DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos puntos habilitados nas diferentes facultades e escolas

Preto dun cento de RAEEs reunidos na décimo terceira campaña de recollida do campus

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 24/11/2020

Ordenadores, teclados, monitores, impresoras, teléfonos móbiles, videoconsolas, cámaras, secadores... A XIII Semana de Recollida de RAEEs (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), unha das accións promovidas polo programa Green Campus, permitiu reunir ao longo da pasada semana preto dun cento de electrodomésticos e compoñentes informáticos co propósito de que sexan trasladados a un xestor autorizado no tratamento destes residuos, coa excepción daqueles aos que poida darse un novo uso. 

A actividade, que cada curso forma parte do plan de acción do Green Campus, e que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente da Universidade, ten como obxectivo concienciar á comunidade universitaria da importancia que ten o correcto tratamento deste tipo de residuos. Non en van, como sinalaba, o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, “moitos aparellos eléctricos ou electrónicos poden levar, aínda que sexa en pequenas cantidades, elementos perigosos para o medio ambiente, de difícil eliminación”. 

A EE Forestal e CCSS e da Comunicación, os centros máis participativos

Ao longo desta semana, reuníronse nos puntos de recollida instalados nas diferentes facultades e escolas, na sede da Vicerreitoría e no Pavillón Universitario 83 electrodomésticos e equipamentos informáticos, xunto con decenas de compoñentes informáticos, transformadores e cargadores e cables. Non obstante, debido a un problema coa empresa encargada da xestión destes residuos, esta serie de RAEEs permanecerán nos puntos de recollida nos próximos días, o que fará posible, explican, que poidan sumarse novos aparellos aos depositados ao longo da pasada semana.

A Escola de Enxeñaría Forestal e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación foron os centros con maior participación nesta XIII Semana de Recollida. No primeiro dos centros reuníronse un total de 36 aparellos, así como varios cargadores, transformadores, compoñentes electrónicos e cables. No caso de CCSS e da Comunicación, depositáronse no punto habilitado preto dunha trintena de aparellos.