DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Premios Galicia de Innovación e Deseño recoñecen a traxectoria do catedrático Fernando Pérez

Pola súa contribución nos últimos anos ao avance da innovación da comunidade

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • TIC
  • Investigación
M. Del Río DUVI 24/01/2022

O catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo Fernando Pérez foi distinguido este luns cun dos Premios Galicia de Innovación e Deseño, unha iniciativa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) para recoñecer a contribución de profesionais e empresas ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e do deseño.

Pérez, investigador do centro atlanTTic, foi galardoado na categoría de Traxectoria innovadora, que recoñece a empresarios e profesionais con experiencia de, polo menos, dez anos neste eido. O xurado elixiu ao docente da UVigo polas súas achegas nos últimos anos ao avance da innovación en Galicia. No acto de entrega dos premios, celebrado na Cidade da Cultura e retransmitido en directo, Pérez recolleu o premio de mans do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e agradeceu un premio que é “unha honra, aínda que o feito de que sexa a unha traxectoria implica que un xa vai ben entradiño en anos”. 

Posta en valor do papel das universidades na innovación

Alumno da primeira promoción de Enxeñaría de Telecomunicación en Vigo e único enxeñeiro galego recoñecido como fellow polo Institute of Electrical and Electronics Engineers, a maior asociación de enxeñeiros do mundo, Fernando Pérez leva máis de 25 anos transferindo coñecemento ao tecido produtivo de Galicia. Polo apoio recibido ao longo de todo ese tempo, o catedrático quixo dar as grazas neste acto ao Grupo de procesado de sinal e comunicacións, que el mesmo fundou hai máis de 25 anos; á empresa Televés, coa que ten colaborado en múltiples proxectos e que “sempre foi un estímulo”; ao centro tecnolóxico Gradiant, “a nena dos meus ollos” e aos socios da empresa Optare Solutions, “que fundamos hai 20 anos e que dá emprego a 100 enxeñeiros aquí en Galicia”.

Na súa intervención Pérez tamén quixo reivindicar o papel das universidades na innovación e fíxoo lembrando que na cidade de Palo Alto, en California, aínda se pode atopar o garaxe que se considera o berce de Silicon Valley, no que naceu HP. Pero en realidade, apuntaba o catedrático, “a orixe de Silicon Valley está moi preto de alí, na Universidade de Stanford, onde o profesor Fred Terman reuniu nas súas clases de electrónica a Hewlett e Packard, animounos a montar unha empresa e mesmo foi un dos primeiros investidores”. Respecto de Galicia, engadía, “creo que existe un enorme potencial nas universidades, que se está a desvelar con programas como o Ignicia”, no que o seu propio grupo participa e no seo do cal “puidemos finalizar o noso software de detección de manipulación de imaxes que logo transferimos ao líder mundial de verificación de documentos online e que, casualmente ou non, está en Palo Alto”, concluía.

Outros premiados

Xunto con Fernando Pérez resultaron premiados na categoría de innovación a empresa Congalsa, líder en productos elaborados do mar e comprometida co traballo cara a transformación dixital e a industria conectada; e GalChimia, peme vencellada ao sector químico e que reinviste de forma continua máis do 10% da facturación en actividades de I+D+ i.

Na categoría de deseño, foron galardoados o traballo de Desescribir, unha firma de dous arquitectos que realiza proxectos de identidade visual e deseño estratéxico para empresas innovadoras; a traxectoria de Damián Calvo, que forma parte do equipo de deseño de Samsung; e o desenvolvemento da empresa TMC Cancela, que fabrica e exporta maquinaria para a agricultura, os montes ou de construción e que logrou multiplicar por oito a súa facturación desde 2008, apostando por un deseño diferencial.