DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os datos recollidos nun informe que o grupo G4Plus realizou para o Concello

Pontevedra conta con 60 postos de traballo por cada 100 habitantes

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 23/03/2023

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o director do grupo G4Plus da Universidade de Vigo, Pedro Figueroa, presentaron este xoves os datos finais do informe sobre a situación laboral no municipio desenvolvido por este grupo de investigación da Facultade de Comunicación. Tras dar a coñecer a comezos de marzo un primeiro avance centrado nas afiliacións á Seguridade Social, o documento completouse cos datos de afiliacións de empregados públicos na Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado (Muface), a Mutualidade Xeral Xudicial (Mufeju) e o Instituto Social das Forzas Armadas (Isfas). As cifras finais, explicaron, sitúan o número total de traballadores e traballadoras en alta laboral que residen en Pontevedra en 35.243 e o número total de persoas que teñen o seu posto de traballo no municipio en 50.310. Nese senso, a cidade presenta unha taxa de 60.7 postos de traballo por cada 100 habitantes, unha cifra superior ás de Vigo, Vilagarcía de Arousa, Marín, Poio e Sanxenxo, os outros municipios analizados nun estudo que busca “comprender o panorama laboral en Pontevedra e a súa comparativa con concellos de referencia da provincia”.

Segundo recolle o informe realizado por Figueroa e Daniel Gallego, Pontevedra conta cun 42,8% máis de persoas que desenvolven a súa actividade laboral na cidade que traballadores e traballadoras residentes no municipio. Esta cifra é superior en termos porcentuais á de Vigo, un 21,2%, que, non obstante, é o principal xerador de emprego da provincia en cifras totais, con 143.626 postos de traballo no municipio e 118.483 persoas en alta laboral residentes neste concello. Dos seis municipios analizados, só Poio presenta tamén unha porcentaxe positiva neste indicador, un 10,6%, de tal xeito que só estes tres concellos acadan a “autosuficiencia de emprego”, segundo recolle o informe. Pola contra, este dato é negativo en Marín (32,7%), Vilagarcía (18,6%) e Sanxenxo (18,2%).

Tendo en conta a poboación de cada un dos concellos, Pontevedra presenta a maior taxa de postos de traballo por cada 100 habitantes, 60,7, fronte aos 49,1 de Vigo, os 46,2 de Poio, os 31,2 de Vilagarcía, os 30,6 de Sanxenxo e os 26,6 de Marín.