Entregáronse este mércores ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo
Premios GirlGeekPower para catro alumnas excelentes que “abren camiño” en ciencias e enxeñaría
Poñen en valor a excelencia académica de alumnas en ámbitos tradicionalmente masculinizados
Universidade de Vigo e Deputación de Pontevedra volveron pór este mércores sobre a mesa o seu compromiso coa igualdade na entrega da sexta edición dos premios GirlGeekPower, unha iniciativa impulsada ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 asinada entre ambas institucións e coa que se busca pór en valor as traxectorias e os perfís de alumnas brillantes que optaron por cursar unha titulación STEM, é dicir, de ciencia e tecnoloxía, ámbitos nos que a presenza feminina, sobre todo no eido tecnolóxico, segue a estar infrarrepresentada.
Foi nun acto celebrado na sede da Deputación en Vigo coa participación da vicepresidenta do organismo provincial, Luisa Sánchez; da deputada responsable de Igualdade, Paula Bouzós, e da directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Yolanda Rodríguez Castro, que se encargaron de facer entrega dos galardóns e darlle os parabéns ás premiadas. “Estes galardóns representan moito máis que un recoñecemento ás estudantes do ámbito STEM, son a expresión dun compromiso firme de ambas institucións coa igualdade real”, recalcou Rodríguez Castro, ao que engadiu que se trata “dunha verdadeira aposta de futuro para axudar ás estudantes do ámbito STEM, acompañándoas na súa formación e alentando o seu talento”.
Na mesma liña, desde o organismo provincial Luisa Sánchez puxo en valor o papel destas egresadas como “referentes reais de mulleres, sen importar a idade, que lideran, innovan e transforman o mundo desde a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría ou as matemáticas”. Neste senso, ademais de darlles os parabéns, fixo fincapé en que estes premios, “non son casualidade, ver como falades, como vos expresades, que ideas tendes, que valores transmitides... estades retando a próximas xeracións, polo que non teño máis que darvos os meus parabéns”.
“Hoxe é un día para celebrar e recoñecer o voso talento”
As grandes protagonistas foron elas, as mozas premiadas, os mellores expedientes femininos da Universidade de Vigo do curso 2024/2025 en dúas categorías: Ciencias e Ciencias da Saúde, por unha banda, e Enxeñaría e Arquitectura, pola outra. Os dous primeiros premios, dotados con 2000 euros cada un, foron para Sabela González Alcántara, en Ciencias, e Lucía Gómez Barros, en Enxeñaría e Arquitectura, e os accésit, valorados en 1000 euros cada un, para Sofía Fernández Cabo (Ciencias) e Adriana Pazos Lorenzo (Enxeñaría).
“Hoxe é un día para celebrar e recoñecer o voso talento, a vosa dedicación, o esforzo constante e, sobre todo, a valentía de seguir abrindo camiños nun ámbito no que as mulleres aínda son minoría”, subliñoulles a responsable da Unidade de Igualdade, quen lles fixo fincapé en que “o mundo STEM necesita da vosa voz, da forza das vosas ideas e creatividade para transformarse e avanzar cara a unha igualdade real”.
Catro mozas, catro referentes STEM para as novas xeracións
Unha a unha foron recollendo os seus galardóns. Sabela González Alcántara, 1º premio na rama de Ciencias, recoñeceu a importancia das referencias femininas, que aínda son pouco visibles en certos campos. Destacou a Vera Rubin e, ao igual ca ela, salientou a curiosidade que tivo desde nena polo mundo e a súa conexión coa natureza, o que espertou o seu desexo de dedicarse á investigación. Nesta liña, recoñeceu o que supuxo para a súa vocación coñecer o traballo de Lyn Margulis, primeira doutora honoris causa da UVigo, e a partir de aí descubrir outras figuras femininas e as súas achegas, que foron fundamentais para animala a pensar que ela tamén podía ter un lugar no laboratorio “observando, cuestionando, descubrindo”.
Pola súa banda, a premiada en Enxeñaría, Lucía Gómez Barros, destacou como claves para impulsar a súa motivación a estudar unha enxeñaría o acompañamento da súa nai para desenvolver a súa curiosidade, así como a súa experiencia sendo, xunto a unha amiga, as únicas mozas do Bacharelato Tecnolóxico, “A enxeñaría permite aprender a adiantarse aos obstáculos e atopar respostas para mellorar a calidade de vida das persoas”, subliñou a estudante.
A pesar de ser consciente de que as STEM son un ámbito masculinizado, Adriana Pazos Lorenzo destacou o momento no que descubriu “que tiña o potencial para desenvolver as súas propias ideas” e como a curiosidade por saber como funciona o mundo a levou a estudar Enxeñaría de Telecomunicación, uns estudos que nestes anos lle permitiron desenvolver habilidades como a capacidade de organización e resolución de problemas, o valor do traballo en equipo, a importancia de formar grupos de traballo con perspectivas diversas ou a constancia para alcanzar as súas metas.
Á curiosidade fixo tamén referencia Sofía Fernández Cabo, neste caso, en relación ao corpo humano. Desde a Fisioterapia atopou unha oportunidade práctica para aplicar solucións concretas traballando directamente con persoas, deseñando intevencións individualizadas que inciden no seu benestar. Concordou coas súas compañeiras na percepción de eivas, estereotipos de xénero e desigualdades se cadra máis sutís que aínda afectan de forma diferencial a carreira de mulleres e de homes, pero estas situacións en lugar de desanimala serven, salientou, para impulsala a desenvolver a súa resiliencia, a ser máis rigorosa nas súas achegas e a implicarse activamente en actividades para dar visibilidade e recoñecemento ás mulleres nas STEM.
