Na conferencia de clausura do curso da Facultade de Dirección e Xestión Pública
A presidenta do CSIC reivindica a eficiencia que a ciencia pode achegar ás políticas públicas
Eloísa del Pino abordou o crecemento do “ecosistema” que conecta ciencia e política
Afondar no papel que a evidencia científica pode e debe xogar nas decisións políticas e na implantacións de políticas públicas foi o obxectivo central da conferencia impartida este xoves pola presidenta do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Eloísa del Pino, na Facultade de Dirección e Xestión Pública. Sustentar as actuacións públicas na ciencia, defendeu Del Pino, posibilita en primeiro termo “ser eficiente cos recursos, porque sabes que é máis probable que unha política funcione, aínda que non é unha garantía de éxito”, ao tempo que permite tamén “render contas e poder explicar á cidadanía as túas decisións”. Non en van, existen tamén “moitos exemplos de política que fallaron porque non se tivo en conta que a ciencia dicía que había que facer o exactamente o contrario do que se estaba a facer”, subliñou a responsable da conferencia de clausura académica do curso 2024/2025 nesta facultade.
Doutora en Ciencia Política e da Administración pola Universidad Complutense de Madrid, Del Pino atópase desde 2022 á fronte “do órgano de ciencia máis importante de España e un dos máis importantes de Europa”, sinalou o decano de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela, na apertura deste relatorio. Inserida na programación conmemorativa do 25 aniversario da implantación destes estudos na UVigo, esta actividade permitiu tamén traer de volta á facultade unha investigadora que, lembrou Varela, foi profesora do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional deste centro durante 13 anos. Así mesmo, Del Pino foi tamén subdirectora de Análise Institucional na Autoridad Independiente de Responsabilidad Fiscal (AIReF), directora do Gabinete da ministra de Sanidad, Consumo y Bienestar Social entre 2018 e 2020 e directora do Observatorio de Calidad de los Servicios da Agencia de Evaluación de Políticas y Calidad de los Servicios (AEVAL).
O crecemento do “ecosistema” que conecta ciencia e política
O obxectivo desta conferencia, sinalou Varela, foi afondar en “por que utilizar a ciencia na toma de decisións políticas, co fin de conseguir unha mellor sociedade”. A este respecto, Del Pino puxo de relevo que a evidencia científica permite “unha xestión profesional dos temas públicos” e que as decisións das e dos políticos “se baseen en datos e non soamente en percepcións ou ideoloxía”. Neste punto, a presidenta do CSIC defendeu “que a maioría dos políticos cos que me relacionei querían datos, querían información”, aínda que logo os recursos económicos dispoñibles non lles permitisen “implantar todo o que os científicos estabamos recomendando”. Del Pino recoñeceu nese senso que “non existe a política pública perfecta” e que na toma de decisións políticas é preciso ter en conta “moitos factores”, mais tamén que en calquera ámbito é probable que as medidas propostas xa tivesen sido implantadas e analizadas noutras partes do mundo.
A presidenta do CSIC detívose así mesmo en “como está crecendo en España o ecosistema" que conecta ciencia e política, lembrando iniciativas como a posta en marcha dunha oficina de ciencia no parlamento, a creación dunha oficina de asesoramento científico en Moncloa ou a incorporación dun asesor científico en cada ministerio. Neste punto, a conferenciante detívose no traballo que se leva a cabo desde o CSIC “para contribuír tamén a ese asesoramento” e no que se insiren iniciativas como a colección Science for Policy, centrada en “temas científicos que teñen unha compoñente social” e que son abordados dun xeito divulgativo, coa idea de pór esa evidencia científica ao alcance tanto das e dos responsables públicos, como da propia cidadanía.