DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto de conmemoración este martes do Día Internacional da Muller

O Premio Uviguala recoñece a implicación das profesoras e investigadoras STEM do campus de Ourense en Exxperimenta en Feminino

O galardón foi entregado ás súas coordinadoras, Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 09/03/2021

Baixo o nome de Exxperimenta en Feminino, no ano 2017 botou a andar unha iniciativa na que cada curso arredor 120 profesoras e investigadoras da Facultade de Ciencias, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense se alían para organizar diferentes actividades, entre elas unha feira divulgativa, de visibilización da muller na ciencia e de fomento das vocacións STEM. Por este compromiso coa igualdade e pola súa capacidade de implicación e mobilización de diferentes colectivos, as súas coordinadoras, as profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo, foron recoñecidas este martes co IX Premio Uviguala da Universidade de Vigo. No seu discurso, as galardoadas fixeron extensible este recoñecemento “a todas as mulleres do campus de Ourense que participan en Exxperimenta en Feminino”.

A entrega virtual do galardón, retransmitida en directo por UVigoTV, tivo lugar no marco da conmemoración na institución académica do Día Internacional da Muller. Nel, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, salientou como a concesión por unanimidade deste premio a Exxperimenta en Feminino é “moi acaída”, destacando como “é difícil atopar un merecemento maior para un premio de igualdade”. Neste senso, o reitor fixo fincapé en como esta iniciativa “xunta moitas cousas que queremos ver, primeiro na nosa universidade e segundo tamén na sociedade galega”. Entre elas destacou a súa filosofía de traballo de “todas a unha”, subliñando como na loita pola igualdade real “é o momento de que fagamos forza entre todas e todos, nós nunha posición secundaria” e reivindicando “unidade de traballo” nesta tarefa.

No acto, que contou coa actuación musical do grupo Blues do País, Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, foi a encargada de explicar os méritos que a Comisión de Igualdade valorou á hora de conceder o premio ao compromiso de xénero na institución académica a Exxperimenta en Feminino. “Este programa, que xa vai pola súa cuarta edición, desenvólvese no campus de Ourense, arredor da celebración do 11 de febreiro, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e ten un grande impacto entre a mocidade dos institutos e do centros escolares da provincia”, comentou. É, afirmou, “un exemplo da implicación activa das nosas docentes e investigadoras a prol da igualdade de xénero na UVigo” e “combate o efecto Matilda na ciencia na nosa comunidade universitaria e na nosa sociedade, facendo fincapé na visibilización das mulleres científicas e tecnólogas para que actúen como referentes tanto para as rapazas como para os rapaces”. Ademais, engadiu a vicerreitora, esta iniciativa de base “fomenta as vocacións científicas e tecnolóxicas nas mozas e nas mulleres" e ten "un alto impacto” na comunidade universitaria, nos centros educativos e nos medios de comunicación. “Exxperimenta en Feminino fai da nosa universidade un espazo máis igualitario e máis feminista”, recalcou Mónica Valderrama.

Un traballo “coral e asembleario”

No seu discurso conxunto, as profesoras Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática; Julia Carballo, da Facultade de Ciencias, e Nieves Lorenzo, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, destacaron a súa satisfacción por este  recoñecemento recalcando como “Exxperimenta en Feminino non somos só nós. Son as alumnas, as investigadoras e as profesoras da Facultade de Ciencias, da Escola de Enxeñaría Aeroespacial e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense que, co seu traballo desinteresado, voluntarioso e entusiasta, fan posible esta iniciativa”. A este grupo inicial, indicaron, uníronse, a partir da segunda edición, as profesoras e alumnas da Escola Universitaria de Enfermaría. Nos seus agradecementos tamén houbo espazo para os centros implicados, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Unidade de Igualdade e Fecyt, que financian parte das súas accións.

O traballo “coral e asembleario” de Exxperimenta en Feminino, lembraron as protagonistas do acto, ten permitido a consecución de diversos obxectivos. En primeiro lugar, destacaron a celebración da súa feira científica. Na súa última edición, lembraron, participaron 14 grupos de investigación de diferentes disciplinas do campus ourensá e máis de 120 profesoras, investigadoras e alumnas universitarias, asistindo ás tres edicións celebradas da feira ata o momento “un total de máis de 900 estudantes de Secundaria e Bacharelato da provincia”. Nestes eventos, indicaron “fíxose visible e difundiuse o labor científico levado a cabo polas profesoras do ámbito STEM do campus de Ourense”; as rapazas asistentes puideron coñecer referentes femininos neste eido e os rapaces ver normalizado o feito de que as mulleres lideren actividades científicas. Desta actividade, as súas coordinadoras recalcaron como as persoas implicadas “colaboramos baixo a premisa de todas a unha” e con “espírito de camaradería e orgullo do traballo ben feito entre todas”.

Outra das accións destacadas de Exxperimenta en Feminino polas profesoras galardoadas foi a realización dunha exposición na que se visibilizan 14 mulleres “científicas relevantes, nalgúns casos esquecidas ou deixadas de lado.” A mostra itinerante está percorrendo os centros educativos ourensáns e atendendo ao novo contexto provocado pola pandemia, as galardoadas lembraron ademais como desta mostra se fixo un “xemelgo virtual” que permite coñecer ás científicas elixidas en vídeos nos que participan tamén investigadoras da UVigo. “Todos estes resultados son froito do traballo entusiasta das investigadoras do campus de Ourense, un traballo de divulgación e transferencia á sociedade que consideramos de relevancia”, afirmaron Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo. A pesar desta relevancia, as profesoras subliñaron que este traballo “non recibe recoñecemento curricular”, polo que reivindicaron no seu discurso “o recoñecemento destas actividades (e non só a organización das mesmas)”, reivindicación que reitor recoñeceu no seu discurso como “xusta e urxente”.

Mudar o mundo desde o feminismo

Alén da entrega dos Premios Uviguala, Mónica Valderrama explicou como co gallo deste 8 de marzo, a Universidade de Vigo desenvolveu unha campaña institucional que levou por lema Mudamos o mundo desde o feminismo. Aprendemos a mirar. Realizada desde a Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais co apoio da Unidade de Igualdade, a campaña, indicou, estivo protagonizada por persoas vinculadas “ao universo UVigo” e nela quíxose transmitir “a necesidade de incorporar a perspectiva de xénero na universidade, dunha mirada crítica ás desigualdades das mulleres en todas as esferas de realización social”. “Estamos firmemente comprometidos coa igualdade e non miramos a outro lado”, afirmou a vicerreitora, que tamén lembrou como está en marcha a 4ª edición do Itinerario virtual de formación en xénero, que oferta un total de 17 cursos, oito máis que en edicións anteriores.