DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No X Congreso Internacional da Asociación Española de Investigación da Comunicación

Preto de 500 investigadores e investigadoras de 30 países debaterán no campus sobre como “comunicar na incerteza”

Terá lugar do 19 ao 22 de maio

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 09/04/2026

A Facultade de Comunicación acollerá entre o 19 e o 22 de maio un dos congresos máis multitudinarios da súa historia, no que está prevista a participación de máis de 500 investigadores e investigadoras dunha trintena de países. Trátase do X Congreso Internacional da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC), que afondará en “como a incerteza se reflicte” nos medios de comunicación, na publicidade, nas narrativas dixitais ou na comunicación institucional, nuns tempos marcados polas “transformacións tecnolóxicas aceleradas” e pola “desinformación sistémica”, segundo sinalan desde a organización. 

Organizado conxuntamente por este centro e pola “asociación de investigadores máis grande que hai agora mesmo en España”, este congreso bienal constitúe “o punto de encontro da investigación en comunicación máis importante do país”, recoñece Emma Torres, decana da facultade e presidenta do comité organizador. A falta de que se peche o prazo de formalización de matrícula, está prevista a presentación neste foro de 368 estudos por parte de 626 investigadores e investigadoras de 91 universidades de 30 países. Estas cifras engloban tanto a modalidade presencial como a virtual, aberta a un máximo do 20% das comunicacións, o que fai que Torres prevea que este evento poida reunir en Pontevedra preto de 500 investigadoras e investigadores, o que converteríao “no segundo congreso máis grande que tivemos nesta facultade, despois do Lusocom". Trátase ademais da segunda vez que este congreso internacional se desenvolve en Galicia e a primeira que ten lugar na UVigo, representada ademais na xunta directiva da AE-IC polo profesor José Rúas.
 
De aí que Torres sinale a importancia de acoller este evento para “o salto que estamos buscando” na Facultade de Comunicación, un centro “cunha traxectoria, que conta con graos consolidados e cunha oferta de mestrado moi boa” e que busca agora “ter máis presenza en termos de investigación”. A decana sinala nese senso que un evento desta magnitude “non deixa de ser unha oportunidade para que se visualice a facultade como un centro de investigación”. Neste punto, incide no traballo que os grupos de investigación da facultade centran en ámbitos como a comunicación de crise ou a desinformación, xa que conectan directamente co eixe desta edición,“unha temática creo que bastante acaída”, recoñece, dado o papel da comunicación “en situacións de catástrofe, crise ou de incerteza a nivel internacional”.  

Tres sesións plenarias

Os “grandes desafíos” que este contexto implica no eido da comunicación serán os eixes centrais das tres sesións plenarias dun congreso que arrancará na tarde do martes 19 cun acto institucional. Xa o mércores terá lugar o debate centrado “no impacto da desinformación, a polarización discursiva e a radicalización política” na percepción pública e na gobernanza. Contará coa participación de Daniel Hallin,  profesor emérito da Universidade de California, que a organización presenta como “un dos referentes globais en estudos comparativos de medios e política” e que será ademais unha das figuras homenaxeadas na xornada de apertura. Hallin centrará a súa intervención na desinformación e o populismo; mentres que Pilar Garrido, da Universidad de Murcia, falará da desinformación en relación co islam; Juan Carlos Suárez, da Universidad de Sevilla, afondará na idea de posverdade, e Anabela Gradim, da Universidade da Beira Interior, conectará a desinformación coa polarización política en Portugal.

Á xornada seguinte, abordarase o papel de organizacións, institucións e empresas “na xestión da crise, a construción da confianza e o liderado responsable en escenarios de alta complexidade, inestabilidade e risco reputacional”. Farao coa participación do expresidente da sección española de Reporteros sin Fronteras Alfonso Armada; da xornalista Sonia Ruiz; da profesora da Universidade do Estado de Río de Janeiro Cicilia Krohling, quen falará de responsabilidade social e crise climática, e do investigador da Pompeu Fabra Carles Pont. 

Finamente, a sesión do venres conectará estas problemáticas co “ecosistema dixital actual, analizando como as plataformas, os algoritmos e a intelixencia artificial configuran novas formas de desorde informativa, segmentación de audiencias e disputas pola atención e verdade”. Esta mesa reunirá a Emiliano Terré, da Universidade de Cardiff, quen porá o foco no nesgos algorítmicos; Eurídice Cabañes, da Autónoma de Madrid, quen falará de “tecnoloxía para a transformación social”; Felipe Lage, presidente da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), e Nagore de los Ríos, da Forta, quen reflexionará sobre “os medios ante o cambio de tendencia”. 

Ademais destas mesas e da sesión inaugural, na que tamén se renderá homenaxe á catedrática emérita da Universitat Autónoma de Barcelona e ex-presidenta da AE-IC Rosa Franquet, ao longo do congreso desenvolveranse un total de 64 sesións paralelas, nas que investigadores e investigadoras presentarán máis de 350 comunicacións. Trátase dun conxunto de estudos articulados arredor de trece liñas temáticas, que abranguen desde a comunicación estratéxica, política e publicitaria, aos estudos sobre o discurso, a historia da comunicación social, a produción e circulación de e contidos, os novos medios ou o xénero e a comunicación. Neste punto, Torres sinala que un dos obxectivos desta edición é por o foco tanto nas investigacións centradas nos eidos da publicidade e as relacións públicas, como a necesidade dun maior número de proxectos centrados nestes ámbitos. “Un dos problemas que temos é que no campo da publicidade, polo seu carácter máis comercial, máis vinculado á empresa, estase facendo pouca en investigación”, recoñece.