DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 40 novas empresas participan na novena edición do Pont-Up Store

Pontevedra, capital do emprendemento 

Promovido polo Campus Crea, o evento complétase con preto de 30 actividades

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 23/09/2022

Preto de 40 novas empresas creadas nos últimos tres anos e medio, nun contexto marcado pola pandemia, dan a coñecer este venres e sábado os seus produtos e servizos na novena edición do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento promovido pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea, coa Concellería de Promoción Económica como patrocinador principal e o apoio de máis de 50 institucións e entidades. “Benvidos á capital española do emprendemento”, salientou o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, na inauguración dun evento que centra a súa actividade no recinto instalado na praza de España, polo que en anteriores edicións pasaron preto de 20.000 persoas. De xeito paralelo, este espazo e outros puntos da cidade exercen como sedes das máis de 30 actividades que completan o programa deste noveno Pont-Up Store que, como salientou o seu director, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Figueroa, pon o acento nesta edición en aspectos como a internacionalización, o desenvolvemento sostible, a economía social e a igualdade.

Un encontro que permite ser “optimista co futuro do país”

Director do grupo de investigación G4+, que impulsa este evento, Figueroa lembrou que o Pont-Up Store é “unha festa do emprendemento” que permite “visualizar a gran cantidade de iniciativas existentes no país”, nuns “momentos de incerteza, saíndo aínda da crise da covid-19”. Nese senso, lembrou que os 40 proxectos “cheos de creatividade e innovación” que se presentan nestes días, tanto nos stands como en actividades como o Pont-Up Exprés, foron seleccionados de entre 150 candidaturas, “todas elas orientadas ao desenvolvemento sostible”, procedentes case a metade delas “das vilas e do rural galego” e lideradas preto do 80% por mulleres. “Todas elas son propostas innovadoras que sorprenden pola súa capacidade de dar resposta ás novas necesidades da sociedade”, salientou o director dun encontro que permite, “ser máis optimista co futuro dun país máis innovador, máis sostible e máis igualitario”.

Nesa idea de contribuír, a través da colaboración entre diferentes institucións e entidades, a “unha sociedade máis evolucionada, máis xusta, máis igualitaria e máis próspera”, incidiu tamén neste acto Manuel Reigosa. O reitor puxo o acento en que “a falta de emprendemento é unha das eivas que temos como sociedade” e remarcou que na UVigo “estamos comprometidos a que das nosas aulas saian emprendedores”, obxectivo ao que se suman iniciativas “máis que consolidadas” como o Pont-Up Store. “Ter en Pontevedra todas estas iniciativas empresariais novidosas e de vangarda ponnos no mapa”, engadiu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que destacou o positivo de que esta iniciativa se leve á cabo á súa vez no espazo público. Por un evento que en 2023 celebrará o seu décimo aniversario pasaron nestes anos “máis de 300 emprendedores, dos que moitos deles seguen avanzando”, lembrou Fernández Lores, que destacou tamén que cada ano preto de 20.000 persoas pasan polo recinto deste encontro.

A inauguración deste noveno Pont-Up Store completouse coas intervencións do delegado do Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades; o deputado provincial de Economía e Facenda Carlos López Font; a directora territorial de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia, Margarita Ardao, e a directora territorial de Abanca, María del Carmen Fernández. O acto contou tamén coa participación das vicerreitoras de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, e do campus de Pontevedra, Eva Lantarón, así como do director de Ecobas, Carlos Hervés, e representantes de diferentes organizacións empresariais.

Empresas de múltiples sectores

Nunha edición na que destacan a presenza de empresas de economía social e as propostas de emprendemento que teñen na sostibilidade o seu eixo, o recinto do Pont-Up Store permite coñecer iniciativas empresariais de ámbitos como “deseño de moda, alimentación, enxeñaría, novas tecnoloxías, formación e cultura, ocio e saúde...”, explicou Figueroa. Así, entre os expositores pódense atopar desde empresas que traballan en técnicas de agricultura de precisión mediante o uso de drons, a iniciativas centradas na mobilidade eficiente, pasando por empresas de videoxogos ou de alimentación de mascotas. Tamén teñen oco neste recinto iniciativas como AirCO2, empresa que se encargará de realizar unha medición das emisións de CO2 xeradas polo Pont-Up Store, facendo posible unha das novidades desta edición, un plan de descarbonización posto en marcha coa Concellería de Desenvolvemento Sostible que levará a compensar a pegada de carbono do eventos con accións como a plantación de árbores.

Neste encontro tamén está presente o monopraza de UVigo Motorsport e poden atoparse así mesmo iniciativas seleccionadas no programa de apoio ao emprendemento da Universidade, Incuvi, como é o caso de Navia 3D, un proxecto centrado en ofrecer “solucións con contornas interactivas e en 3D para diferentes sectores”, que ten na “virtualización do patrimonio” o seu principal campo de traballo. “Estar en eventos como o Pont-Up Store vémolo estratéxico. É unha acción para relacionarse con outras empresas e, sobre todo, para ver como impactan os nosos servizos nos usuarios”, salientaba Simón Fernández, impulsor xunto con Rita Pérez deste proxecto empresarial. Recoñecido nas axudas Incuvi-Emprende, outro dos proxectos que creceron na UVigo é Iniqual, unha firma “de roupa de xénero non binario”, feita con “materiais orgánicos ou recilados”. Impulsada por Cayetana de Ozámiz e Alejandro Sierra, trátase dunha marca que aposta pola “slow fashion” e que comercializa os seus produtos a través da rede. De aí que incidan na importancia que ten para eles participar en eventos como este, “que dannos visibilidade e permiten á xente ver as nosas prendas, tocalas e probalas”, salientan.

Aposta pola internacionalización

O Pont-Up Store complétase cun programa de 30 actividades, que poden seguirse tanto de xeito presencial como virtual, e que arrancaron xa o pasado martes cunhas xornadas previas nas que, como apuntou Figueroa, “participaron máis de  120 persoas”, ás que se suman ás preto de 150 que asistiron ás desenvolvidas na mañá deste venres. Coa participación de “máis de 70 especialistas, das que 50 son mulleres”, este programa de actividades oriéntase “fundamentalmente á internacionalización, o desenvolvemento sostible e economía social, a igualdade e á innovación”, sinalou. 

Entre as iniciativas centradas na internacionalización atopábase unha presentación de HEI4 Future, un proxecto europeo financiado con 1,2 millóns de euros polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía EIT, e liderado pola Universidade de Vigo. Coa participación de institucións de Dinamarca, Italia, Albania, República Checa, Portugal e Ucraína, o proxecto liderado polo profesor da Facultade de Comercio Pablo Cabanelas ten como obxectivo deseñar novas estratexias de axuden a converter as capacidades tecnolóxicas que xorden nas institucións de ensino superior en novos produtos e servizos que contribúan ao avance social. Tras desenvolver esta semana a súa reunión de lanzamento en Vigo, este proxecto dirixido a “potenciar a capacidade de emprendemento e innovación”, como sinalou o seu coordinador, presentouse nesta xornada na Casa das Campás, nun acto que contou coa participación das vicerreitoras Natalia Caparrini e Eva Lantarón.

Así mesmo no programa do Pont-Up Store figuran propostas como un encontro de emprendedores de 17 países, un xogo interactivo que se desenvolverá no casco histórico da cidade, o taller de WordPress que permitirá realizar as webs de dúas asociacións sen ánimo de lucro, no marco da WordCamp Pontevedra, unha mesa de debate sobre as motivacións de emprendemento en Galicia ou talleres para nenos e nenas.