O investigador da Universitat d´Alacant Pablo Sánchez ofreceu un relatorio este martes
Prevención e mitigación dos escapes de peixes na acuicultura nunha nova sesión de 'Café con Sal'
Os eventos extremos vinculados ao cambio climático afectan, entre outros moitos sectores, ao da acuicultura mariña, especialmente por perdas de biomasa e danos nas súas instalacións. Estes escapes de peixes da acuicultura en gaiolas mariñas están considerados unha seria ameaza para a biodiversidade natural no ecosistema costeiro, pois os peixes que se escapan poden causar efectos xenéticos indesexables nas poboacións nativas a través do cruzamento, así como efectos ecolóxicos a través da depredación, a competencia e a transmisión de enfermidades aos peixes salvaxes. Ante este escenario, o proxecto Gloria (Global Change Resilence In Aquaculture), financiado pola Fundación Biodiversidad, traballa no desenvolvemento de plans de mitigación e continxencia en gaiolas mariñas flotantes ante un escenario de cambio global, no que eventos climáticos extremos afecten a estas instalacións dun xeito máis recorrente e intenso.
Investigador principal do proxecto Gloria, especialista en xestión ambiental da acuicultura e docente da Universitat d´Alacant, Pablo Sánchez, ofreceu este mediodía a través de Campus Remoto un relatorio ao abeiro do ciclo Café con Sal titulado Criando peixes no mar: que sucede cando se escapan? Nesta conferencia o investigador presentou as necesidades de xestión na prevención e mitigación dos escapes de peixes en acuicultura, prestando especial atención ao que pode acontecer na salmonicultura.
As actividades de Café con Sal , organizadas pola Ecimat, continuarán o vindeiro 6 de outubro co relatorio Biparental inheritance of mtDNA in humans: what can research on marine mussels tell us? a cargo de Ángel Pérez Diz, do grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética, CIM-UVigo