DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Premios Egeria 2025: tres teses, 1 TFM e 2 TFG comprometidos coa igualdade

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 23/01/2026

Xa está todo listo para a entrega dos Premios Egeria 2025, galardóns cos que a Universidade de Vigo premia cada ano a aqueles alumnos e alumnas que realizan os seus Traballos Fin de Grao, Fin de Mestrado e teses de doutoramento tendo en conta a inclusión da perspectiva de xénero. A cita será o vindeiro mércores coincidindo coa celebración de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade, e nela coincidirán os seis estudantes premiados nesta edición: Clara Sánchez Vázquez, Mª del Carmen Costas Ferreira e Nazaret Blanco Pardo, gañadoras na categoría de teses; Sara Nieto Fernández, na de Traballo Fin de Mestrado, e Ángel Manuel Vieites Rúa e Carla Nava Prol, en Traballos Fin de Grao.

Infrarrepresentación das mulleres na prensa

Na categoría de teses de doutoramento, galardóns dotados cunha contía de 1000 euros para cada unha das investigacións premiadas, a que obtivo unha maior puntuación foi a realizada por Clara Sánchez Vázquez, autora dunha investigación sobre a representación e o papel das mulleres nos xornais galegos La Voz de Galicia e Faro de Vigo entre 2010 e 2020, desde unha perspectiva de xénero, tese defendida na Facultade de Comunicación o pasado mes de setembro.  

Tras analizar en detalle máis de 3000 pezas informativas e 5000 suxeitos informativos, a autora avalía nesta investigación os roles das mulleres como protagonistas das noticias e como autoras. Os resultados revelan unha clara infrarrepresentación das mulleres como suxeitos informativos, así como unha forte segregación vertical e horizontal no desempeño profesional das mulleres nos medios. “A estrutura mediática galega mantén un marcado androcentrismo, reproducindo estereotipos e desigualdades”, indica a investigadora, ao tempo que fai fincapé en que esta situación contrasta coas conquistas sociais das mulleres e cos avances promovidos polos movementos feministas. 

As outras dúas teses premiadas son as realizadas pola investigadora Mª Carmen Costas Ferreira, un estudo no que se analizan os efectos neurotóxicos do glifosato e da súa formulación comercial Roundup® no estriado de ratas femias adultas, incorporando unha perspectiva de xénero para visibilizar a fisioloxía feminina na investigación preclínica; e a de Nazaret Blanco Pardo, sobre cisheteronormatividade, etnocentrismo, idadismo e prácticas de outredade en adolescentes.

Álbum ilustrado sobre 'Elisa e Marcela' para fomentar a igualdade 

Na categoría Traballos Fin de Mestrado, dotados con 600 euros, o galardón foi para Elisa e Marcela, proxecto realizado pola deseñadora e ilustradora Sara Nieto Fernández, egresada do Máster en Dirección de Arte e Publicidade.

Neste caso a autora propón a creación dun álbum ilustrado infantil comprometido coa diversidade, a igualdade e a educación en valores desde idades temperás. O obxectivo principal é ofrecer un recurso didáctico que visibilice a diversidade afectivo-sexual e recupere referentes históricos silenciados. A obra parte da historia real de Elisa e Marcela, protagonistas do primeiro matrimonio entre dúas mulleres en Galicia en 1901, nun contexto social conservador. A través desta narrativa, búscase honrar a súa memoria e achegar á infancia unha realidade que segue vixente, promovendo respecto e inclusión. 

O formato de álbum ilustrado destaca polo seu potencial pedagóxico para tratar temas complexos de forma accesible e emocionalmente próxima. O proxecto persegue, tal e como explica a súa autora, tres metas principais: divulgar a historia desde unha perspectiva histórica, crear unha narrativa adaptada ao público infantil e fomentar a educación en diversidade sexual como ferramenta para a igualdade. “Este premio é para min un orgullo. Dar visibilidade a temas moitas veces silenciados sempre é necesario”, explica Nieto, ao que engade que con este traballo só agarda poder achegar o seu pequeno “gran de area cara este colectivo, axudando a fomentar o respecto, a diversidade e a igualdade desde a infancia”.

Xénero e arte rupestre: reinterpretando o pasado 

No que respecta aos Traballos Fin de Grao, premiados con 500 euros, a maior puntuación foi para Ángel Manuel Vieites Rúa, do Grao en Xeografía e Historia, por un proxecto no que analiza a arte rupestre na Prehistoria recente peninsular desde unha perspectiva crítica de xénero. O autor parte dunha revisión historiográfica e teórica das Arqueoloxías de Xénero para cuestionar os nesgos androcéntricos e sexistas presentes nas interpretacións tradicionais e na práctica arqueolóxica. Examínanse as principais tradicións rupestres —Levantina, Macroesquemática, Esquemática e Atlántica— para identificar como se constrúen as identidades de xénero e o papel das mulleres e outros suxeitos subalternizados. 

A investigación combina análise iconográfica con metodoloxías recentes e reflexiona sobre a linguaxe, os silencios historiográficos e a invisibilización das investigadoras, realizando, ao tempo, unha revisión sistemática de estudos clave, destacando achegas femininas no ámbito da Arte Rupestre do Noroeste.  Proponse, así, “unha reinterpretación do pasado prehistórico que supere paradigmas patriarcais, apostando por unha Arqueoloxía inclusiva e plural”.

“O Premio Egeria supón para min un recoñecemento enorme ao traballo realizado ao longo destes meses, pero tamén unha meta superada para o Ángel de primeiro curso que sen dúbida non esperaba chegar tan arriba”, salienta Vieites, quen lembra a súa primeira clase do grao, Introdución á etnoloxía, con Beatriz Comendador e Andrea Mouriño como docentes, quen me inspiraron dende o primeiro momento a acadar todo o que me propuxera e son elas as mesmas que dirixiron o meu traballo e me apoiaron tanto en todos os pasos dados”. Desde o seu punto de vista, “a perspectiva de xénero debe ser algo transversal en todos os estudos e non un caixón estanco ou illado”, recalca o alumno, matriculado agora no Máster en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural da Universidade de Vigo, onde busca especializarse nesta rama e seguir traballando nas liñas de investigación “que tanto me apaixonan”. 

Xunto a este traballo galardouse tamén o TFG de Carla Nava Prol, egresada do Grao en Dereito, traballo no que analizou o impacto do populismo punitivo nas reformas penais sobre a violencia de xénero en España, centrando a atención na Lei Orgánica 10/2022 e na súa modificación pola Lei Orgánica 4/2023, normas aprobadas baixo forte presión social e mediática.