparadas para ser máis flexibles nun escenario de continuo cambio”.

Do mesmo xeito, o coloquio incidiu tamén nas fendas de xénero existentes no mercado laboral para debater tamén como debería construírse unha “nova normalidade” nos eidos empresarial e laboral, tendo tamén en conta aspectos como a sustentabilidade, ou o que poderían achegar “novos modelos de liderado feminino”. Neste punto, as protagonistas da palestra “coincidiron en sinalar que á hora de emprender, as mulleres asumen menos riscos e tenden a ser máis conservadoras nas súas decisións, porque levan á empresa o seu rol de coidadoras”, atribuíndo aos liderados femininos calidades como a empatía e a sensibilidade. Mais ao mesmo tempo, apunta Fernández, tamén puxeron o foco na importancia de incorporar valores “como a seguridade e confianza persoal ou a firmeza nas negociacións”. 

Tres días de programación virtual

Adiadas as actividades presenciais previstas para a carpa que cada ano se instala na praza de España, o Pont-Up Store desenvolve desde o xoves un programa de actividades virtual, nun momento no que, como sinalou o seu director, o profesor Pedro Figueroa, “as persoas que deciden lanzar o seu negocio atópanse con moitas situacións adversas e incertas para as que queremos ofrecerlles todo o apoio posible”. Nesa idea insírese o seminario Como deseñar a vacina para frear os efectos da covid-19 no teu negocio utilizando design thinking, promovido por AJE, así como o encontro informativo sobre os procesos de dixitalización das empresas que na tarde deste venres promove o grupo Wordpress Pontevedra. Por outra banda, o Pont-Up Store incorporou tamén nesta edición un Espazo de Internacionalización, no que se se inseriron dous obradoiros organizados pola entidade Ticket2Europe, xunto con coloquio, esta tarde, dirixido a coñecer casos de emprendemento en contornas rurais, promovido por Espazo Arroelo. 

Tamén nesta xornada desenvolveranse tres coloquios centrados no mundo dos videoxogos que suma ao programa do evento SPA-cc/HobbyPont, Xa o sábado, está prevista unha mesa redonda titulada Hackers galegas que defenden o ciberespazo, que se suma á segunda xornada dun seminario sobre márketing dixital organizado por R e dous coloquios inseridos no Espazo de Innovación Social do evento.