DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En liña e dirixida especificamente ao ámbito TIC e das enxeñarías

Preto de 300 estudantes na primeira feira de emprego da universidade europea ATHENA

Contouse coa colaboración de nove entidades colaboradoras, unha por cada país membro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 19/10/2022

En liña e dirixida especificamente a estudantes, empresas e institucións dos eidos da enxeñaría e as TIC. Así foi ATHENA Career Event 2022, a primeira feira de emprego da alianza europea de universidades ATHENA, Advanced Technology Higher Education Network Alliance, un evento co que achegar as oportunidades laborais que ofrecen os mercados dos nove países socios de ATHENA ao alumnado das escolas de enxeñaría. Inscribíronse preto de 300 estudantes, alumnas e alumnos que puideron achegarse neste encontro virtual ás diferentes empresas participantes, un lugar no que “as empresas e os futuros buscadores de emprego puideron conectarse, intercambiar e discutir calquera tema relacionado coa vida profesional e as opcións dispoñibles no actual mercado laboral”, explica a directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, Maruxa Álvarez.

O evento, que se prolongou das nove da mañá ata as doce do mediodía, arrancou cunha presentación xeral que correu a cargo de Marcellus Menke e Constantin Bessel, da Universidade de Siegen, en Alemaña. Na súa intervención fixeron unha pequena introdución sobre que é ATHENA para, a continuación, explicar as características da plataforma a través da cal se levou a cabo a feira. “Estamos aquí para falar de futuro, dun bo futuro”, aseguroulles Menke ao alumnado participante.

BorgWarner, representante da área de influencia da UVigo 

A continuación foi a quenda das empresas. Nesta primeira edición da Career Event cada un dos países socios participou na feira cunha entidade externa colaboradora, elixida en función da súa repercusión internacional, capacidade de captar talento e experiencias previas de colaboración coas universidade que forman parte da alianza. Como representante da area de influencia da Universidade de Vigo participou na feira a empresa Borgwarner e foi o seu vicepresidente de Enxeñaría Global, Carlos Castaño, o encargado de facer a presentación. “Carlos é, ademais, antigo alumno da UVigo e na actualidade tamén exerce como profesor do Máster de Enxeñaría da Automoción”, explica a directora da Área de Emprego.

Tras as presentacións das empresas, as alumnas e alumnos participantes tiveron a oportunidade de participar en diferentes salas virtuais destinadas a funcionar como feira de emprego en liña. Ademais da fábrica de automoción BorgWarner participaron tamén diferentes entidades relacionadas co mundo da tecnoloxía (Accenture Baltics,  APEC - Association pour l'emploi des cadres, BVMW - Bundesverband mittelständische Wirtschaft e.V., CEiiA, Endava PLC, Netmechanics LLC., SieguVer, Spentys SA/NV e WINGS ICT solutions).