DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina celebrarase o sábado 26 de outubro

As praias do norte de Portugal, destino da primeira ruta cultural deste curso académico

Aberta á inscrición da comunidade universitaria e persoas alleas a ela

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 21/10/2024

Este sábado, 26 de outubro, arranca a programación de rutas culturais do curso 2024/2025 da Universidade de Vigo. Será cun percorrido polas praias do norte de Portugal ao que se poden inscribir persoas da comunidade universitaria e persoas alleas a ela. A andaina será a primeira das catro previstas para este primeiro cuadrimestre.

Esta Ruta 1. Roteiro de praias de Portugal (Caminha-Portugal), consistirá nun percorrido lineal, de dificultade baixa, de entre 15-20 km, que pasará polos puntos da costa portuguesa de Caminha, Moledo e Vila Praia de Áncora. Ao longo do percorrido, que se desenvolve ao carón da costa, as persoas participantes poderán gozar de vistas panorámicas e coñecer a biodiversidade mariña desta zona.

A programación de ruas culturais está organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte. A inscrición en cada unha das súas andainas, que se realiza a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada roteiro permítese a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo depende do colectivo de pertenza en relación coa Universidade de Vigo, estando abertas á participación de persoas alleas a ela. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración.

Máis opcións

Tras este arranque, a programación de andainas da UVigo continuará este cuadrimestre o 9 de novembro co itinerario Cultura e Natureza (Montederramo-Macizo Central). Tamén en novembro, o día 30, terá lugar a ruta Camiño Patrimonial e Etnográfico (Silleda-Terras do Deza). Por último, o 14 de decembro realizarase a andaina Sendeirismo Saudable (Nogueira de Ramuín-Ribeira Sacra), que rematará cun magosto.