DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centrado na investigación dos sistemas de envase no comercio electrónico no sector téxtil-moda

Premio AECOC ao traballo fin de grao do investigador da UVigo Jacobo Escurís Ouviña

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 06/03/2025

Situación actual de perspectivas futuras do envase e embalaxe para o e-comerce no sector téxtil-moda. Impacto na loxística e na sostibilidade é o título do traballo fin de grao co que o estudante de mestrado e investigador en Loxística & Supply Chain Management do Grupo de Enxeñaría de Organización da UVigo, Jacobo Escurís Ouviña, gañou un dos nove premios cos que a Asociación de Fabricantes e Distribuidores (AECOC) galardoa os mellores traballos fin de grao e mestrado de España. “O traballo investiga os sistemas de envase e embalaxe no comercio electrónico, con foco no sector téxtil-moda e a súa sostibilidade. Desenvólvese en dúas fases: primeiro un estudo do estado actual mediante unha revisión sistemática da literatura para identificar mellores prácticas e, segundo, unha análise empresarial baseada nun estudo de campo”, detalla Escurís sobre o seu TFG premiado, que na segunda das fases, examina os sistemas de envase e embalaxe por empresas seleccionadas, avaliando o seu impacto en custos, eficiencia loxística e pegada de carbono, analizándose materiais, optimización do transporte e sostibilidade dos procesos, co obxectivo de identificar solucións que equilibren competitividade e sostibilidade nunha contorna de mercado electrónico en constante evolución. 

Na XII edición dos Premios Académicos AECOC, Jacobo Escurís recibiu un accésit na categoría Supply Chain, dotado con 1000 euros, logo da decisión adoptada polo xurado dos galardóns, que recibiu máis de 170 candidaturas en catro categorías; trade marketing, supply chain, tecnoloxía aplicada e Pepsico-Sostenibilidade, aos que se suma un premio especial Nestlé, que outorga unha oportunidade laboral a un alumno ou alumna seleccionada pola empresa e un programa de mestrado financiado pola compañía. Os galardóns tamén recoñeceron nesta edición os traballos de alumnado das universidades de Sevilla, Pontificia de Comillas, Politécnica de Madrid, Politècnica de València ou Deusto. 

AECOC é unha das maiores organizacións empresariais de España, que engloba, tanto as maiores compañías, como a pequenas e medianas empresas e representa sectores tan diversos como alimentación e bebidas, téxtil, electro, bricolaxe, saúde e hostelaría, entre outros. Conta con máis de 34.000 empresas asociadas, que suman unha facturación conxunta que supón preto do 25% do PIB nacional.

Un recoñecemento ao esforzo e a dedicación

Alumno do Máster de dirección e innovación da cadea de subministro da UVigo, ademais de investigador e consultor no Grupo GIO, Jacobo Escurís considera que o recoñecemento acadado “supón un excelente broche de ouro para este ciclo académico, no que fun quen de evolucionar e formarme como profesional na enxeñaría de organización. Reflicte o esforzo e a dedicación investidos no traballo, así como a importancia de abordar desafíos clave como a sostibilidade no e-comerce”. 

Afirma ademais Escurís que o premio académico outorgado por AECOC representa un gran paso na súa carreira profesional, “reafirmando o meu compromiso coa innovación e a mellora continua na cadea de subministro. Sen dúbida, é unha motivación para seguir explorando solucións que acheguen valor ao sector”, asegura.