DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fernando Martínez encabeza a única candidatura ao Decanato de Dirección e Xestión Pública

Proclamada de xeito provisional este mércores

A votación terá lugar o 16 de setembro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/07/2026

O profesor da Área de Ciencia Política e da Administración Fernando Martínez é o único candidato a situarse á fronte do Decanato da Facultade de Dirección e Xestión Pública, tomando o relevo do actual decano en funcións, Enrique Varela. Coordinador do Grao en Dirección e Xestión Pública, Martínez Arribas encabeza unha candidatura que completan Sara Torres, Óscar Briones e Bruno González e que este mércores era proclamada de xeito provisional, no marco dun procedemento electoral que se completará coa votación prevista para o 16 de setembro. 

“Preséntome porque creo que podo achegar algo coa experiencia destes máis de dous anos na coordinación do grao, que me permitiron ter unha visión transversal das dinámicas da facultade”, salienta o candidato, quen engade que “non tería dado ese paso sen o equipo que me acompaña” e que combina a incorporación de “xente nova coa continuidade” de dous membros do actual equipo, Briones e Torres, “porque penso que as cousas se fixeron moi ben e hai que tratar de fortalecelas e melloralas onde se poida”.

Doutor en Dereito Público e Teoría do Estado pola Universidade de Santiago de Compostela, Martínez Arribas é profesor da facultade desde 2012 e integrante do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3. A súa candidatura complétana Bruno González, que sería o secretario académico; Óscar Briones, como vicedecano de Calidade, Innovación, Emprebabilidade e Sustentabilidade, e Sara Torres, como vicedecana de Captación, Igualdade e Mobilidade. Tras a apertura dun período de reclamacións, a súa proclamación definitiva terá lugar o mércores 22 e someterase á votación da Xunta de Facultade o 16 de setembro, debendo acadar máis votos favorables que en contra para a súa proclamación.

Empregabilidade, captación e innovación

Entre “os piares que queremos fortalecer, continuando co traballo” do actual equipo, Martínez pon o foco en eidos como a captación de alumnado, “tendo presente que nos próximos anos imos comezar a sufrir o reto da baixada demográfica”. Neste punto, sinala o papel que pode xogar a modalidade virtual do grao, o que lévao a incidir na importancia de “seguir potenciando a virtualización e a innovación", tendo en conta a “especificidade” dunha facultade que foi a primeira do Sistema Universitario de Galicia en implantar un grao con modalidade virtual. 

Outro dos piares, engade, será a empregabilidade, un ámbito dentro do que apunta a necesidade de seguir reclamando que diferentes administracións inclúan “o perfil específico dos titulados e tituladas en Dirección e Xestión Pública” nas súas ofertas de emprego público. Ao mesmo tempo, avoga por potenciar as “fórmulas de colaboración” coas administracións locais, mentres que, en materia de docencia, sinalou que o labor desenvolvido ata o de agora vese reflectido nas “altas taxas de satisfacción por parte do alumnado”, que sitúan á facultade como un dos centros con mellores puntuacións nas enquisas de satisfacción da UVigo. Isto lévao a avogar por continuar traballando nesa liña, así como por tratar de reducir as taxas de abandono. 

Martínez salientou tamén a aposta da candidatura pola sustentabilidade e a igualdade, mentres que en materia de mobilidade apostou por potenciar “fórmulas que están funcionando moi ben, como os BIP, cursos intensivos” de curta duración. Outro dos obxectivos será tratar de conseguir que o centro conte con maior apoio de persoal técnico de xestión, administración e servizos, “e niso cremos que se abre unha ventá de oportunidade co novo equipo reitoral”, sinala. Do mesmo xeito, “outro tema importante para nós é tratar de buscar unha solución, dentro do posible, á exclusión” das titulacións do centro do proxecto de especialización Campus Crea, avogando por “buscar fórmulas para incorporar a facultade ao proceso”.

“Creación e consolidación” dunha nova facultade

No caso de acadar o apoio da Xunta de Facultade, Martínez tomaría o relevo de Enrique Varela, que desde decembro exerce como decano en funcións, tras non presentarse candidaturas no anterior proceso electoral aberto no centro. Varela foi elixido en novembro de 2022 primeiro decano da recentemente creada da Facultade de Dirección e Xestión Pública, despois de exercer desde 2020 como decano comisario, no proceso de constitución deste centro. Nese senso, o decano en funcións salienta que, ao longo deste período “creamos e consolidamos” unha facultade que, lembrou, puxo en marcha o primeiro grao virtual dentro do SUG. “Conseguimos demostrar que é algo importante para unha universidade presencial”, subliñou Varela, que destacou tamén na aposta do centro por impulsar, "apoiándose nestas canles virtuais”, a internacionalización con América Latina.

Ao mesmo tempo, destacou a “consolidación da matrícula do grao”, que cubriu nos últimos anos todas as súas prazas de novo ingreso, tanto na modalidade presencial como na virtual, así como o incremento de alumnos e alumnas que sitúan esta titulación “como primeira opción”. Nesa mesma liña, puxo en valor a traxectoria do mestrado virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional, que recibe “preto de 160 solicitudes para 25 prazas”.