DUVI

Diario da Universidade de Vigo

UVigo e Concello de Portomarín alíanse para poñer en marcha unha sala de lectura infantil e xuvenil

En Portomarín técense os libros e báilanse as gaitas

O proxecto Portomariñeando leva dende outubro organizando actividades de dinamización cultural

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Música
  • Cultura
M. Del Río DUVI 23/03/2023

Dende que se puxo en marcha no mes de outubro, o proxecto Portomariñeando: tecer libros e bailar gaitas tense convertido nun eixe central da vida cultural e lúdica deste concello lugués desenvolvendo actividades que conxugan danza e literatura. Esta iniciativa, financiada con fondos Next Generation, forma parte do programa de axudas Territorio Cultura da Xunta de Galicia, que teñen como obxectivo incrementar a oferta e o tecido cultural máis aló dos grandes núcleos urbanos a través de iniciativas que se leven a cabo en concellos pequenos e cunha densidade de poboación menor a 100 habitantes por km2 

Portomariñeando xurdiu precisamente para desenvolver actividades deste tipo en Portomarín e detrás deste proxecto está tanto o concello como un grupo de docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, liderados por Lourdes Lorenzo, do grupo de Literatura Infantil e Xuvenil Angloxermana e a súa Tradución. O proxecto artéllase arredor de dúas liñas de traballo, por unha banda En Itinerancia, unha proposta baseada na música tradicional, que trata de levar ás 19 parroquias de Portomarín xornadas de bailes, cantos tradicionais e regueifas en colaboración con asociacións da contorna que, ademais de actuar, animan o público a participar.

A outra liña de traballo son os Libros Libres, unha proposta que ten como finalidade recuperar os fondos da antiga biblioteca do concello, agora pechada, e poñer en marcha unha sala de lectura especializada en literatura infantil e xuvenil. Para facelo posible aliáronse a Asociación Cultural Río Miño, a Universidade de Vigo e a Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (ANILIJ), da que forma parte a propia Lourdes Lorenzo, así como outras docentes implicadas neste proxecto.

Libros libres

Ao longo dos últimos meses, as investigadoras da UVigo traballaron na revisión e catalogación dos fondos existentes da antiga biblioteca, que se incrementaron a través de campañas de doazón. A sala será inaugurada oficialmente este sábado e abrirá todos os sábados do mes e case todas as tardes da semana  Paralelamente, nestes meses tamén se realizaron xornadas de contacontos, tanto en galego como en inglés, o primeiro coincidindo co Samaín e actualmente todos os xoves, co apoio das dúas casas-niño de Portomarín. Tamén tiveron lugar xornadas de poesía e cantos tradicionais, incluíndo os Cantos de Reis, pasando por un obradoiro de teatro para nenos, que posteriormente representaron a obra A viaxe de Xoana. Outra das propostas son as xornadas de cultura cinematográfica Portomariñeando en sete días a sétima arte que se están a celebrar ao longo deste mes de marzo, coa proxección de documentais de temas de actualidade e películas como O Apóstolo e Valentina.

Para poñer fin ao proxecto, esta fin de semana celebrarase o I Festival Internacional de Maxia Conde de Waldemar, en homenaxe a este mago portomariñense, nado en 1885 na parroquia de Bagude. Como destaca a profesora Lorenzo, este é un personaxe “célebre en moitas partes do mundo pero pouco coñecido en España”. Haberá dúas galas, unha o venres e outra o domingo, así como unha infantil o sábado, todas elas de balde. No marco destas xornadas, engade, “aproveitaremos para inaugurar a nova sala de lectura especializada en literatura infantil e xuvenil, que levará xustamente o nome de Conde de Waldemar”, na que participarán membros da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (ANILIJ). Ademais, tamén se están organizando clubs de lectura para a infancia, a mocidade e a terceira idade, co obxectivo de fomentar os hábitos lectores entre a poboación rural.

Lourdes Lorenzo destaca que este tipo de proxectos “teñen unha aplicación social de primeira magnitude, ao traballar para que se manteña o rural ofrecéndolle cultura, conservando a que ten e loitando pola inclusión e visibilidade de todos”, xa que en todas as actividades se ten en conta á xente maior con discapacidade cognitiva, con alzhéimer e outras formas de demencia. “Creo que neste proxecto se viu perfectamente como o que se fai desde a Universidade ten unha aplicación real e inmediata na sociedade, que é o que se nos presupón”.

Bailar as gaitas

A outra pata deste proxecto baseouse na tradición musical. “Nun tecido poboacional configurado, na súa maioría, por xente maior, esta acción ten unha dobre finalidade: activar as lembranzas das persoas de idade (contribuíndo así ao mantemento das funcións cerebrais) e axudar a incrementer o acervo de cantigas tradicionais e antigas”. A organización e a maior parte das actuacións corren a cargo da Asociación Cultural Río Miño, con sede social na propia vila, con colaboracións puntuais doutros artistas. En cada unha das 16 actuacións que se celebraron ato o momento “hai baile e música galega e, ao final da actuación, os membros da asociación sacan a bailar á xente. A resposta é fenomenal: en cada parroquia a xente prepara chocolate quente, roscas, etc. para agasallar aos participantes nas actuacións en agradecemento”, recalca Lorenzo. Esta actividade compleméntase con mesas redondas, obradoiros formativos e actuacións de regueifeiros e especialistas en bailes e cantos tradicionais galegos. 

Ademais, como destaca a profesora Lorenzo, todas as accións desenvoltas ao abeiro do proxecto Portomariñeando “teñen unha perspectiva interxeracional e  inclusiva, xa que o material co que se traballa subtitulado para persoas xordas, audiodescrición para persoas cegas e lectura sinxela para persoas con discapacidade cognitiva ou dificultades de comprensión lectora.