DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coral del Río, xunto a Carlos Gradín, lidera desde a UVigo un proxecto nacional

Na procura de novas perspectivas para investigar as desigualdades, a segregación escolar e as fendas de xénero

Aplicando novas ferramentas realizarase unha análise máis precisa destes fenómenos socioeconómicos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/10/2024

Desigualdad y oportunidades: el papel de la inseguridad económica, las políticas laborales y la educación é o título do proxecto liderado pola catedrática da UVigo Coral del Río Otero no que tamén participa o catedrático da institución académica viguesa Carlos M. Gradín Lago e investigadores e investigadoras da Universidad de Alcalá, UNED e da London School of Economics and Political Science. Dirixido desde a UVigo e coordinado con outros tres proxectos nacionais, o traballo de Del Río e Gradín e no que tamén participa o doutorando da UVigo Adrián Hernández Martín, aborda varios aspectos dentro da temática das desigualdades e as oportunidades incluíndo, entre outros, a desigualdade de ingresos, a pobreza económica e as diferenzas nos sistemas escolares por nivel socioeconómico. “O noso traballo inclúe tanto enfoques metodolóxicos como empíricos. Entre os primeiros, elaboraremos indicadores cos que avaliar estes fenómenos socioeconómicos, mentres que entre os segundos realizaremos estudos para diferentes países (España, UE, EE.UU, Chile ou Mozambique) e tamén para a poboación total a nivel mundial”, detalla a catedrática e investigadora de Ecobas. 

Contribuír aos estudos internacionais sobre tendencias na desigualdade global, así como nas diferentes dinámicas seguidas pola desigualdade entre países e no interior dos mesmos e na mobilidade social ao longo do tempo, avaliando a robustez destas tendencias, é un dos obxectivos do proxecto, que tamén analiza os patróns de mobilidade de diferentes niveis de renda dun país dentro da distribución mundial, por exemplo, o ascenso da clase media chinesa, fronte ao retroceso doutros países. “Un segundo gran obxectivo do proxecto é proporcionar indicadores cos que avaliar a distribución do alumnado nos centros de ensino, incorporando a calidade escolar á medición”, explica Coral del Río, que destaca a pretensión deste traballo de dar un paso máis no estudo da segregación escolar, “xa que pretendemos avaliar a perda de oportunidades que está a acontecer, derivada da elevada concentración de grupos desfavorecidos en centros educativos con menores recursos. O obxectivo final é aplicar este enfoque aos sistemas educativos de varios países da OCDE, aqueles nos que contemos con información estatística axeitada para facelo”.

No proxecto tamén se aborda o estudo das fendas de xénero en diversos países e a medición das peculiaridades da distribución da renda, e os niveis de pobreza, das parellas de gays e lesbianas en EEUU, onde existen bases de datos cun tamaño o suficientemente grande como para abordar polo miúdo a realidade económica destas minorías que, polo seu reducido tamaño, non son xeralmente obxecto de estudo. 

Innovación nos datos e nas ferramentas utilizadas

Financiado con 62.500 euros das axudas Proxectos de Xeración de Coñecemento convocadas no marco do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023, o proxecto, cunha duración de tres anos, rematará en agosto do ano 2026. Se ben, as liñas de investigación, segundo recoñecen os seus responsables, parten e son continuación de traballos previos, son innovadoras tanto nos datos, como nas ferramentas utilizadas.

No caso da distribución da renda a nivel mundial o proxecto utiliza un novo conxunto de datos estandarizados, comparables entre países e ao longo do tempo, da distribución da renda en cada país e no mundo (World Income Inequality Database, WIID) que o investigador Carlos Gradín desenvolveu nos últimos anos en UNU-WIDER, en Helsinqui, onde estivo traballando. “Poder contar coa WID, supón un avance moi importante en termos de comparabilidade entre países e polo tanto, de maior precisión nas conclusións ás que podamos chegar. Sendo Carlos Gradín unha das persoas que máis contribuíu a desenvolver esta base de datos, temos unha garantía da calidade do traballo que se vai realizar con ela”, asegura a investigadora de Ecobas. Mentres, no caso da segregación escolar, “en anteriores proxectos propuxemos unha nova metodoloxía para cuantificar a segregación no mercado de traballo, a partires dun enfoque ‘local’ que permite analizar a situación de cada grupo demográfico, por separado, e cuantificar as perdas económicas derivadas da súa segregación ocupacional. Agora, neste proxecto, pretendemos adaptar este enfoque ao estudo das consecuencias da segregación escolar”, explica Del Río. 

O traballo tamén é innovador en canto á aplicación de ferramentas que permiten unha análise máis precisa que as empregadas con anterioridade, por exemplo grazas á utilización de métodos de descomposición para cuantificar de maneira consistente a contribución de cada país tanto aos cambios na desigualdade entre países como no interior dos mesmos, ou para poder cuantificar con maior precisión o efecto do maior crecemento da poboación na África subsahariana, entre outros.

Caída da desigualdade entre países e elevada segregación escolar por status económico

A investigación dos catedráticos da UVigo desenvólvese logo que nas últimas décadas, segundo confirma Gradín, a distribución mundial da renda amosase un cambio substancial cunha forte caída da desigualdade entre países, caracterizada polo rápido crecemento económico experimentado por China e, en menor medida, a India e outros países asiáticos. “Pero tamén se percibe un aumento ou persistencia da desigualdade no interior dos países, cunha gran heteroxeneidade por rexións, por exemplo, un forte aumento en China e India tras as reformas estruturais que abriron as súas economías, fronte á redución acontecida nas pasada década en América Latina, etc.”, explica Carlos Gradín.

Doutra banda, a catedrática da UVigo tamén destaca que en España os niveis de segregación escolar do alumnado procedente de familias inmigrantes, segundo a titularidade da escola (pública, concertada e privada) é moi elevado. Do mesmo xeito, en países como EEUU son moi importantes os niveis de concentración do alumnado afroamericano ou hispano en determinados centros educativos, neste caso sendo este un proceso moi ligado ao elevado nivel de segregación residencial existente. “En xeral, a segregación escolar por status socioeconómico é elevada na maioría das sociedades e neste proxecto buscamos cuantificar as perdas que este modelo de distribución do alumnado está a provocar nas clases sociais con menos recursos ou con maior vulnerabilidade”, sinala.