DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A oitava edición deste encontro do emprendmeneto desenvólvese hoxe e mañá en Pontevedra

Pont-Up Store reúne 40 representantes dunha “Galicia innovadora e creadora de futuro”

A creación dunha plataforma dixital e dunha asociación, novidades deste 2021

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 24/09/2021

Un total de 40 novos proxectos empresariais, nacidos uns meses antes ou durante a pandemia, dan a coñecer este venres e sábado os seus produtos e servizos na oitava edición do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento promovido pola Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, coa Concellería de Promoción Económica como patrocinador principal. Seleccionados de entre preto de 200 candidaturas, estes emprendedores e emprendedoras “son sen dúbida, representantes dunha Galicia viva, innovadora e creadora de futuro”, como salientou na inauguración o profesor Pedro Figueroa, director dun “evento multisectorial” que reúne empresas de toda Galicia, “un 40% procedentes das vilas e do rural”, das que preto do 55% están lideradas por mulleres e que comparten nesta edición, salientou, “unha filosofía de sostibilidade e defensa do medio ambiente”. Por outra banda, como salientou Figueroa, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, esta oitava edición que recupera a presencialidade tras a “edición online” de 2020, ten como principal novidade o lanzamento da plataforma virtual digital_pontup.

Destas 40 empresas, 35 dispoñen dun stand no recinto instalado na Praza de España, ás que outras cinco sumarán unha serie de “actividades demostrativas” que se suman ao programa de máis dunha vintena de actividades, “dirixidas a incrementar a cultura emprendedora”, que completan o programa desta edición. Boa parte delas, foran seleccionadas para a prevista para o pasado ano e a estas súmanse ademais unha ducia de proxectos nacidos durante a pandemia e que foron seleccionados nunha convocatoria extraordinaria. “Falamos de xente valente”, salientou Figueroa, responsable do grupo de investigación G4+, membro de Ecobas e responsable de coordinar un evento que esta mañá celebraba a súa inauguración, coa participación de representantes de boa parte das máis de 40 entidades e institucións colaboradoras. 

“O Pont-Up volve fortalecido e coa mesma misión”, salientou neste acto inaugural o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que destacou que este evento reúne iniciativas de múltiples sectores, desde a alimentación a cultura á mobilidade ou o medio ambiente, para amosar “o talento a través da innovación, o emprendemento e a creatividade”. O vicerreitor fixo énfase así mesmo na colaboración entre diferentes institucións, que contribúen a que o campus poida “integrarse máis e máis nesta cidade”. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou a importancia desta iniciativa para “mostrar o talento que teñen neste momento Pontevedra como Galicia”, onde existen “exemplos de emprendemento de vangarda” e vinculado a “valores como a defensa do medio ambiente e a economía sostible”. O deputado provincial Manuel González e a directora territoral de Abanca en Pontevedra, María del Carmen Fernández, interviñeron tamén nun acto que contou coa participación, entre outros, da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, e do presidente do Consello Social da Universidade, Ernesto Pedrosa.

Nova plataforma dixital

A principal novidade desta edición é a creación do digital_pontup, unha plataforma virtual desenvolvida pola empresa Gométrica na que os emprendedores e emprendedoras poden tamén dar a coñecer os seus produtos e servizos, neste caso a través de stands virtuais que ademais recrean na rede o propio emprazamento físico das empresas. Nacida da “aprendizaxe” que supuxo a “obrigada dixitalización do evento” o pasado ano, que reuníu “mías de 27.000 participantes en liña nas actividades de formación”, como explicou Figueroa, esta plataforma permitirá, ao longo de todo o ano, “interactuar cos emprendementos e mesmo efectuar compras”, á vez que acoller outra serie de eventos e actividades.

A esta nova ferramenta súmase ademais, como novidade, a constitución nos próximos días da Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, “unha vella demanda da comunidade” que integran os preto de 300 proxectos empresariais que pasaron polas diferentes edicións do evento e que nace, como salientou Figueroa, coa vontade de “dar apoio á continuidade e garantir a continuidade do Pont-Up en Pontevedra”.

Emprendemento co selo da UVigo

Entre os diferentes postos presentes no recinto, atópase o da propia institución académica, que ademais de información sobre as diferentes titulacións, da man da Área de Captación de Alumnado, incorporou nesta edición por primeira vez un espazo reservado aos emprendedores e emprendedoras seleccionados no programa Incuvi. “Esta feira é o foro perfecto para que se visualice o traballo da Universidade no ámbito do emprendemento e para que estes proxectos se dean a coñecer”, salientou Caparrini, que explica que por este espazo irán pasando, ao longo das dúas xornadas do Pont-Up, os responsables de diferentes iniciativas seleccionadas na última edición do programa Incuvi. Do mesmo xeito, tamén irán pasando polo recinto outra serie de proxectos empresariais seleccionados no proxecto Mobae, que coordina a Universidade de Vigo. “Trátase de iniciativas emprendedoras vinculadas á mobilidade nun sentido amplo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, sinala Roberto Chico, un dos coordinadores deste proxecto Interrreg Poctep,

Darse a coñecer e establecer sinerxías 

Un dos proxectos seleccionados no Incuvi e no proxecto Mobae é Vi&Go, un proxecto empresarial impulsado por Adrián Marnotes, Marta Álvarez e Nacho Iglesias, que conta cun espazo propio neste evento. Formados na Escola de Enxeñería Industrial, atópanse desenvolvendo unha “start up que ofrece unha subscrición unha rede de carga e intercambio de baterías para motos eléctricas” que agardan constituír xa como empresa neste 2021. “O Pont-Up é o referente do emprendemento en Galicia”, salienta Álvarez, que incide no interesante de tomar parte nun evento “do que poden saír sinerxías” e que lles permite tamén “recibir as opinións de moitas persoas”. 

Acadar unha maior visibilidade “nos comezos, que sempre son complicados” foi tamén o que trouxo a este evento a O Galpón Lab, “unha asociación para artistas novos”, impulsada por Iria Rodríguez e a egresada da Facultade de Belas Artes Eva Fandiño, que inciden nese senso no positivo desta iniciativa á hora de dar a coñecer os seus proxectos e os artistas cos que traballan.

Máis de 20 actividades

Na mañá deste venres arrancou tamén cunha xincana educativav unha mesa redonda sobre emprendemento feminino no ámbito tecnolóxico, na que participou a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, o programa de actividades que completa este evento. Para a tarde deste venres estaban previstas outra serie de propostas,como un coloquio sobre emprendemento en moda sostible, obradoiros de ecoestampación e de construción de cabaliños de pau ou unha sesión de networking, promovida por AJE-Pontevedra.