DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Antía Iglesias foi recoñecida nos Premios Cámara de Comercio-Ence á Innovación Fores

Premian unha investigación que transforma plantas invasoras en materiais e elementos artísticos

Inserida nunha tese desenvolvida no doutoramento do Campus Crea

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Investigación
DUVI Pontevedra 10/07/2024

Combinando os procesos artísticos coa enxeñaría química e forestal, a investigadora predoutoral Antía Iglesias traballou na transformación de especies de plantas exóticas e invasoras, presentes na ribeira do Umia, en papeis e tintas, para logo aplicar na creación artística tanto os materiais xerados como os propios procesos desenvolvidos para a súa obtención. Esta investigación interdisciplinar, que forma parte da súa tese de doutoramento no programa do Campus Crea, foi recoñecida co galardón ao mellor traballo de posgrao na cuarta edición do Premio Cámara de Comercio-Ence á innovación forestal. 

“É bastante emocionante que che dean un premio e máis nun ámbito que non é o teu”, recoñecía esta titulada en Belas Artes e investigadora do grupo dx5 (digital & graphic art research), tras recibir este galardón á innovación forestal, no acto celebrado na tarde deste mércores no Museo de Pontevedra. Promovidos pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, trátase duns galardóns impulsados a través do Programa Marco de Responsabilidade Social Corporativa de Ence 2023 e dirixidos á premiar as iniciativas empresariais e os traballos de investigación máis destacados no eido forestal. 

Nesta segunda categoría, Iglesias obtivo un premio dotado con 3000 euros polo seu proxecto Ecosistemas gráficos. Una aproximación a la potencialidad artística del residuo vegetal exótico-invasor, unha investigación parte da tese que desenvolveu no doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible, que promove estudos que combinen diferentes ámbitos de coñecemento representados no campus. Dirixida por Ann Heyvaert e Ángeles Cancela, docentes da Facultade de Belas Artes e da Escola de Enxeñaría Forestal, respectivamente, este proxecto centrouse no traballo con tres plantas que poden atoparse no río Umia, ao seu paso por Ribadumia, Phytolacca americana, Arundo donax, Tradescantia fluminensis. “O proxecto aborda a problemática das especies exóticas invasoras e propón o reemprego da súa biomasa para a creación artística contemporánea”, sinala Iglesias dun traballo que abrangueu tanto o estudo das “propiedades físico-químicas” destas plantas, como das “estéticas e comunicativas”.  

Materiais con aplicacións industriais e artísticas

A investigación premiada, lembra Iglesias, céntrase “na innovación na xestión dun residuo orgánico vexetal”, pero co obxectivo de “fabricar un material que poida ser susceptible de utilizarse no ámbito artístico”. De feito, o seu estudo “demostra a viabilidade” de utilizar os residuos vexetais derivados da extracción destas tres especies para producir papel e pigmentos laca, o que conecta directamente coa súa faceta como creadora, centrada en boa medida na obra gráfica, “que tradicionalmente é papel e tinta”, lembra.

Non obstante, os traballos desenvolvidos nos laboratorios da EE Forestal levaron á obtención de materiais “adecuados tanto para aplicacións industriais como artísticas”, xa que obtivéronse papeis estandarizados e pigmentos que serían convertidos en tintas graxas aplicables na industria gráfica. Así mesmo, considerouse “a relevancia da integración da fibra de determinadas especies”, especificamente a procedente da Tradescantia fluminensis e da Phytolacca americana, “con pasta comercial, en diferentes proporcións”, co obxectivo de coñecer se estes residuos poderían empregarse tamén na industria. Os resultados obtidos, recolle o traballo premiado, “demostraron a idoneidade e posibilidade de realizar as mencionadas mesturas en portentaxes de entre 30%-70% e 50%-50%”.

Procesos científicos levados á obras

Esta investigación levou tamén a Iglesias a afondar no “potencial pedagóxico e artístico dos procesos científicos e a súa capacidade para abordar cuestións ecolóxicas complexas”. Deste xeito, alén dos materiais xerados, o propio traballo nos laboratorios motivou que esta artista e investigadora buscase tamén incorporar “os procesos linguaxes, ferramentas e resultados científicos na creación gráfica expandida para explorar a súa dimensión artística", o que á súa vez permitía articular “novas preguntas sobre a relación entre humanos e natureza”.  

Deste xeito, desta investigación xurdiron non só papel e tinta, senón proxectos artísticos como Estados intermedios – Estados residuales, recoñecida en 2023 co premio Novos Valores do Museo de Pontevedra. Tratábase, como lembra Iglesias, dunha instalación conformada por un conxunto de cápsulas lumínicas nas que se captura “un momento do proceso de secado do pigmento que extraía das especies coas que traballaba”. Mais recentemente, o proxecto do grupo dx5 O múltiple que ocupa o espazo permitía ver no Pazo da Cultura unha instalación de caixas de luz nas que a artista e investigadora facía uso do traballo con microscopía electrónica de barrido para presentar un conxunto de “imaxes da estrutura interna” tanto dos papeis como das tintas desenvolvidas.

Unha exposición como peche 

A investigación premiada forma parte da tese que defenderá este venres 12 na Fundación RAC, onde ás 19.30 horas inaugúrase Un bosque de malas hierbas, a mostra na que Iglesias reúne tanto estas como outra serie de pezas desenvolvidas no marco do proxecto. “A exposición é un resultado máis da tese”, recoñece esta artista dunha mostra que poderá visitarse ata o 20 de xullo e na que presentará tamén un conxunto de obras inéditas e un mostrario de materiais, co obxectivo de que nela se vexan reflectidas as “dúas partes” do proxecto, explica, “tanto a de laboratorio como a de taller”.