DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade colabora cun evento que engloba unha exposición e diferentes talleres

Pontevedra acollerá un encontro ibérico de arte téxtil

‘Peninsulares’ desenvolverá a súa programación na cidade en outubro e novembro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 21/05/2025

Xunto ao municipio portugués de Guimarães, Pontevedra será neste 2025 unha das sedes do quinto encontro de arte téxtil contemporánea 'Pensinulares', que, coa colaboración do Concello, da Universidade de Vigo e da Fundación RAC, desenvolverá nos meses de outubro e novembro a súa programación na cidade. Nela insírense iniciativas como a exposición Modos de ver, que terá como sedes o Pazo da Cultura e a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, residencias artísticas, coloquios e talleres.

Promovido pola entidade cultural Indigo Proyectos e os responsables da bienal de arte téxtil Contextiles de Guimarães, 'Peninsulares' preséntase como un evento dirixido á promoción da arte téxtil contemporánea, portuguesa e española, que na súa quinta edición se achegará por primeira vez a Galicia. Esta iniciativa foi presentada este mércores no Concello por Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, Lala de Dios, responsable de Indigo Proyectos, e Joaquim Pinheiro, director de Contextile. Este acto contou coa participación do director da Área adxunta á Vicerreitoría do campus, Luis Torres; a coordinadora do Máster en Deseño en Dirección Creativa en Moda da Facultade de Deseño, Lola Dopico; e o vicedecano da Facultade de Belas Artes e coordinador da Sala Manuel Moldes, Ignacio Pérez-Jofre, xunto a outras e outros responsables dun proxecto que previamente abordaron nun encontro co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Unha programación con dúas sedes

Como explicaron Pinheiro e De Dios, Pensinulares é un encontro bienal, que se leva a cabo nos anos nos que non ten lugar Contextile, conectando diferentes municipios e entidades de España e Portugal. Na súa quinta edición, desenvolverá a súa programación entre o 28 de xuño e o 2 de agosto en Guimarães e do 15 de outubro ao 15 de novembro en Pontevedra. “Tiñamos moi interese por vir a Galicia”, recoñeceu a responsable de Indigo Proyectos, que explicou que, xunto a unha exposición que reunirá unha decena de artistas de ambos países, este evento abrangue tamén “un programa paralelo” con actividades como “talleres, coloquios ou visitas guiadas”. Para isto contan como “socios estratéxicos” tanto coas facultades de Belas Artes e Deseño en Pontevedra como coa Escola de Arquitetura, Arte e Design da Universidade do Minho, co obxectivo de que o estudantado poida achegarse “ás potencialidades que ten o téxtil como medio artístico”.

Nesa colaboración insírense tanto o workshop que impartirá na Facultade de Deseño unha das artistas participantes na exposición, na semana previa a Debut 2025, como o que a Sala Manuel Moldes sexa unha das sedes dseta mostra. Baixo o título de Modos de ver, esta mostra ten como obxectivo “chamar a atención”, sobre como o ser humano acostumouse a ver a natureza “como algo externo e alleo, cando en realidade forma parte dela”, co obxectivo de pór de relevo o papel que a arte e as industrias creativas poden xogar nunha “transición cara prácticas máis sostibles”, como destacan desde a organización.