DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unhas xornadas afondaron este venres no tratamento penitenciario deste terrorismo

As prisións e a aplicación da legalidade, ámbitos “clave” na loita contra o xihadismo

A Facultade de Dereito tamén acolleu unha nosa sesión do seu Curso de Actualización Xurídica

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Académica
DUVI Ourense 20/11/2020

O tratamento penitenciario dos terroristas xihadistas, tanto menores como adultos, foi o tema central dunha xornada que baixo o título Seguridade e tratamento no ámbito penitenciario celebrou este venres a Facultade de Dereito do campus de Ourense a través do Campus Remoto da UVigo. Nela, José Luis Castro, maxistrado-xuíz do Xulgado de Violencia Penitenciaria de Menores da Audiencia Nacional, e Carola García-Calvo, investigadora principal do programa sobre radicalización violenta e terrorismo global do Real Instituto Elcano, subliñaron o papel clave da administración peniteciaria e da xustiza na loita contra este terrorismo. Esta facultade tamén celebrou este venres unha nova sesión do seu Curso de Actualización Xurídica, centrada nesta ocasión na xustiza penal negociada.   

Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, salientou como a xornada Seguridade e tratamento no ámbito penitenciario, á que se conectaron 70 persoas, centrouse en abordar “un tema de máxima interese e actualidade” como é o terrorismo xihadista, agradecendo aos dous relatores, “ourensáns en Madrid” e expertos nesta temática desde disciplinas diferentes, a súa participación nela. Pola súa banda, Manuel Arias, secretario xeral da Subdelegación do Goberno en Ourense e profesor de Dereito Penal da UVigo encargado de moderar a xornada, destacou na súa presentación como este terrorismo supón “unha ameaza permanente” e global, indicando como no primeiro semestre de 2020 producíronse máis de 4800 en todo o mundo por esta causa e como na actualidade son arredor de 400 os xihadistas en prisións españolas, entre “penados e preventivos”.

Da radicalización á reintegración

A primeira das intervencións correu a cargo de Carola García-Calvo, que explicou como por xihadistas se considera “a individuos que se teñen radicalizado na ideoloxía do salafismo xihadista. Esta ideoloxía é unha interpretación ultrarigorosa do credo islámico que ademais inclúe un compoñente violento, xa que xustifica moral e utilitariamente a violencia como un medio para conseguir outro tipo de obxectivos”. A investigadora fixo un repaso polo contexto no que se desenvolve esta problemática e a súa evolución en España, lembrando como os internos condenados por delitos de terrorismo xihadista entran nos centros españoles a mediados de 1990. Esta realidade, detallou, faise “patente para a sociedade en 2004 a raíz dos atentados do 11-M e a operación Nova” e a partir de 2012 convértese “nunha prioridade para as autoridades españolas e europeas” a raíz da última mobilización xihadista e dado o incremento de individuos condenados por estes delitos.

Na súa intervención, entre outras moitas cuestións, García-Calvo abordou “as tres dimensións” nas que operan os centros penitenciarios en relación co xihadismo. Así, apuntou, estes centros son lugares nos que se poden dar ou se dan procesos de radicalización violenta vinculados á ideoloxía do salafismo xihadista; a articulación de grupos xihadistas e a rehabilitación destes terroristas e preparación da súa reitegración unha vez cumpran a súa débeda coa xustiza. Por este papel tanto na prevención como no tratamento e reintegración destes individuos, a experta subliñou que estes centros “son por tanto un ámbito clave na loita antiterrorista neste país”.

Pola súa banda, José Luis Castro lembrou como aínda que o terrorismo xihadista sexa moi diferente, as décadas de loita contra o terrorismo de ETA e Grapo en España teñen permitido a este país afrontar esta problemática en mellores condicións que outros países. O maxistrado-xuíz, apuntou como o terrorismo xihadista “supuxo un reafirmamento do que é o estado en relación ás sociedades democráticas” e dos principios de seguridade que se deben manter de cara ao exterior. Durante a súa intervención subliñou como “a loita contra o terrorismo só se pode facer desde a legalidade máis estrita, mantendo as garantías, mantendo os dereitos en todos os ámbitos de actuación daquelas persoas que son detidas, ingresadas en prisión en agarda do xuízo e condenadas”. “Se o facemos desde a perspectiva da máis estrita legalidade estaremos dando a resposta axeitada que nos lexitime fronte a esta barbarie”, afirmou José Luis Castro facendo fincapé en que “en ningún momento debemos converter neste caso o dereito penal ou dereito penitenciario nun dereito do inimigo”. A lei, recalcou, é “a bandeira fundamental que temos que ter na loita contra o terrorismo”.

Durante a súa intervención, José Luis Castro abordou cuestións como a directiva europea na materia, salientando a necesidade de que inclúa non só referencia á garantía no proceso e ao respecto dos dereitos fundamentais senón que tamén inclúa a fase de execución da pena. Ademais, o maxistrado-xuíz subliñou na súa intervención como a administración penitenciaria española ten feito “esforzos enormes” no eido do terrorismo xihadista. Repasando o perfil dos ataques xihadistas acontecidos nos últimos meses en Europa, José Luis Castro indicou asemade que “temos que ser profundamente coidados cos programas tratamentais para que non sexan empregados polos condenados desde unha perspectiva utilitarista, para obter beneficios penitenciarios”.

Nova sesión do Curso de Actualización Xurídica

A Facultade de Dereito tamén organizou este venres a través do Campus Remoto da UVigo a terceira sesión do Curso de Actualización Xurídica. Nesta ocasión Mário Ferreira Monte, catedrático de Dereito Penal da Escola de Dereito da Universidade do Minho (Portugal), ofreceu unha conferencia titulada A xustiza penal negociada: perspectivas e problemas. Durante a sesión, presentada por Javier de Vicente Remesal e á que se conectaron arredor de 40 persoas, o experto abordou as características desta xustiza, as súas problemáticas e como debería ser facendo fincapé no contraste que supón que esta xustiza está a empregarse cada vez máis en dous tipos de criminalidade moi diferentes, por unha banda nos casos “máis graves e altamente organizados” e por outra nos casos “interpersoais, con menor potencial ofensivo”.