DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido a todo o alumnado matriculado nas universidades galegas

Primeiro concurso de vídeos ‘Móvete polos ODS’

Poderán presentarse ata un máximo de tres obras de xeito individual ou colectivo ata o 30 de setembr

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 15/09/2021

Dirixido a dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas  e sensibilizar á comunidade universitaria, e á sociedade en xeral, sobre a importancia de que todas as persoas formen parte da solución aos grandes retos mundiais sobre as desigualdades, tanto sociais como de xénero, o cambio climático, a perda da biodiversidade, etc... a Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento, na que se integran as tres universidades galegas, lanzou este verán o I Concurso de vídeos Móvete polos ODS ao que poden presentarse ata o vindeiro día 30, tanto de xeito individual como colectivo, o alumnado matriculado nas universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela.

O concurso está aberto a vídeos dun máximo dun minuto de duración en formato mp4 –cunha resolución de 1920x1080, aínda que tamén se admite de 1280x720p-, centrados en como se pode contribuír individualmente ou a través dunha organización á consecución dalgunha das 169 metas nas que se materializan estes obxectivos e, para iso, cada participante dará a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e exporá algún compromiso concreto respecto á contribución aos ODS que elixa. 

Premios de entre 550 e 200 euros

Todos os vídeos presentados que cumpran coas bases do certame subiranse o vindeiro día 18 de outubro a YouTube e gañarán os tres vídeos que o 16 de novembro ás 14.00 horas obtivesen máis likes. Recibirán como premio unha dotación económica de 550, 350 e 200 euros e, ademais, o xurado outorgará un premio de 400 euros ao vídeo máis innovador, para o que terá en conta criterios como o axuste á temática do concurso, a presentación, a orixinalidade e creatividade e a calidade técnica. Co obxecto de valorar estes aspectos, xunto co vídeo, a persoa participante poderá incluír no apartado de explicación da peza, aqueles aspectos que permitan axudar ao xurado a puntuar estes criterios.

Os vídeos deberán enviarse antes das 14.00 horas do vindeiro día 30 por sede electrónica ao Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, incluíndo a referencia ao título do vídeo, unha breve descrición do traballo e os datos de autoría (nome, universidade de procedencia, dirección de correo electrónico e teléfono de contacto). Poderanse presentar ata un máximo de tres vídeos por persoa ou grupo de persoas. Para acadar máis información ou realizar consultas, as persoas interesadas poden dirixirse a sepiu.santiago@usc.gal, ocv@udc.gal ou a direc.rsco@uvigo.gal.