DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo acolle o XIII Congreso Internacional de Psicoloxía Xurídica e Forense

Preto de 600 especialistas e profesionais afondan nas múltiples vías que conectan psicoloxía e lei

Desenvólvese de xeito virtual, con asistentes de once países

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 28/10/2021

Coas súas inscricións cubertas desde xullo, preto de 600 especialistas e profesionais asisten desde este xoves, de xeito virtual, ao XIII Congreso Internacional de Psicoloxía Xurídica e Forense, que promoven o grupo de investigación PS-1, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a Sociedad Española de Psicología Jurídica y Forense (SEPJF) e a Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela. Entre este xoves e este sábado, investigadores, profesionais e axentes xurídicos de once países toman parte nas 21 mesas de expertos e expertas, oito simposios, sete sesións aplicadas e mesas de presentación de comunicacións que conforman o programa dun congreso que a Universidade de Vigo acolle por primeira vez e que busca afondar nos múltiples ámbitos de relación entre psicoloxía e lei, desde a súa aplicación no ámbito dos tribunais e o dereito, á psicoloxía penitenciaria e policial, a vitimoloxía ou a mediación.

Deste xeito, os criterios de actuación xudicial para decidir sobre a custodia dos fillos e fillas, o estudo da violencia filio-parental, as prácticas de xustiza restaurativa, a mediación de conflitos, a protección dos menores en procedementos de familia ou os novos modelos de valoración e risco da violencia de xénero son algunhas das cuestións que nestes días centran un congreso que inicialmente ía ter lugar en Vigo e que finalmente leva a cabo de xeito virtual. Todas elas, como sinalou na súa inauguración o reitor, Manuel Reigosa, son temáticas “absolutamente sensibles e de máxima importancia” para todas aquelas institucións que buscan “unha sociedade máis xusta, igualitaria e desprovista de violencia”. Coa catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor Francisca Fariña como presidenta do comité organizador, este congreso busca explorar as diferentes “vías de colaboración entre xuristas e psicólogos”, que permitan contribuír “a que a xustiza teña ese rostro humano”, subliñou Reigosa. 

Unha disciplina fundamental para o labor xudicial

A psicoloxía xurídica, da que forma parte a forense, “é unha psicoloxía para o dereito, unha psicoloxía do dereito e unha psicoloxía no dereito”, subliñou Fariña, que incidiu en que, ante todo, o propósito desta disciplina “é axudar a que a xustiza sexa o máis eficiente e o máis humana posible e atenda ao benestar das persoas, en liña co que establece a xustiza terapéutica e restaurativa”. Nese mesmo senso, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, puxo de relevo neste acto que a psicoloxía forense é “unha disciplina fundamental para os xuíces e xuízas”, dado que os informes periciais son unha “parte esencial” en procedementos “especialmente sensibles”, como os relativos a cuestións de familia, delitos sexuais ou violencia machista.

De aí que o presidente do TSXG puxese de relevo a necesidade de maiores medios materiais e humanos para reducir o tempo de espera, en termos xerais superior a un ano, para a obtención dos informes periciais, aspecto no que tamén incidiu o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín, que subliñou a importancia dos ditames psicolóxicos “para conformar as decisións xudiciais”. Trátase dunha “ferramenta especialmente útil e fiable para unha correcta impartición da xustiza, cada vez máis esencial en determinados procesos”, engadiu nesta mesma liña o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes.

Mesas de expertos, conferencias, simposios e sesións aplicadas

Desde os seus comezos, explica Fariña, o congreso contou con sesións simultáneas co propósito de poder “abranguer todos os campos da psicoloxía xurídica, dando voz a investigadores e profesionais”, o que acontece tamén nesta edición virtual, que conta con asistentes de España, Colombia, México, Chile, Perú, Portugal, Alemaña, Estados Unidos, Costa Rica, Italia e Países Baixos. Deste xeito, desde a mañá deste xoves sucédense nas diferentes salas do Palacio de Congresos virtual da UVigo unha serie de mesas de expertos, “que son propostas e organizadas” polos académicos e profesionais que integran a xunta directiva da SEPJF e coordinan as súas diferentes divisións. A presentación, coordinada por José Manuel Muñoz e Carmen Delgado, da guía de criterios de actuación xudicial para decidir sobre a custodia dos fillos tras a ruptura de parella do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) e un debate sobre relación positiva e negativa entre humanos e animais abriron esta mañá unha serie de 21 mesas que ao longo do congreso poñen o foco no desenvolvemento da psicoloxía militar en España, o tratamento interdisciplinar dos casos de familia, a necesidade de intervención e valoración psicolóxica pericial na lei de eutanasia, as necesidades terapéuticas da muller encarcerada, a coordinación de parentalidade ou na protección da infancia e adolescencia.

Así mesmo, tras o acto inaugural tivo lugar a primeira das conferencias plenarias, a cargo do catedrático de Psicoloxía da Universitat de Barcelona Antonio Andrés Pueyo, quen afondou nos resultados dunha investigación dirixida a comprobar os efectos do “acompañamento non penitenciario” na rehabilitación, tras saír de prisión, de persoas que xa cumpriran as súas condenas. Mañá venres, o catedrático da USC Jorge Sobral protagonizará un relatorio sobre “psicopatía e capitalismo 2.0”, mentres que o sábado o catedrático da Universidad de Salamanca Félix López abordará a situación dos abusos sexuais a menores e a fiscal da Sala contra la Violencia sobre la Mujer de la Fiscalía General del Estado. Teresa Peramato, impartirá un relatorio titulado Vítimas: mulleres, fillas e fillos. Perspectiva de xénero.

De xeito paralelo, o congreso acolle oito simposios, que propoñen unha serie de debates sobre adolescentes e violencia, procesos de radicalización xihadista no ámbito das penitenciarías ou trata de persoas; así como sete sesións aplicadas sobre peritaxes no ámbito penal, valoración da garda e custodia ou avaliación dos delitos de ‘colo branco’. Asemade, presentaranse máis de 120 comunicacións ao longo das tres xornadas deste congreso, que dará pé á súa vez a tres publicacións, un libro de actas, outro de resumos e un volume da serie de publicacións da SEPJF, indexado na Web of Science.

Un camiño que comezou na UVigo

Aínda que exercía por primeira vez como anfitrioa deste foro, “a semente que deu orixe” á SEPJF pode atoparse, como lembrou Fariña neste acto, na Universidade de Vigo, e mais en concreto, nas Xornadas de Psicoloxía e Lei impulsadas a comezos da década de 1990 xunto coa Unidade de Psicoloxía Forense da USC. Estas, como explicou a catedrática, deron lugar posteriormente á organización dun congreso nacional en 2004, no que se creou esta sociedade. De feito, lembrou Fariña, a UVigo tivo tamén un papel protagonista no nacemento da revista científica desta asociación, The European Journal of Psycology Applied to Legal Context, “que hoxe é a primeira do mundo no seu ámbito no ránking JCR”.