No XIII Torneo Internacional Cidade de Pontevedra, que terá lugar do 24 ao 30 de xullo
Preto de 250 xadrecistas de 21 países mediranse no Pavillón Universitario
Promovido pola Escola Xadrez Pontevedra, coa colaboración de Concello, Deputación e UVigo
Entre o xoves 24 e o mércores 30 de xullo, o Pavillón Universitario será sede do XIII Torneo Internacional Cidade de Pontevedra, no que participarán preto de 250 xadrecistas de 21 países. Organizado pola Escola Xadrez Pontevedra (EXP), coa colaboración do Concello, Deputación Provincial e Vicerreitoría do campus, trátase do principal torneo desde deporte en Galicia, sendo ademais o único computable para os títulos de gran mestre e mestre internacional.
Como “o auténtico pulmón do xadrez galego” definiu o xerente do EXP, Pablo García, un torneo que nos últimos anos figurou nos postos 17 e 23 na listaxe de probas máis destacadas da Federación Española de Xadrez. Coas inscricións abertas ata este xoves 23, desde a organización prevén poder superar a cifra de 250 inscritos e inscritas, na que será a edición con maior número de participantes na historia deste aberto internacional, coa excepción das que a pandemia obrigou a converter en virtuais. Isto suporá ademais “establecer un novo récord en Galicia”, destaca García respecto dun torneo presentado este martes no Concello, nunha rolda de prensa que contou coa participación do director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres; e a edil de Deportes, Anabel Gulías.
Xunto ao apoio das diferentes institucións e empresas patrocinadoras, García puxo de relevo a colaboración que a EXP mantén desde hai máis de 20 anos coa Universidade de Vigo e que permite neste 2025 levar, por primeira vez, este torneo internacional ao centro da cidade, “que foi algo que pretendemos sempre”.
Dous grupos de competición
Disputado polo sistema suízo, trátase dun torneo con nove roldas, dividido en dous grupos de competición, máster e amateur, que reunirán, respectivamente, a xadrecistas con puntuacións superiores ou inferiores a 2000 no ránking Elo Fide. En conxunto, outorgaranse 12.850 euros en premios ás e aos mellores clasificados nas diferentes categorías de cada grupo. Ademais, entregarase o Trofeo Ramón Escudeiro Tilve ao xogador ou xogadora que presente analizada a mellor partida de ataque do torneo.
A competición contará coa presenza de “delegacións da China e da India, que son dúas das potencias mundiais máis destacadas”, xunto con xogadores de países como Hungría, Bulgaria, Cabo Verde, Perú, Venezuela, Inglaterra, Escocia, Uruguai, Estados Unidos ou Finlandia. Entre os favoritos para alzarse coa vitoria final figuran grandes mestres como o ucraíno Vladimir Baklan, o italiano Andrea Stella, gañador en 2024, o cubano Carlos Alberto Albornoz ou húngaro Robert Ruck. Así mesmo, entre os inscritos e inscritas destacan tamén nomes como os da gran mestra india Pallathur Nandhidhaa, a cubana Amanda Muñiz Guevara ou a mestra internacional peruana Karen Zapata.
O torneo contará ademais con numerosos campións e campioas de España en diferentes categorías, así como coa participación da selección española xuvenil de xadrez para persoas cegas e con discapacidade visual.
